Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 1 de marzo de 2022 Páx. 14720

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición da Torre de Fornelos no Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O día 3 de decembro de 2020, o Concello de Crecente presentou unha solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (2020/2384460) co fin de declarar, como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a denominada Torre de Fornelos, situada no lugar do Lameiro, na parroquia de San Pedro de Crecente no concello de Crecente.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante (LPCG) determina no seu artigo 8.2 que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

De conformidade co anterior, unha das consideracións de ben de interese cultural por ministerio da lei é a establecida no artigo 88 da LPCG para os bens propios da arquitectura defensiva –entre os que se inclúen os castelos e as torres defensivas– construídos antes de 1849.

A documentación achegada polo Concello do Crecente e a existente na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acreditan a condición da Torre de Fornelos como un elemento propio da arquitectura defensiva construída antes de 1849 e mantén, actualmente, as suficientes condicións de integridade e autenticidade para xustificalo.

Ademais, o artigo 23 da LPCG establece que os bens declarados de interese cultural inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Así mesmo, a disposición adicional quinta da LPCG referida aos bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei, establece que: «[...] a consellería competente en materia de patrimonio cultural identificará, a través do correspondente expediente, os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei».

Por tanto, vista a solicitude do Concello de Crecente e o informe técnico do servizo de Inventario no exercicio da competencias recollidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble, coa categoría de monumento, da Torre de Fornelos, sita no lugar do Lameiro, na parroquia de San Pedro de Crecente no concello pontevedrés de Crecente.

Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento, e notificalo ao seu titular e ao Concello de Crecente.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Torre de Fornelos.

2. Localización.

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Crecente.

• Parroquia: San Pedro de Crecente.

• Lugar: O Lameiro.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 563.209; Y: 4.666.520.

3. Descrición.

A Torre de Fornelos atópase xunto ao encoro de Frieira, a beiras do río Ribadil, nun outeiro que condicionou a súa estrutura e as diferentes alturas que presenta. Así a fachada oeste, onde se sitúa a porta de entrada, presenta unha altura menor que o restos dos alzados. Trátase dunha torre de planta cuadrangular, localizada no medio do que parece ser un foxo, que podería corresponder a unha torre de homenaxe que formaría parte dun conxunto moito máis amplo.

A entrada principal está situada no outeiro á altura do primeiro andar, por riba dela, con toda probabilidade, debeu haber un segundo e terceiro andar e, por debaixo, unha planta baixa e un soto, que ocupa aproximadamente media planta.

Da estrutura interior do edificio non queda ningún resto, pero existen algúns sinais, como os apoios das trabes de madeira, as xanelas e seteiras ao exterior, etc., que permiten identificar a súa configuración arquitectónica orixinal, composta, probablemente, por catro pisos e un soto.

Desde o punto de vista histórico cómpre mencionar que a primeira referencia escrita data do ano 1158. A súa situación, no límite con Portugal, provocou que fose escenario de grandes batallas como as que mantivo Alfonso VII contra o seu primo Afonso Enríquez, rei de Portugal. Máis tarde, no século XV, foron os Irmandiños os que a esnaquizaron para, poucos anos despois, reconstruíla o belicoso Pedro Madruga, quen mantería aquí grandes enfrontamentos contra o bispo de Tui, Diego de Muros, aliado dos Reis Católicos, inimigos estes de Pedro Madruga. Máis adiante, a torre foi doada por Sancho I de Portugal a dona Aldonza Vázquez de Fornelos e Fernán Pérez Castro, fundadores da Casa de Fornelos.

4. Estado de conservación e usos.

As estruturas que se conservan da Torre de Fornelos atópanse na actualidade nun ámbito destinado á explotación agrícola e non están destinadas a ningún uso definido. Entre 2006 e 2007 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural promoveu actuacións de consolidación e recuperación da torre que reverteron o risco de derrube e perda, intervindo principalmente nos seus lenzos verticais e no coñecemento da súa contorna inmediata, todo isto no marco do conxunto de fortalezas transfronteirizas do Baixo Miño. Estímanse precisas medidas de conservación e mantemento para evitar a súa deterioración e promover a súa mellor apreciación e interpretación.

5. Valoración cultural.

A Torre de Fornelos presenta importantes valores culturais tanto polo tipo de arquitectura que representa como pola súa relación coa fortificación da fronteira xa que a súa situación permitía exercer un gran control da contorna. Amais do valor arquitectónico e arqueolóxico, cómpre mencionar a súa especial vinculación con figuras emblemáticas da historia medieval galega, caso de Pedro Madruga e do bispo de Tui, Diego de Muros.

6. Réxime de protección.

6.1. Categoría:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico.

• Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección.

A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da Torre de Fornelos determina a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II e III e, en especial, os capítulos segundo e cuarto, referidos ao patrimonio arquitectónico e arqueolóxico do título VII, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e, complementariamente, o establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

7. Delimitación e contorno de protección.

En canto non se desenvolva un procedemento específico de delimitación do ben e do seu contorno de protección, nin se recolla convenientemente no planeamento urbanístico, aplicarase o recollido para os contornos de protección con carácter subsidiario no artigo 38.2.d) da LPCG que, neste caso, estará constituído por unha franxa cunha anchura, medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben, de 100 metros.