Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 1 de marzo de 2022 Páx. 14725

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 21 de febreiro de 2022 sobre delegación de competencias en diversos órganos de dirección da Consellería do Mar e na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, recolle o marco de distribución de competencias entre os diferentes órganos da consellería.

A actividade administrativa da Consellería do Mar comporta unha concentración de funcións na súa persoa titular cuxo volume aconsella, naqueles asuntos que non exixan a súa atención directa e persoal, recorrer á delegación de competencias en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto a Administración como os administrados, co debido respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe e de acordo cos principios informadores da actividade administrativa que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A nova estrutura orgánica da Consellería do Mar leva aparellada a necesidade de introducir modificacións nas delegacións vixentes, co obxecto de adaptalas á súa nova organización.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, do disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería do Mar en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, agás a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, das persoas titulares das direccións xerais, das xefaturas territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

3. Delégase nas persoas titulares das direccións xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

4. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial, así como autorizarlles a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

b) As funcións relativas ás encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como as relacionadas coas encargas a medios propios en materias que sexan da competencia da Secretaría Xeral Técnica.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as seguintes facultades en materia de contratación:

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería.

b) As funcións relativas ás encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como as relacionadas coas encargas a medios propios en materias que sexan competencia da dirección xeral.

3. As delegacións previstas neste artigo serano sen prexuízo das facultades atribuídas polo artigo 31.4.f) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ás persoas titulares das delegacións territoriais.

Artigo 3. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas, e proporlle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os créditos incluídos no capítulo II dos orzamentos da Secretaría Xeral Técnica ou cando se trate de gastos que afecten varias unidades de distintos centros directivos da consellería, así como os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación con cargo a este capítulo de gasto.

c) Os créditos do capítulo VI dos orzamentos de gasto da consellería, agás os gastos derivados de contratos menores correspondentes a competencias delegadas nas persoas titulares das direccións xerais.

d) Os créditos dos capítulos III, IV, VII e VIII dos orzamentos da Secretaría Xeral Técnica ou cando se trate de gastos que afecten varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos de gastos do respectivo centro directivo, sen prexuízo do disposto no punto 1.b) deste artigo.

c) Cos créditos dos capítulos III, IV, VII e VIII dos orzamentos dos seus centros directivos respectivos.

3. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais, ao respecto dos créditos desconcentrados do capítulo II, a facultade de autorizar e dispor os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que a normativa vixente reserva ao Consello da Xunta de Galicia, e do disposto nos puntos 1.b) e 2.b) deste artigo.

4. Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica da consellería e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

5. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da persoa titular da consellería, as desconcentracións dos créditos nas xefaturas territoriais, as modificacións dos proxectos de gastos entre créditos vinculantes e as redistribucións de crédito, así como a proposta das modificacións orzamentarias de competencia do Consello da Xunta de Galicia ou da persoa titular da consellería competente en materia de facenda.

6. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos ou modificacións orzamentarias; correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e ás persoas titulares das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 4. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería.

Artigo 5. Axudas e subvencións

1. O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas no ámbito da consellería será o que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar a competencia para iniciar e resolver os procedementos de reintegro e perda do dereito ao cobramento de axudas e subvencións e a incoación de procedementos sancionadores e a imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás que a competencia lle corresponda ao Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 64 da mesma lei.

Artigo 6. Potestade sancionadora

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a competencia para a imposición das sancións que lle correspondan á persoa titular da Consellería do Mar en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, e a adopción de medidas ao longo do procedemento sancionador que lle correspondan á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 7. Recursos e reclamacións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada, potestativo de reposición e de revisión cando a facultade de resolución lle corresponda á persoa titular da consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Iniciar e resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables que lle corresponda resolver á persoa titular da consellería segundo o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refiren as leis 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, incluíndo, se é o caso, a resolución das reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

e) Resolver os procedementos de suspensión condicional de sancións, a súa remisión e revogación previstos no artigo 151 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 8. Convenios

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares das dirección xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura de convenios de colaboración ata o límite de 150.000 €.

Artigo 9. Fundacións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións lle atribúe ao protectorado destas.

Artigo 10. Delegacións específicas de competencias

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica o exercicio das seguintes facultades en materia de acuicultura e pesca:

1.1. De acordo co disposto no título V da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia:

a) O outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura nas zonas marítima, marítimo-terrestre e terrestre, así como a súa caducidade, extinción e revogación.

b) A autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou para a realización de cultivos poliespecíficos, en establecementos na zona marítimo-terrestre e zona terrestre.

c) O outorgamento das concesións experimentais na zona marítima e marítimo-terrestre, así como a súa revogación.

d) A autorización para a comercialización dos produtos obtidos no desenvolvemento dos proxectos de concesións experimentais outorgadas na zona marítima e marítimo-terrestre.

1.2. De acordo co Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, aprobado polo Decreto 406/1996, do 7 de novembro:

a) A autorización para a constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións.

b) A autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos, de conformidade co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, pola que se regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

c) Acordar a retirada dos viveiros que non reúnan as condicións mínimas de seguridade exixibles.

d) A autorización para o traslado de semente, de individuos adultos e desdobramento de moluscos bivalvos, cando se realice entre distintas rías comprendidas en ámbitos territoriais correspondentes a máis dunha xefatura territorial, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A autorización para a actividade de reparqueo de moluscos na zona marítima, de conformidade co artigo 65 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, así como a resolución dos expedientes para outorgar o permiso de traslado de moluscos ás zonas marítimas autorizadas durante o tempo necesario para a eliminación de toxinas.

1.3. De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia:

O outorgamento dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade da acuicultura.

1.4. De acordo co disposto artigo 7.2 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e de acordo co disposto no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia:

A autorización dos plans de xestión pesqueira e, de ser o caso, as súas posibles modificacións e prórrogas, así como a autorización dos plans experimentais de pesca e, de ser o caso, as súas posibles modificacións e prórrogas.

1.5. De acordo co establecido no artigo 6 da Orde de 3 de marzo de 1998, pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais, a resolución do procedemento.

2. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería do Mar o exercicio das seguintes facultades en materia de acuicultura:

2.1. De acordo co disposto no Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

a) A autorización de cambios de sistema, de conformidade co establecido na Orde do 18 de abril de 2001, pola que se regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

b) A comunicación ao titular do viveiro da necesidade da súa reparación por non reunir condicións mínimas de seguridade exixibles.

c) A autorización para o traslado de semente, de individuos adultos e desdobramento de moluscos bivalvos, cando se realice entre distintas rías pero sempre dentro do seu ámbito territorial, de acordo co establecido na Orde do 14 de marzo de 1997, que establece as condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) A expedición das habilitacións para a extracción de semente de mexillón como consecuencia dos acordos subscritos entre concesionarios de bateas ou as súas asociacións e as confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores, de acordo co establecido no capítulo III da Orde do 26 de outubro de 2000, pola que se regula a extracción de semente de mexillón en bancos naturais.

2.2. A resolución dos expedientes en materia de transmisión dos seguintes títulos:

a) As concesións de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 63 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; co artigo 10 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, e coa Orde do 15 de xuño de 1999, pola que se regula o procedemento para a transmisión da titularidade das concesións das bateas de cultivos mariños nas augas de Galicia.

b) As concesións de establecementos de cultivos na zona marítimo-terrestre, de acordo co artigo 54 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

c) Os permisos de actividade de establecementos de acuicultura na zona terrestre, de acordo co artigo 70 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; co Decreto 274/2003, do 4 de xuño, polo que se regula o procedemento de obtención do permiso e a concesión de actividade para os establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura na zona terrestre, e coa Orde do 21 de xullo de 2000, pola que se regula o procedemento para a transmisión da titularidade do permiso de actividade en establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre.

2.3. A resolución dos expedientes en materia de prórrogas:

a) Das concesións de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, de acordo co artigo 61 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia; co artigo 13 do Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, e coa Orde do 17 de novembro de 1999, que regula o procedemento para o outorgamento de prórrogas das concesións dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

b) Das concesións de establecementos de cultivos mariños na zona marítimo-terrestre e terrestre, de acordo cos artigos 53 e 66.3 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2.4. A resolución dos expedientes en materia de cambios de localización e permuta dos puntos de fondeadura dos viveiros de cultivos mariños habilitados mediante concesión, de acordo coa Orde do 18 de abril de 2001, pola que se regula o procedemento que rexerá a permuta de puntos de fondeadura e os cambios de sistema, localización e cultivo nos viveiros de cultivos mariños.

2.5. A resolución dos expedientes en materia de inmersión de especies mariñas nas augas de Galicia, de acordo co artigo 8 bis da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e cos artigos 54 e seguintes do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

3. Deléganse na presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia:

a) O exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios dos portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A competencia atribuída á conselleira para a imposición das sancións en materia de portos nos casos de infraccións graves previstas no artigo 144.c) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

c) A competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades delegadas.

d) Instalar e manter os dispositivos de axudas á navegación marítima das instalacións situadas nos polígonos de acuicultura outorgadas en réxime de concesión, nos termos previstos no capítulo II do título V da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

Artigo 11. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións contidas nesta orde, teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra banda, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das direccións xerais no exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúeselle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non estean expresamente delegadas noutros órganos da consellería.

e) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan por medio desta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto das persoas titulares das direccións xerais da consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde exerceraas, mentres persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, exerceranas as persoas titulares das direccións xerais, seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar. Neste sentido, a substitución asumiraa o titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle ao primeiro, se é o caso, substituír o último.

f) En caso de ausencia, vacante ou enfermidade das persoas titulares das xefaturas territoriais, as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a persoa titular da Consellería do Mar.

g) As suplencias nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico adscritas a esta consellería rexeranse polo disposto na súa propia normativa.

Artigo 12. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional única. Prevalencia

A delegación de competencias nas direccións xerais para resolver procedementos de concesión de axudas e subvencións e procedementos de reintegro prevalecerá sobre as normas específicas de igual ou inferior rango que regulen esta materia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 8 de setembro de 2017, de delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, nas direccións xerais e xefaturas territoriais e na Presidencia do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar