Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 15 de marzo de 2022 Páx. 17508

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 30/2022, do 3 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos A Medorra (p.q. 7+750-9+420) e O Paiseo (p.q. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06, nos concellos de Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas (Ourense).

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 30 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 152 o Anuncio do 20 de xullo de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos A Medorra (p.q. 7+750-9+420) e O Paiseo (p.q. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 24 de febreiro de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treitos A Medorra (p.q. 7+750-9+420) e O Paiseo (p.q. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06.

O obxecto da actuación consiste na creación de dous itinerarios peonís e ciclistas na marxe esquerda da estrada OU-101: un primeiro itinerario que comenza á altura do núcleo da Medorra e se desenvolve ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia Campo Alegre puntos quilométricos aproximados 7+750-9+420), e outro que comenza á altura do núcleo da Cascarreira, no cal remata un treito de beirarrúa existente, e se desenvolve ata as proximidades do Paiseo (puntos quilométricos aproximados 13+780-14+230).

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dea lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de marzo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: Fomento da mobilidade sostible, senda na OU-101, treitos A Medorra (p.q. 7+750-9+420) e O Paiseo (p.q. 13+780-14+230), de clave OU/16/272.06.

Ourense, tres de marzo de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade