Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2022 Páx. 17176

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2022 pola que se convocan cursos de formación continua na modalidade de teleformación dirixidos ao persoal da seguridade pública de Galicia durante o primeiro semestre do ano 2022.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), convócanse os cursos de formación continua na modalidade de teleformación durante o primeiro semestre do ano 2022, dirixidos aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 2 de marzo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

1. Persoas destinatarias.

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica), que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata, no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá o seu diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, e a devandita porcentaxe poderá ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Desenvolvemento da actividade:

Todas as edicións dos cursos de teleformación e/ou formación semipresencial que se convocan na presente resolución se desenvolverán da seguinte maneira:

– Lugar: a través da plataforma de formación en liña. Todos os cursos contan cunha proba final presencial na sede da Agasp.

– Estableceranse sesións de videoconferencias ou clases en directo, de obrigada asistencia, só acreditada a ausencia mediante causa xustificada e debidamente documentada.

– Horario: segundo disposición e necesidade do alumnado, agás as clases programadas por videoconferencia, en directo ou presencial na sede da Agasp.

Cuestionarios e tarefas: durante o desenvolvemento dos cursos o alumnado participante deberá realizar unha serie de cuestionarios e tarefas de acordo cun calendario de presentación; a non realización dalgún no prazo establecido será sancionada coa baixa no curso. No caso de que os exercicios non alcancen un nivel de exixencia mínimo segundo o criterio do profesor, farase unha primeira advertencia ao alumnado e, de non atender a indicación, poderá ser dado de baixa no curso.

Os cuestionarios, excepto a proba presencial final, e a realización das tarefas faranse a través da plataforma de formación en liña.

Programaranse clases na modalidade de telepresenza, cuxa asistencia é obrigatoria.

Para aquelas actividades recollidas no anexo, cuxa modalidade de impartición sexa a formación semipresencial, establecerase na plataforma de teleformación o horario das clases presenciais na Agasp.

Durante as clases presenciais na Agasp tomaranse todas as medidas hixiénico-sanitarias que garantan a seguridade de todo o alumnado, cancelaranse cando as ditas medidas non poidan ser garantidas, e retomaranse cando as circunstancias sanitarias así o permitan.

Ningún alumno nin alumna acudirá ás clases presenciais da Agasp con algún síntoma relacionado coa COVID-19 nin se tivo contacto estreito con algunha persoa con resultado positivo na devandita enfermidade.

3. Proba final.

As probas presenciais finais realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), e notificarase a súa data, coa antelación suficiente e, polo menos, con dez días hábiles de anticipación.

Excepcionalmente e por razóns debidamente xustificadas que impidan acudir á proba na data fixada, poderase solicitar acudir á proba extraordinaria.

Aqueles alumnos que se presenten á proba ordinaria e non a superen non terán dereito a presentarse á proba extraordinaria.

4. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp
(http://agasp.xunta.gal), non se admitirá outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp, manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións, no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar a exclusión automática do curso solicitado, así como a imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberán remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso, se tal documentación xa figura en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude):

Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares

f) Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22) por correo electrónico (formacion.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 29 de marzo de 2022.

h) O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

i) No caso de que una mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp, de maneira automática, elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

No suposto de non existiren criterios específicos en determinados cursos, que se especificarán no propio anexo, os criterios de selección xerais son:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informadas da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen o deber de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Certificado de aproveitamento.

Unha vez finalizado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

– Visualización dos contidos.

– Superación dos cuestionarios.

– Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

– Asistencia a todas as clases (presencial, en directo por videoconferencia) programadas en cada curso.

– Superación da proba final presencial do conxunto do curso.

Non se emitirá ningún certificado de asistencia ao curso, todos os cursos que se programan nesta convocatoria son con aproveitamento, por iso o alumnado que non realice as probas programadas e supere a proba final presencial na Agasp non obterá ningunha certificación.

9. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións destes ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.

ANEXO II

Denominación

horas

Nº prazas

Datas
de desenvolvemento

Novidades da Lei 18/2021, de 20 de decembro. Modificación da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria

16

35

2.5.2022-30.5.2022

Control de transportes de mercadorías perigosas

8

35

4.4.2022-18.4.2022

Documentación de vehículos estranxeiros

20

35

2.5.2022-13.6.2022

Xestión da diversidade. Delitos de odio

16

35

2.5.2022-13.6.2022

Intervención policial con VPM

16

35

4.4.2022-25.4.2022

Transporte e vertedura de residuos

8

35

18.4.2022-9.5.2022

Denuncia e inmobilización de vehículos estranxeiros e nacionais

20

35

18.4.2022-23.5.2022

Substancias psicoactivas. Tipos, signos e danos

20

35

4.4.2022-2.5.2022

Protección penal dos axentes da autoridade

20

35

4.4.2022-2.5.2022

Procedemento sancionador

12

35

30.5.2022-27.6.2022

Redes sociais. A policía local, community manager (planificación e xestión de contidos)

16

35

2.5.2022-30.5.2022

PEL

65

20

9.5.2022-5.7.2022 

Intervención policial con graffitis

20

35

4.4.2022-2.5.2022

Intervención policial no transporte de estrada

25

35

2.5.2022-20.6.2022

Lei 17/2021, do 15 de decembro (…) sobre o réxime xurídico dos animais

8

35

18.4.2022-9.5.2022

Vehículos de alugamento con condutor (VTC)

8

35

18.4.2022-9.6.2022

Salóns de xogos e máquinas recreativas

12

35

9.5.2022-31.5.2022

Ética e deontoloxía policial

16

35

9.5.2022-6.6.2022

Food trucks: normativa e actuación policial

8

35

6.6.2022-27.6.2022

Aspectos procesuais e xurisprudenciais da proba testifical, as súas repercusións penais

20

35

18.4.2022-23.5.2022

Prevención e detección do ciberbulling

16

20

2.5.2022-6.6.2022

*A selección farase exclusivamente entre persoal do corpo da Policía Local