Antecedentes:
Primeiro. Con data do 8 de novembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 214) o Anuncio do 21 de outubro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Senda na AC-404, treito A Ponte-Santa Catalina, p.q. 1+880-2+330, de clave AC/19/004.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.
Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 28 de xaneiro de 2022 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción denominado Senda na AC-404, treito A Ponte-Santa Catalina, p.q. 1+880-2+330, de clave AC/19/004.06.
O obxecto deste proxecto consiste na construción dunha senda peonil na marxe dereita da AC-404, na contorna da Ponte a Santa Catalina (p.q. 1+880 e 2+330), coa finalidade de unir entre si as beirarrúas existentes nos treitos anterior e posterior e conseguir un treito continuo. A senda terá un ancho de 1,80 m, unha lonxitude de 450 m e irá separada da calzada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 m.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Senda na AC-404, treito A Ponte-Santa Catalina, p.q. 1+880-2+330, de clave AC/19/004.06.
Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade