Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13682

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 14 de febreiro de 2022 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, con domicilio no lugar da Seara, número 89 A, Quiroga (Lugo).

Feitos:

1. O 14 de decembro de 2021, Xosé Xavier Blanco Nogueira, presidente do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz constituírona Martina Ferradás Martínez e Xosé Xavier Blanco Nogueira mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 23 de novembro de 2021, ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 2.606.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «difundir e promover a conservación, melloramento, protección, vixilancia e desenvolvemento da música de raíz».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Xosé Xavier Blanco Nogueira, como presidente; Daniel Blanco Verdeal, como vicepresidente; Martina Ferradás Martínez, como secretaria; e Cian Pérez Ferradás, José María Ferradás Martínez, a entidade Outonía Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil, representada por Araceli Macías Rodríguez, e o Concello de Quiroga, representado polo seu concelleiro de cultura José Luis Rivera Castro, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 7 de febreiro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo