Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13651

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 20/2022, do 24 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio.

A disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, engadida polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, establece que, unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais, establecerase, se é o caso, unha única lista de chamamentos na cal se valorarán por igual os servizos prestados en virtude de relación xurídica funcionarial e laboral na categoría funcionarizada.

Esta disposición foi desenvolta pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia número 145, do 30 de xullo. Na disposición transitoria segunda da devandita orde disponse que a unificación e elaboración das listas únicas comezará coas correspondentes aos corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020. O devandito proceso de elaboración das listas únicas xa se iniciou en virtude das resolucións do 6 de outubro de 2021 (DOG núm. 195, do 8 de outubro) e do 11 de outubro de 2021 (DOG núm. 200, do 18 de outubro).

O proceso de implantación de listas únicas de acordo coa normativa referenciada comporta a necesidade de adaptar as previsións vixentes en materia de prazos e periodicidade dos mecanismos de actualización de méritos que nela se prevén, sen menoscabo das posibilidades de formular reclamacións de que dispoñen as persoas interesadas.

O contido do presente decreto adecúase aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas. Así, en cumprimento dos principios de necesidade, de eficacia e de proporcionalidade, esta norma está xustificada pola necesidade de asegurar a viabilidade técnica do proceso de unificación e elaboración das listas únicas, e a regulación introducida é a adecuada e imprescindible para iso. Cúmprese, así mesmo, o principio de seguridade xurídica, pois a nova regulación introdúcese a través dunha modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, de xeito que o marco normativo resulta estable e claro. Na tramitación da norma posibilitouse a participación da cidadanía a través da publicidade no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Por último, respéctase o principio de eficiencia, pois non se impoñen cargas innecesarias ou accesorias e permítese unha xestión racionalizada dos recursos públicos.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública e de acordo co Consello Consultivo, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia

O artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda redactado como segue:

«Artigo 12. Actualización de méritos

A actualización de méritos será realizada anualmente de oficio pola Administración mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Nesta resolución darase publicidade á lista provisional e as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para reclamaren no caso de non estaren conformes con ela.».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública