Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2022 Páx. 15423

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural do dolmen da Pedra Embarrada, situado no lugar de Bieite de Abaixo, na parroquia de Santa María de Ferreira, no concello de Coristanco.

O día 26 de novembro de 2020 o Concello de Coristanco insta a Xunta de Galicia a que declare ben de interese cultural o denominado dolmen da Pedra Embarrada, sito no lugar coñecido como O Chan da Embarrada, nas proximidades do lugar de Bieite de Abaixo na parroquia de Santa María de Ferreira, do seu termo municipal.

O día 21 de xaneiro de 2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou a realización dunha prospección e delimitación de elementos patrimoniais no Chan da Embarrada e o seu contorno, co fin de valorar a viabilidade da posta en marcha dun proxecto de revalorización deste conxunto patrimonial promovido pola Administración municipal.

A actuación arqueolóxica conclúe que unha das lousas da cámara do dolmen presenta na súa cara interna varios gravados que ocupan a parte intermedia do ortóstato e están feitos con sucos de entre 2 e 3 cm de anchura e apenas 1-2 cm de profundidade. Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte prehistórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que asemellan a figuras humanas esquematizadas, aínda que isto é moi dubidoso.

Cómpre sinalar que os catro motivos subrectangulares, cunha lixeira forma de xerra, son equiparables aos que se localizan noutros catro monumentos megalíticos do noroeste peninsular: Dombate (Cabana de Bergantiños), Casa dos Mouros de Regoelle/Pedra da Arca (Vimianzo), mámoa 11 de Espiñaredo (Negreira) e Chã de Parada 1 (Baião, Portugal).

Sobre estes motivos, os investigadores sinalaron que unha parte deles só se puido gravar antes de colocar as lousas na súa posición no interior da cámara, xa que quedan parcialmente ocultos pola lousa contigua, o que reforza o seu carácter prehistórico. Os motivos triangulares, posibles antropomorfos, non teñen paralelos, ata o momento, na arte megalítica occidental.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en adiante LPCG, determina no seu artigo 8.2 que «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

Así mesmo, o artigo 94.2 da LPCG establece que son bens de interese cultural as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. A documentación elaborada e a existente na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acreditan a condición de manifestacións de arte rupestre as existentes nos ortóstatos do dolmen da Pedra Embarrada, o seu carácter prehistórico e o mantemento dunhas características que permiten xustificar suficientes condicións de autenticidade e integridade.

Por outra banda, o artigo 23 da LPCG establece que os bens declarados de interese cultural se inscribirán no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural. Así mesmo, a disposición adicional quinta da LPCG referida aos bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei, establece que «[...] a consellería competente en materia de patrimonio cultural identificará e concretará a través do correspondente expediente os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei».

Por tanto, vista a solicitude do Concello de Coristanco, a documentación que achegou e o informe técnico do Servizo de Inventario no exercicio das competencias recollidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e en virtude do disposto no artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble do dolmen da Pedra Embarrada situado no lugar de Bieite de Abaixo, na parroquia de Santa María de Ferreira, no concello de Coristanco (A Coruña), polas manifestacións de arte rupestre que contén.

Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e notificalo ao seu titular e ao Concello de Coristanco.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: dolmen da Pedra Embarrada ou túmulo do Chan da Embarrada 11.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Coristanco.

• Parroquia: Santa María de Ferreira.

• Lugar: Bieite de Abaixo.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 517272; Y: 4779544.

3. Descrición.

O dolmen da Pedra Embarrada constitúe a mámoa número 11, que se identifica na necrópole da Embarrada e outorgóuselle o código GA15029076.

Na súa posición central conserva unha cámara megalítica de planta poligonal e con corredor dun tramo aberto ao sueste diferenciado tanto en planta como, seguramente, en alzado.

Aínda que bastante alterada polas remocións, está formada como mínimo por oito chantos, así como a lousa de cuberta, partida e caída no interior.

Ten unha anchura máxima en planta de 3,60 metros (N-S) e unha lonxitude total desde a lousa de cabeceira ata a posible fin do corredor de case 6 m.

Unha das lousas da cámara, a que se atopa inmediatamente ao leste da cabeceira, que está situada fronte á entrada, presenta na súa cara interna varios gravados. Trátase da única pedra de tonalidade gris escura do conxunto, similar a unha anfibolita ou gabro, diferente das restantes, todas de cor gris clara tipo gneis. Está fracturada na parte superior e moi enterrada na inferior.

Os gravados ocupan a parte intermedia do ortóstato e están feitos con sucos de entre 2 e 3 cm de anchura e apenas 1-2 cm de profundidade. Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte prehistórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución.

Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que semellan, con certas cautelas, figuras humanas esquematizadas. Seguramente existan máis motivos na parte do chanto que aínda permanece enterrada.

4. Estado de conservación e usos.

O dolmen de Pedra Embarrada presenta unha cámara megalítica de grandes dimensións nun aceptable estado de conservación. A pesar de estar claramente alterada na súa integridade formal, tanto por destrucións antigas como pola acción antrópica forestal e sobre a estrutura do territorio, non presenta unha situación de precariedade que afecta a súa estabilidade.

5. Valoración cultural.

A cámara megalítica amosa nunha das súas lousas unha decoración gravada que, pola forma do suco, é de indubidable carácter prehistórico. Mentres que os motivos triangulares, posibles antropomorfos, non teñen paralelos, ata o momento, na arte megalítica occidental, polo que a súa valoración cultural e a súa declaración individualizada como ben de interese cultural está plenamente xustificada.

6. Réxime de protección.

6.1. Categoría:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: xacemento arqueolóxico.

• Interese: arqueolóxico, histórico, artístico e científico.

• Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección.

A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia do dolmen da Pedra Embarrada ou túmulo do Chan da Embarrada 11, determinará a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II e III e, en especial, os capítulos segundo e cuarto, referidos ao patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, e no título VII, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

7. Delimitación e contorno de protección.

En canto non se desenvolva un procedemento específico de delimitación do ben e do seu contorno de protección, e posto que o ben non está tampouco recollido no planeamento urbanístico vixente no termo municipal, aplicarase o establecido para os contornos de protección con carácter subsidiario no artigo 38.2.e) da LPCG que, neste caso, estará constituído por unha franxa cunha anchura, medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben, de 200 metros.