Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2022 Páx. 17146

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 29/2022, do 17 de febreiro, polo que se modifica a denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo.

A Constitución española, no seu artigo 27.10, consagra o principio da autonomía universitaria, que segundo o artigo 2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, comprende a creación de estruturas específicas que actúen como soporte da investigación e a docencia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 7 que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueloutros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións.

De acordo ao recollido na Lei 6/2013 , do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e no Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, o cambio de denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais debe ser aprobado pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, sendo proposta neste caso polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo, co informe favorable do seu Consello Social.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, de 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT), e o artigo 18.4 da Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo

Autorizar a modificación da denominación da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, que pasará a denominarse Facultade de Comercio.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade