Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13854

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1.

En virtude da Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 224, do 25 de novembro) convocouse o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de publicación da convocatoria e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superen a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar o procedemento que se debe seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1.

De acordo co establecido na base II.3 da convocatoria, os méritos baremables na fase de concurso deberán referirse á data de publicación no DOG da convocatoria, que foi o 25 de novembro de 2019.

Segundo. No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no DOG, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Deberán acceder á seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo, na cal poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados no seu expediente electrónico.

Para acceder poderán empregar calquera dos seguintes métodos de acceso:

• Certificado electrónico.

• Chave365 ou DNI electrónico.

• Para o persoal con destino na actualidade na Xunta de Galicia, o usuario/chave do directorio electrónico da Xunta de Galicia.

Unha vez que accedan á aplicación informática, poderán xerar o impreso de conformidade ou o impreso de emenda, a partir dos datos que constan no seu expediente persoal.

Comprobados os datos que figuran no seu expediente electrónico, a persoa interesada poderá validalos ou tramitar a súa desconformidade.

a) No suposto de estar conforme cos datos consultados, validaraos sen facer ningún cambio, pechará o impreso e realizará a presentación electrónica.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Para a presentación da solicitude a persoa interesada deberá premer no botón «Pechar e presentar impreso de conformidade».

A continuación poderá xerar en formato PDF o seu impreso de conformidade, no cal se visualizarán o número de rexistro e a data de presentación como xustificante da presentación.

b) No suposto de amosar a súa desconformidade por non estar de acordo con algún ou algúns dos datos, por non constaren, seren erróneos ou incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada e xerar un impreso de emenda.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Na epígrafe «Datos da súa unidade de persoal» no campo «Nome» deberá escribir «Dirección Xeral da Función Pública» e no campo de «Enderezo» deberá escribir «Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela».

Ao finalizar as correccións, modificacións ou inclusións de novos datos, a persoa interesada pechará a súa solicitude premendo no botón «Pechar e xerar impreso de emenda».

A persoa interesada deberá asinar o impreso de emenda e deberá remitilo á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela, e achegar toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados, de conformidade co establecido no punto cuarto desta resolución.

Se a persoa interesada non pode acceder á aplicación informática, poderá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83.

Terceiro. Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou no impreso de emenda serán os que poda valorar o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera impreso de conformidade ou de emenda e a documentación xustificativa dos méritos, que non reúna os requisitos ou que fose rexistrado fóra do prazo establecido no punto segundo desta resolución terase por non presentado.

Todos os datos reflectidos no expediente administrativo das persoas interesadas e que xa consten validados con anterioridade serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso, sempre que estean referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha documentación acreditativa de novos méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, xustificando documentalmente que foi solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, non fose recibida pola persoa interesada no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamación á baremación provisional.

Fóra deste suposto e prazo non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

As persoas interesadas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no DOG, rexistrasen no sistema informático a validación dalgún mérito no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a documentación complementaria para acreditar debidamente os méritos alegados.

A petición de valoración de cursos acreditarase mediante copia auténtica ou orixinal do certificado de asistencia ao curso, en que deberán constar o organismo ou entidade que organizou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de horas lectivas.

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegarse coa súa tradución para o castelán ou galego, que deberá efectuar:

a) Un tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) A representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadá a persoa interesada.

Cuarto. Remisión da documentación acreditativa dos méritos alegados

Toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados pola persoa interesada no seu expediente administrativo deberá ser remitida á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela, tendo en conta o seguinte:

Os certificados asinados electronicamente e os documentos electrónicos poderán remitirse a través do rexistro electrónico. A persoa solicitante, para a remisión electrónica, empregará o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conteñen un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se a documentación que se presente é un documento orixinal en papel ou carece de sinatura electrónica e/ou validación electrónica, deberá presentarse nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica de documento.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde en que figura cada un dos méritos na solicitude de validación.

As persoas interesadas que o desexen poden facer uso do modelo incluído nesta resolución como anexo III.

Quinto. Acreditación da experiencia profesional nas administracións públicas

A experiencia profesional nas administracións públicas acreditarase mediante certificación emitida polas persoas titulares das unidades que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal do centro ou órgano, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/grupo/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

Emitirase un certificado individual por cada categoría/grupo/especialidade.

Os certificados poderán comprender unha ou varias vinculacións, sucesivas ou non.

No certificado empregarase o modelo previsto no anexo I desta resolución.

Só será necesario acreditar a experiencia profesional que non conste no expediente electrónico ou da que se faga algún tipo de emenda.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Modelo certificado méritos experiencia profesional

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso.

Datos da persoa certificadora:

Don/dona

Cargo e entidade

CERTIFICA que segundo os datos que constan neste centro directivo, don/dona ....................................................................................................., con DNI...................................., ten acreditados os seguintes méritos sobre a experiencia profesional segundo o disposto na base II.2 da convocatoria:

Categoría-Grupo-Especialidade:

Réxime xurídico do vínculo:

Denominación do posto de traballo

Período

Xornada

Porcentaxe da xornada a tempo parcial %

Observacións

Do

Ao

O que fago constar para os efectos de participación da persoa interesada no proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 224, do 25 de novembro), e asino esta certificación en............................................., ......... de.................................... de 2022.

ANEXO II

Modelo certificado exercicio de dereitos de conciliación

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso.

Datos da persoa certificadora:

Don/dona

Cargo

CERTIFICA que, segundo os datos que constan neste centro directivo, don/dona.............................................................................................., con DNI........................................., ten acreditados os seguintes méritos:

Base II.2. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG:

Permiso por parto, adopción, acollemento ou nacemento

Desde

Ata

Redución de xornada artigo 106.2.a) e b) da LEPG ou excedencia por coidado de familiares

Desde

Ata

O que fago constar para os efectos de participación da persoa interesada no proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 224, do 25 de novembro), e asino esta certificación en..................................................., ........... de.................................. de 2022.

ANEXO III

Modelo instancia remisión documentos

Don/dona .................................................................................................................................................., con DNI/NIE número........................................., e con domicilio para efectos de notificación en....................................................................... no concello de..................................................................., código postal............................., provincia de ......................................., teléfono de contacto.................................................... e correo electrónico............................................................... achega a documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 224, do 25 de novembro).

(Data e sinatura)

Dirección Xeral da Función Pública

Servizo de Selección

Consellería de Facenda e Administración Pública

Edificio Administrativo San Caetano

15781 Santiago de Compostela