Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2022 Páx. 16758

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 14 de decembro de 2021, Xosé Xavier Blanco Nogueira, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz constituírona Martina Ferradás Martínez e Xosé Xavier Blanco Nogueira, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 23 de novembro de 2021, ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 2.606.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «difundir e promover a conservación, melloramento, protección, vixilancia e desenvolvemento da música de raíz».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla, a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación constan a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Xosé Xavier Blanco Nogueira, como presidente; Daniel Blanco Verdeal, como vicepresidente; Martina Ferradás Martínez, como secretaria; e Cian Pérez Ferradás, José María Ferradás Martínez, a entidade Outonía, Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil, representada por Araceli Macías Rodríguez, e o Concello de Quiroga, representado polo seu concelleiro de Cultura José Luis Rivera Castro, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde do 14 de febreiro de 2022, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (Diario Oficial de Galicia núm. 39, do 25 de febreiro de 2022), clasificouse de interese cultural a Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Legar para a Preservación da Música de Raíz.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade