Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2022 Páx. 17169

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2022 pola que se convocan cursos de formación continua na modalidade presencial para o persoal dos corpos da Policía Local dos concellos de Galicia e demais persoal dos servizos de seguridade pública durante o primeiro semestre de 2022.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2022 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua do primeiro semestre de 2022 na modalidade presencial, dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2022, cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.

A Estrada, 2 de marzo de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Persoas destinatarias

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata, no caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano contado desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, e a devandita porcentaxe pode ser superada no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal). Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o telefono móbil, co obxecto de posibles comunicacións; no suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa figura en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude):

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formación.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 25 de marzo de 2022.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

No caso de que unha mesma persoa presente máis solicitudes das permitidas, a Agasp de xeito automático elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

A previsión contida neste número 8 inclúe as clases de telepresenza dos cursos convocados na modalidade de teleformación deste organismo.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a continuación se indican, sen prexuízo de que en cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37 bis da Lei 7/2004 para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas con, polo menos, 5 días de antelación ao inicio de cada curso.

O alumnado seleccionado será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

A Agasp reserva para sí o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo, sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo/a xefe/a do corpo da policía local do concello en que traballe a persoa responsable deste.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos cales a persoa figurase como posible destinataria deles, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que, polo lo menos, teñan a mesma carga horaria que o curso polo cal foi penalizada.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poden realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas que en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma, no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitira diploma nin ningún certificado acreditativo.

Sexta. Certificación

Nos cursos de aproveitamento o alumnado debera superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remataren estes.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO II

Denominación da actividade

Nº horas

Nº prazas

Datas de desenvolvemento

Operadores de radar

20

20

26, 27 e 28 de abril

Detección de drogas na condución

16

20

11 e 12 de maio

Uso ilegal de tarxetas de persoas con mobilidade reducida

4

50

6 de xuño

Xestións das emocións nos accidentes de tráfico

8

20

13 de xuño

Tacógrafo dixital

4

20

25 de abril

O/a axente titor/a

25

20

6, 7 e 8 de xuño

Prevención e intervención ante o acoso escolar

16

20

9, 10 e 11 de maio

Educación viaria

25

20

13, 14 e 15 de xuño

Prevención da radicalización

16

20

9 e 10 de maio

Trato e intervención con persoas con discapacidade intelectual

8

20

26 de maio

Atención aos/as peregrinos/as

8

20

27 de abril

Persoas maiores en situación de vulnerabilidade e maltrato

8

20

30 de maio

Actualización xurídica en materia de seguridade cidadá

8

50

21 de abril

Lei orgánica 7/2021, do 26 de maio, de protección de datos persoais

32

20

18, 25 de maio e 2 de xuño

Actuación policial ante o maltrato animal

8

20

28 de abril

Contaminación acústica. Control de ruídos

25

16

26, 27 e 28 de abril

A actuación policial en accidentes laborais

8

20

9 de maio

Actualización en estranxeiría

20

20

4, 11, 18 e 15 de abril (das 9.30 ás 14.30 horas)

Urbanismo e usos da vía pública

8

20

19 de maio

Espectáculos. Atraccións da feira. Artigos pirotécnicos

8

20

26 de maio

Ocupación de vivendas

8

20

4 de maio

Preparación do xuízo oral

12

12

13 e 14 de xuño

Comparecencias policiais

12

12

20 e 21 de xuño

Prevención de riscos laborais: actividade policial

12

20

26 e 27 de maio

Rexistros, cacheos e identificacións persoais na vía pública

8

16

11 de abril

Aplicación práctica da Lei de seguridade cidadá

8

16

20 de xuño

Protección de persoas e edificios públicos

12

12

18 e 19 de maio

Ferramentas e métodos empregados nos roubos con forza en inmobles e vehículos

16

12

1 e 2 de xuño

Manexo do bastón policial

16

16

4, 5, 6 e 7 de abril

Manexo do inmobilizador electrónico*

12

18

23, 24 e 25 de maio

Tiro con resposta

12

12

28 e 29 de xuño

Operador/a de emisora

12

12

16 e 17 de xuño

DESA (3 edicións)

8

16

7 de abril, 5 e 19 de maio (das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.00 ás 17.00 horas)

Reciclaxe DESA (2 edicións)

4

16

28 de abril e 10 de maio (das 9.00 ás 14.00 horas)

Rescate policial en medio acuático

16

16

5, 12, 19 e 26 de abril (das 10.00 ás 14.00 horas)

Salvamento acuático con roupa

8

25

3 e 10 de maio (das 10.00 ás 14.00 horas)

Intervención da policía con cans e demais animais

32

25

4, 11, 18 e 25 de abril

Intervención operativa

10

15

5 e 7 de abril (das 15.30 ás 20.30 horas)

Tecnificación operativa

10

15

26 e 28 de abril (das 15.30 ás 20.30 horas)

Defensa contra arma branca

10

15

14 e 16 de xuño (das 15.30 ás 20.30 horas)

*As solicitudes para estes cursos deberán ser formuladas polos concellos e terán preferencia aqueles que acrediten a posesión do inmobilizador electrónico.