BDNS (Identif.): 612700.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha bolsa de mobilidade Erasmus+ no curso 2021/22.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2021/22.
Terceiro. Requisitos
Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2021/22 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2021/22.
c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.
Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade no seu país de orixe.
Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino recibindo a formación virtual en Galicia.
Cuarto. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Quinto. Duración e contía das axudas
As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.
O importe global previsto na orde é de 40.000 €.
As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:
a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.
b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.
c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.
Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicarase a cantidade resultante ao seguinte solicitante coa maior nota media no expediente académico.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade