Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2022 Páx. 17183

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2022 pola que se convocan varias edicións de cursos de condución evasiva dirixidos a membros dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia e da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguirdade Pública (Agasp), convócanse varias edicións dos cursos de condución evasiva dirixidas a membros dos corpos de Policía Local dos Concellos de Galicia e da Unidade de Policia Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Datos das actividades.

Condución evasiva.

Denominación: condución evasiva.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 12 horas.

Modalidade: presencial.

Obxectivo.

• Adquirir coñecementos en materia de condución evasiva e seguridade.

Contido.

• Técnica de condución:

• Posición de condución.

• Manexo do volante.

• Trazados e traxectorias.

• Adherencia do pneumático.

• Uso do freo e acelerador.

• Dinámica de pesos.

• Dinámica do vehículo:

• Subviraxe/sobreviraxe.

• Condución de seguridade.

• Manobras de evasión: a súa eficacia actual.

2. Destinatarios/as.

Membros dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia e da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Solicitudes de participación.

3.1. Persoal dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia.

O persoal dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa consta en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

– Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

O prazo de presentación de solicitudes será desde as 08.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 22 de marzo de 2022.

Non esta permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

O día 24 de marzo de 2022 a Academia Galega de Seguridade publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal, as solicitudes de participación recibidas que cumprisen os requisitos anteriores.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado.

No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberá quedar acreditado suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao comezo do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes dez cursos que convoque o servizo de formación en Seguridade Pública da Agasp e en que a persoa figurase como posible destinataria deles, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo menos, teñan a mesma carga horaria do curso polo que foi penalizado.

3.2. Persoal da Unidade de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes enviaranse directamente á Xefatura da UPA, órgano encargado tamén da selección do alumnado. Os criterios de selección para cada acción formativa serán os indicados pola Xefatura da UPA.

4. Desenvolvemento dos cursos.

As sesións prácticas terán lugar nas seguintes datas:

– Sesión 1 Policía Local: 5 de abril de 2022 (horario mañá e tarde).

– Sesión 2 Policía Local: 6 de abril de 2022 (horario mañá e tarde).

– Sesión 3 UPA: 7 de abril de 2022 (horario mañá e tarde).

A sesión teórica celebrarase na Agasp o día 1 de abril de 2022 conxuntamente para todos os seleccionados ás edicións anteriores (horario das 9.30 ás 13.30 horas).

1. Os cursos realizaranse respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias, o uso das máscaras é obrigatorio, así como o mantemento da distancia de seguridade, que en todas as accións formativas que se convocan se garantirá nas instalacións da Agasp reducindo numero de alumnos por curso.

2. Ningún alumno nin alumna seleccionado/a nun curso presencial asistirá a este con síntomas asociados á COVID-19, nin despois de ter contacto cunha persoa diagnosticada como positiva nesta enfermidade nos últimos 14 días anteriores a comezar o dito curso.

3. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso.

Durante a realización dos cursos levará un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, podendo realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e, en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas supoñerá a perda do dereito a expedición do diploma, no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o servizo de formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior, en todo caso para poder valorar esta posibilidade non pode transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar a perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén a penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

4. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

Certificado de superación do curso.

A avaliación será realizada polo profesor/a en función da participación dos/das alumnos/as.

5. Modificacións e incidencias.

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

A Estrada, 2 de marzo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública