Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2022 Páx. 16761

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 1 de marzo de 2022 pola que se aproba o baremo na parte correspondente á área I, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo.

Mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 20 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 30 de xullo) publicouse, para xeral coñecemento e efectividade, o acordo sobre as bases da carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, asinado con data do 6 de xullo de 2018, na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, polas persoas representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CESM (na condición de adherida), UGT, CSIF e SATSE, e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 19 de xullo de 2018.

O citado acordo establece, no punto 9, que a Administración sanitaria, logo de negociación na mesa sectorial, aprobará e publicará no Diario Oficial de Galicia, en anexos detallados, os baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais, profesións ou categorías, concretando as actividades que serán valoradas en cada caso dentro da estrutura básica, que figura como anexos I a III, os indicadores ou parámetros que resulten precisos para a avaliación e as puntuacións asignadas.

O acordo estrutura o baremo en catro grandes áreas: área I: actividade asistencial/profesional; área II: competencia asistencial/profesional; área III: formación, docencia, investigación e innovación, e área IV: Implicación e compromiso coa organización.

En aplicación do citado acordo, publicouse a Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se aproba o baremo na parte correspondente ás áreas III e IV, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo (DOG núm.150, do 6 de agosto).

Na mesa sectorial do 1 de febreiro de 2022 aprobouse, por maioría, o baremo ordinario de carreira profesional correspondente á área I. Actividade asistencial/profesional.

Tal e como prevé o acordo de carreira, a área I valora a actividade, o rendemento eficiente e eficaz, a calidade e a praxe correcta, así como a mellora e actualización de procesos e métodos de traballo.

A través desta orde desenvólvense as bases para valorar, por unha parte, a participación dos/das profesionais sanitarios na consecución dos obxectivos corporativos ou da actividade do seu servizo/unidade e, por outra, as competencias persoais necesarias para contribuír á mellora da calidade dos coidados asistenciais a pacientes, usuarios e cidadáns.

Incorpórase a humanización como obxectivo no exercicio da profesión, entendéndoa como a abordaxe integral da persoa, que atende ás súas necesidades tanto físicas como emocionais e psicolóxicas.

A finalidade destas bases é desenvolver accións específicas que teñan en conta unha dimensión transversal da calidade asistencial, ofrecendo un coidado da saúde excelente non só desde o punto de vista técnico, senón tamén máis humano, e considerando o profesional como motor de cambio social.

A humanización da sanidade implica considerar que a atención sanitaria debe estar centrada na dignidade e no respecto de todos os seus axentes: pacientes, familiares e profesionais. Trátase de camiñar cara a unha actividade orientada ao coidado da saúde, tanto física como mental e emocional, dirixida aos pacientes e aos propios profesionais sanitarios.

Faise imprescindible formar os profesionais para mellorar a interacción cos pacientes, familiares e compañeiros/as de traballo, capacitándoos para desenvolver competencias emocionais, de comunicación e de resiliencia, co fin de alcanzar unha atención de calidade que asegure a abordaxe integral do paciente a todos os niveis.

Tamén resulta necesario que todos os axentes da saúde incorporen coñecementos e habilidades específicas relacionadas coa contorna dixital e a transformación que implica. A sanidade e os seus profesionais non deben ser alleos a esta transformación dixital. Só a través do desenvolvemento de competencias dixitais e da súa avaliación se poden deseñar as estratexias necesarias para reducir a fenda existente e acelerar a transición dixital do sector da saúde.

O obxecto de avaliación da área I é valorar a actividade que realiza o profesional e as competencias persoais que demostra ter no desenvolvemento desa actividade, é dicir, avaliarase o rendemento do profesional (o que fai) e o desempeño (como o fai).

Identifícanse catro grandes áreas de avaliación dentro das competencias persoais e son competencias comúns a todas as categorías profesionais que desenvolvan a súa actividade dentro do Servizo Galego de Saúde:

1. Habilidades de relación, capacidade de adaptación e implicación na integración da igualdade desde a perspectiva de xénero e da diversidade.

2. Traballo en equipo e capacidade de resolución de conflitos.

3. Organización e utilización eficiente de recursos.

4. Competencias dixitais.

Cómpre diferenciar as competencias persoais –referidas ás persoas– (que son obxecto desta orde) das competencias profesionais –referidas aos postos de traballo– (que serán obxecto de desenvolvemento na área II).

Co desenvolvemento dos mapas de competencias de cada categoría profesional (área II) definiranse os perfís dos postos de traballo (funcións, actividade, tarefas...) e tamén as competencias profesionais referidas a cada posto (competencias técnicas específicas e xerais).

Estas bases prevén unha regulación transitoria e, en canto non se desenvolvan os mapas de competencias de cada categoría, a avaliación da competencia asistencial enmarcarase dentro dos indicadores de actividade, unificaranse as áreas I e II e acumularanse as súas puntuacións máxima e mínima.

A valoración que se realice referirase exclusivamente ao período en que o/a profesional permaneceu encadrado/a no grao inmediatamente inferior.

En aplicación do establecido nas bases de carreira profesional e co acordo das organizacións sindicais asinantes, cómpre aprobar e publicar o baremo na parte correspondente á área I, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo.

De conformidade co que antecede,

DISPOÑO:

1. Aprobar os méritos correspondentes á área I. Actividade asistencial/actividade profesional/ desempeño profesional, que se avaliarán no procedemento ordinario de carreira profesional para o acceso aos sucesivos graos dos diversos colectivos profesionais, profesións ou categorías, que se detallan no anexo I desta orde, e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Anexo I. Baremo relativo aos méritos da área I. Actividade asistencial/actividade profesional/ desempeño profesional.

2. Habilítase a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde para completar e, de ser o caso, modificar os criterios de avaliación e o procedemento e forma de acreditación, logo de tratamento na Comisión de Seguimento do acordo de carreira profesional.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Área I. Actividade asistencial/actividade profesional/desempeño profesional.

O acordo de carreira profesional establece que nesta área se valoran a actividade e desempeño individual, o rendemento eficiente e eficaz, a calidade e a praxe correcta, así como a mellora e actualización dos procesos e métodos de traballo, sempre tendo en conta os plans estratéxicos da consellería e do Servizo Galego de Saúde e os obxectivos xerais da organización.

Desenvólvese un sistema de avaliación en que se avalía a participación dos profesionais sanitarios na consecución dos obxectivos/actividade do seu servizo/unidade e tamén as competencias persoais que os capacitan para poderen incrementar a calidade dos coidados asistenciais e a competitividade do conxunto do sistema de saúde.

O sistema de avaliación que se desenvolve nesta área I permite identificar o nivel competencial de cada profesional e establecer un itinerario individualizado en función das súas fortalezas e puntos de mellora.

Incentívase a incorporación dos principios de humanización nas políticas da organización sanitaria e institucional e búscase potenciar un estilo de relación entre as persoas onde se poña o acento nas competencias persoais do propio profesional e non tan só nos resultados das accións que desenvolve.

Establécense, respecto a cada grao, como número máximo de puntos que se pode obter en cada epígrafe desta área I, os seguintes:

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Puntuación total área I

55

55

50

50

Cumprimento obxectivos/actividade/desempeño profesional

35

35

32

32

Competencias persoais

20

20

18

18

O acordo de carreira profesional establece que para o recoñecemento do grao correspondente será necesario obter, polo menos, un 30 % do número máximo de puntos previstos nesta área I.

1. Cumprimento obxectivos/actividade/desempeño profesional.

Para o persoal clasificado en categorías de licenciado sanitario avalíase a participación individual do profesional no logro dos obxectivos asistenciais, individuais e colectivos, da unidade ou servizo a que pertenza.

Para o persoal doutras categorías sanitarias e de xestión e servizos, avalíase a participación do profesional na realización da actividade do servizo/unidade a que pertenza por medio dos indicadores que se establezan para cada colectivo.

Para realizar a avaliación e seguimento dos obxectivos/actividade desenvolvida, estableceranse, dentro do marco dos obxectivos xerais que estableza a Xerencia do Servizo Galego de Saúde ou dirección xeral competente, un conxunto de indicadores definidos na súa execución por cada Xerencia segundo as particularidades de cada centro e as necesidades de mellora.

A valoración será anual e levaraa a cabo o/a xefe/a de servizo ou responsable xerárquico que se determine. Esta valoración deberá ser coñecida polos/as profesionais.

O resultado final da avaliación será a media da puntuación obtida nesta epígrafe durante o período de permanencia no grao inmediatamente anterior.

Asignarase unha puntuación por grao en función da acreditación das seguintes porcentaxes de cumprimento:

Área I: actividade asistencial/profesional

Avaliación porcentaxe de cumprimento obxectivos/actividade

Grao

Cumprimento obxectivos/actividade

Puntuación

Grao I

>= 70 %

35 puntos

69-60 %

20 puntos

59-55 %

15 puntos

54-45 %

10 puntos

Grao II

>= 75 %

35 puntos

74-65 %

20 puntos

64-60 %

15 puntos

59-50 %

10 puntos

Grao III

>= 80 %

32 puntos

79-70 %

20 puntos

69-65 %

15 puntos

64-55 %

10 puntos

Grao IV

>= 85 %

32 puntos

84-75 %

20 puntos

74-65 %

15 puntos

A medida que se desenvolva a ferramenta informática que dará soporte aos procesos de carreira profesional darase visibilidade á definición e progreso nos obxectivos/actividade dos/das profesionais avaliados a través da Oficina Virtual do Profesional .

Para a valoración desta epígrafe o/a profesional non terá que rexistrar nin acreditar documentación ningunha, ao ser información da cal xa dispón a Administración.

2. Competencias persoais.

Nesta epígrafe avalíase o conxunto de competencias persoais –non técnicas–, que permiten desenvolver a actividade profesional dentro do ámbito sanitario, velando pola mellora do coidado da saúde –física, mental e emocional–, tanto dos/das pacientes e familiares como dos/das profesionais sanitarios/as.

Defínense as competencias persoais que son obxecto de valoración para todos/as os/as profesionais que desenvolven a súa actividade dentro do Servizo Galego de Saúde e identifícanse catro áreas de avaliación comúns a todas as categorías profesionais:

1º. As habilidades de relación cos pacientes/familiares e cos demais profesionais; a capacidade de adaptación e a implicación na integración da igualdade desde a perspectiva de xénero e da diversidade.

Independentemente da competencia técnica dos/das profesionais sanitarios, a capacidade de tratar cos pacientes e familiares e influír no seu comportamento dependerá máis das súas actitudes e habilidades no trato. A boa comunicación co paciente repercute positivamente na calidade de vida do/da enfermo/a.

Valóranse nesta epígrafe a capacidade de escoita activa, o control das emocións, a comunicación axeitada cos/cas pacientes, familiares e compañeiros de traballo, a capacidade de adaptación e aceptación dos cambios de xeito positivo e construtivo; o trato de igualdade e non discriminatorio por razóns de xénero, identidade sexual, raza, relixión, estrato social... e o uso inclusivo da lingua.

2º. O traballo en equipo e a capacidade de resolución de conflitos.

Os/as profesionais con maior capacidade para identificar, comprender e manifestar as súas emocións posiciónanse vantaxosamente na resolución de problemas e manifestan maiores habilidades de comunicación e de interacción cos demais.

Os equipos de traballo máis óptimos son aqueles en que cada integrante está involucrado nos procesos de consecución de obxectivos comúns.

Valóranse nesta epígrafe a capacidade para compartir información e actualizar coñecementos; de ofrecer axuda e animar os membros do equipo cando o precisen e/ou sobreveñan dificultades; a capacidade de resolver conflitos; de ter iniciativa; a actitude de colaboración e o esforzo na consecución de metas comúns, así como a participación na formalización das enquisas de carreira profesional.

3º. A organización e utilización eficiente de recursos.

Valóranse nesta epígrafe a capacidade de realizar melloras no seu traballo para lograr un maior aproveitamento dos recursos; levar a cabo procedementos que optimicen o uso eficiente e a conservación do equipamento e material; manter un bo nivel de desempeño ante situacións de emerxencia; seguir os procedementos e protocolos establecidos e a capacidade de planificación do traballo.

4º. As competencias dixitais.

Defínense as competencias dixitais como a combinación de coñecementos, habilidades e actitudes que permiten realizar un uso consciente, seguro, creativo e crítico das TIC para o traballo e para a comunicación.

Valórase nesta epígrafe a capacidade para coñecer as diferentes canles polas que circula a información dixital e saber seleccionala, almacenala e organizala de forma eficiente; a capacidade de coñecer a importancia da seguridade, de interactuar a través de diferentes plataformas e ferramentas dixitais de uso en espazos sanitarios e de saber crear contidos dixitais científico-sanitarios.

A ferramenta que se empregará para medir o desempeño destas competencias persoais é a avaliación 180 graos. É un instrumento que permite que un grupo de persoas avalíe de xeito confidencial e anónimo as competencias persoais doutro/a profesional do seu mesmo ámbito, a través dun ou varios cuestionarios.

Neste sistema de avaliación participa o/a profesional valorando as súas competencias persoais a través da autoavaliación e tamén interveñen os/as profesionais que teñen relación directa con el/ela: o/a superior xerárquico/a ou responsable directo e os/as pares ou iguais.

A avaliación realizada polos iguais ou pares é relevante porque as súas observacións poden ser máis realistas que a autoavaliación que realiza o profesional. Coñecer como nos perciben os demais inflúe na propia conduta e posibilita que se detecten discrepancias entre como se percibe un mesmo e como o fan os demais. O contorno profesional xoga un papel importante na avaliación porque non só ofrece información crítica, senón que tamén proporciona apoio e consello.

Os cuestionarios contarán con preguntas relacionadas coas competencias persoais definidas nesta orde e referiranse a condutas observables e específicas relacionadas con esas competencias. Estarán á disposición dos/das profesionais na Oficina Virtual do Profesional e serán cubertos, de xeito obxectivo, polo propio profesional (autoavaliación), polo seu/súa superior xerárquico/a ou responsable directo/a e por tres pares ou iguais. A formalización dos cuestionarios realizarase de forma anónima e será obrigatoria.

Os cuestionarios son susceptibles de seren desenvolvidos empregando medios tecnolóxicos e poderanse establecer fórmulas complementarias de avaliación, logo de negociación no seo da comisión de seguimento de carreira. En todo caso, darase a publicidade necesaria para que sexan de xeral coñecemento.

A avaliación das competencias persoais permite identificar as fortalezas dos/das profesionais e os seus puntos de mellora e suxerir plans de mellora. É un sistema que require do compromiso de todos os integrantes da organización, que se materializa na formalización dos cuestionarios de avaliación.

A puntuación obtida nesta epígrafe será a media de todas as avaliacións realizadas e todas elas teñen o mesmo valor.

Unha ver procesados os datos resultantes da avaliación, emitirase un informe individual. O/a superior xerárquico ou responsable directo entrevistarase co profesional avaliado e proporá un plan de mellora en función dos datos do informe. Fixaranse os prazos pertinentes para valorar o cumprimento dese plan e, unha vez finalizado todo o proceso, emitirase un informe global que conteña as propostas de mellora para sucesivas avaliacións.

A avaliación das competencias persoais será anual e o resultado final da avaliación será a media da puntuación obtida nesta epígrafe durante o período en que o/a profesional permaneceu encadrado no grao inmediatamente anterior.

Asignarase unha puntuación por grao correspondente á valoración das seguintes competencias persoais:

Área I: actividade asistencial/profesional

Competencias persoais

Grao I

Grao II

Grao III

Grao IV

Puntuación máxima

20

20

18

18

Rango escala

0

1

2

3

4

5

Nunca

Case nunca

Ás veces

A miúdo

Normalmente

Sempre

a) Habilidades de relación, capacidade de adaptación e implicación na integración da igualdade desde a perspectiva de xénero e da diversidade.

0-5

0-5

0-4,5

0-4,5

0

1

2

3

4

4,5/5

b) Traballo en equipo e capacidade de resolución de conflitos.

0-5

0-5

0-4,5

0-4,5

0

1

2

3

4

4,5/5

c) Organización e utilización eficiente de recursos.

0-5

0-5

0-4,5

0-4,5

0

1

2

3

4

4,5/5

d) Competencias dixitais.

0-5

0-5

0-4,5

0-4,5

0

1

2

3

4

4,5/5

Puntuación total do profesional