Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 25 de febreiro de 2022 Páx. 13761

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022), financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 25 de outubro de 2021, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022), financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022), financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e convocar para o ano 2022 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

Esta convocatoria finánciase ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19. En particular:

Obxectivo temático 13: favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Prioridade de investimento 13.01: favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivo específico OE 20.01.02-OE REACT-UE 2. Apoio aos investimentos que contribúan á transición cara unha economía dixital.

Actuación CPSO 20.1.2.7: apoio á dixitalización de pequenas e medianas empresas-cheques dixitalización COVID-19 e incentivos para o fomento da internacionalización dixital.

Liña de actuación 75: apoio á dixitalización de pequenas e medianas empresas e incentivos para o fomento da internacionalización dixital.

Os indicadores de produtividade e resultado correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade CO01-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

– Indicador de resultado R020G-Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.

– Indicador de resultado R020H-Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para a concesión nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2022

Ano 2023

Total

2021 00010

06.A1.741A.7700

2.600.000 €

1.800.000 €

4.400.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 4 meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de xullo de 2022 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e o 31 de marzo de 2023 para solicitudes con accións que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as últimas datas admisibles de facturación e de pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2022) financiadas no marco do eixe REACT-UE
do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta
da UE á pandemia da COVID-19

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego foi e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na proposta da Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2021-2025 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2021: aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presencia e maior potencial de crecemento futuro, e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización dixital da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que a incrementen a través da vía dixital.

Considerando, ademais, que a dixitalización converteuse nun proceso esencial polo que deben pasar os negocios se queren manter a súa competitividade, saber como incorporar as novas tecnoloxías é clave para garantir a supervivencia e o crecemento empresarial.

Esta liña de axuda complementase coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Foexga, cofinanciadas con Feder, e Sinerxía, así como cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións subvencionadas e a urxencia de implementación destas, a medida que xurda a necesidade.

Artigo 1. Obxecto

Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o acceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, proporcionando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarse en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro ); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

4. Esta convocatoria finánciase no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19; e está sometida ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013). Tendo en conta o importe das axudas e o número de beneficiarios, o réxime de axudas configúrase como unha única operación Feder, no marco da opción prevista no artigo 2 do Regulamento 1303/2013, modificado polo Regulamento 2018/1046, para o caso de axudas de Estado cuxo importe por empresa sexa inferior a 200.000 €.

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade CO01-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

– Indicador de resultado R020G-Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.

– Indicador de resultado R020H-Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable, ou a intensidade máxima da axuda prevista para a outra subvención. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013), modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

É en todo caso incompatible se o proxecto foi apoiado noutra convocatoria desta mesma liña de axudas, agás que se trate de conceptos de gasto diferentes.

Non se apoiarán solicitudes de empresas que teñan sido beneficiarias da axuda IG240-axudas á dixitalización industria 4.0 (bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0) nalgunha das súas dúas últimas convocatorias.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase do solicitante unha declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que solicita esta subvención e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e que teñan no mesmo, antes da solicitude da axuda, polo menos tres traballadores por conta allea.

c) Que teñan un importe de facturación no último exercicio con obriga de depósito de contas anuais no Rexistro Mercantil, ou de presentación da declaración da renda, como mínimo do dobre do orzamento do proxecto presentado pola empresa na súa solicitude de axuda.

d) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

f) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por empresa, cun gasto subvencionable mínimo igual ou superior a 18.000 € e máximo de 100.000 € por empresa. De superar este máximo, procederase a axustalo a este límite máximo. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 14.000 € e máximo de 37.500 € no caso de empresas do sector da pesca e 25.000 € no caso de empresas do sector da produción agraria. De superar este máximo, procederase a axustalo a este límite máximo.

Consideraranse gastos subvencionables todos aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do plan para o cal foron concibidos e deberán cumprir os requisitos establecidos na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

En concreto, subvenciónanse os seguintes tipos de gastos:

A. Consultoría.

B. Aplicacións informáticas.

C. Outros gastos.

Estes tres tipos engloban os gastos relacionados a seguir:

A. Consultoría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.

Esta análise debe como mínimo analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

b) Plans de internacionalización dixital multicanle.

Estes plans deben incluír como mínimo unha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles.

Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.

c) Plans de mercados electrónicos concretos.

Estes plans deben de conter como mínimo a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar as tendas e os catálogos en liña multi-idioma. Así como unha análise SEO da web, catálogos en liña e/ou tendas en liña. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.

Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico.

Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.

B. Aplicacións informáticas:

Englóbanse licenzas de programas, desenvolvementos a medida ou adaptacións. Exclúese o gasto relativo á renovación de licenzas.

a) Solucións tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma.

Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.

b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERPs).

Gasto subvencionable máximo: 20.000 €.

c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización das canles de venda e márketing en liña.

Gasto subvencionable máximo: 20.000 €.

d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento.

Gasto subvencionable máximo: 18.000 €.

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo o que se indica no artigo 17.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de catálogos en liña para o márketing e as vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.

Gasto subvencionable máximo: 4.000 €.

b) Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas, incluídos os gastos de axencia.

Gasto subvencionable máximo: 12.000 €.

c) Solucións de software de pagamento polo uso das mencionadas na alínea B.

Gasto subvencionable máximo: 20.000 €.

Admitirase como gasto subvencionable o pagamento polo uso do software durante o prazo de execución da axuda, sempre que sexa abonado polo solicitante dentro do devandito prazo. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable a pro rata.

d) Solucións de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar a usuarios de interese obxectivo do negocio en liña. Inclúe desde a compra das solucións tecnolóxicas (incluída a adquisición mediante pagamento polo uso), a súa integración, e tamén a súa xestión como servizo a vendedores en liña por parte das axencias.

Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.

e) Creación e adaptación de tendas en liña.

Gasto subvencionable máximo: 9.000 €.

2. O período de execución dos investimentos e/ou gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o final do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución da convocatoria. Calquera investimento ou gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores (do solicitante e entre si) con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

As ofertas ou orzamentos de provedores teñen que ser comparables, e deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, domicilio, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non o IVE), e a descrición técnica dos elementos ou servizos ofertados. Os ofertantes deben demostrar e acreditar de maneira concluínte a habitualidade na realización dos servizos ofertados.

4. Os provedores teñen que ser independentes, non poderán estar asociados nin vinculados entre si, nin coa entidade solicitante, ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Non se subvencionarán servizos que se contraten relacionados coa actividade empresarial do solicitante da axuda no mesmo país en que o solicitante exerce a dita actividade.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

7. No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

8. Non será subvencionable o imposto do valor engadido (IVE), que sexa recuperable conforme a normativa nacional, segundo o establecido na norma 2.c da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) para o período 2014-2020.

Artigo 6. Contía da axuda

A subvención será do 80 % dos gastos relacionados no artigo 5.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude da axuda.

No devandito formulario a entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

d) Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a esta declaración de peme, ou na documentación que fose requirida para acreditala, dará lugar á perda do dereito á cobranza e, se é o caso, ao reintegro da subvención percibida, constituíndo unha infracción moi grave tal e como establece o artigo 56.a) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, podéndose impoñer as seguintes sancións:

1. Multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción exceda os 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas alíneas b) e c) do punto 1 do artigo 58 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os infractores poderán ser sancionados, ademais, con:

i) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Administración ou outros entes públicos.

ii) A prohibición durante un prazo de ata cinco anos para celebrar contratos coa Administración ou outros entes públicos.

iii) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora.

O Igape poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

e) Que manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e o aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

g) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que se solicita esta subvención.

h) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

i) Que os provedores non están asociados nin vinculados entre si, nin coa entidade solicitante, ou cos seus órganos directivos ou xestores, vinculación que se entenderá nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

j) Que os activos intanxibles subvencionados: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) incluiranse nos activos da empresa beneficiaria e permanecerán asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente polos medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non se tramitarán e concederase aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, unha vez transcorrido o devandito prazo teranse por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude polos medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa que asina a solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma sexa suficiente para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificado dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberán solicitalo no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo do correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

b) No caso de persoas xurídicas: certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais depositadas no último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de depósito legalmente establecido, incluíndo o informe de auditoría, se é o caso.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación das bases, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

d) Plan de financiamento do proxecto: informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento. O Igape poderá solicitar documentación xustificativa do devandito plan (certificacións de entidades financeiras, escrituras de ampliación de capital, pólizas e préstamos formalizados bancarios ou con socios, etc.).

e) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban solicitar, de acordo co establecido no artigo 5.3 destas bases reguladoras.

f) Informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da solicitude da axuda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas, ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa presentación.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando o exixa a relevancia do documento no procedemento ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 8.1 destas bases.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

m) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante do último exercicio económico pechado para o cal se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 11. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape e a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 13. Resolución

1. A Área de Internacionalización do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigacións que correspondan á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución da convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 14. Réxime dos recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesións ou denegacións das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpoñer o recurso será un mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión non se admitirán modificacións da resolución inicial.

Artigo 16. Obrigacións dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución da concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e o aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o idóneo exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

e) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os investimentos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas públicas ou privadas, supere o 100 % dos custos subvencionables aprobados.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

g) No caso de non ser capaz de realizar o proxecto para o cal se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigacións que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución da convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O devandito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de maneira obrigatoria na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non ser corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala cun gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá presentar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento realizouse efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e o pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: unha relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, a orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou un recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria de resultados que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación, en que se expoñan co suficiente grao de detalle as accións desenvolvidas e os resultados ou os obxectivos alcanzados e a situación do solicitante da axuda polo que se refire ao mercado/s obxectivo unha vez realizadas as accións.

d) As tres ofertas que deba solicitar o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.3 das bases, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

e) Declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que se concedeu esta subvención, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

f) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

g) No caso de investimentos en activos intanxibles, deberán acreditarse as condicións establecidas no artigo 5.7 destas bases, mediante informe do auditor rexistrado como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que verifique o cumprimento da condición 2ª do citado artigo; así mesmo, recolleranse as facturas alegadas para indicar a súa correcta contabilización como investimento ou gasto, e que na data do informe os activos intanxibles permanecen no establecemento; e que se mantén un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación coas transaccións relacionadas cos gastos subvencionados.

h) No caso dos gastos de consultoría indicados no artigo 5.1.a) debe achegarse copia dos documentos ou informes obxecto da axuda, referidos de maneira individual a cada servizo/concepto, que recollan con suficiente grao de detalle, tanto o contido mínimo que se indica nas bases reguladoras da axuda, como o que o titular da axuda indique, como gastos que se realicen no formulario de solicitude da axuda, para cada servizo/concepto.

i) Os proxectos que superen os 60.000 € de gasto subvencionable deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito en que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados polo beneficiario e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución. Este informe poderá ser solicitado polo Igape en proxectos que non cumpran esta condición cando o aconselle a súa especial dificultade técnica.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario tamén deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obrigación establecida no artigo 16.d), o número de asento, a data do asento e o número da conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 8 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo coa copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigacións coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supoñer a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 18. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 19. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigacións contidas nestas bases reguladoras, das obrigacións contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obrigación de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a orixe da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigacións fiscais, coa Seguridade Social, e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia do incumprimento, o custo subvencionable quede por baixo do mínimo establecido nestas bases reguladoras para o acceso ás axudas.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas públicas ou privadas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obrigación de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, e, se é o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na devandita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o devandito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

No caso de non manter os investimentos en activos intanxibles obxecto da subvención durante o período establecido supoñerá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

Artigo 20. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento das accións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a idónea xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación; o Igape informará da data de inicio a que se refire esta obrigación, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Regulamento UE 2020/558 do Parlamento Europeo, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 1301/2013.

e) Regulamento (UE) 2020/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e para preparar unha economía verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

f) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

g) Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

i) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

j) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica.

l) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file