Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18452

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU985D).

A Axencia Turismo de Galicia, segundo o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, ten como obxectivos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Para lograr esta finalidade a Axencia Turismo de Galicia acomete, no ámbito das súas competencias, un decidido apoio á promoción e ao fomento do sector turístico de Galicia a través daquelas accións que lle permiten acadar os seus obxectivos.

De tal xeito, impulsa a terceira edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 co obxectivo de seguir colaborando e cooperando co sector turístico de Galicia, un dos máis afectados pola situación de emerxencia de saúde pública da pandemia COVID-19.

As diferentes medidas que se adoptaron para controlar e minorar a crise sanitaria tiveron unha repercusión moi negativa no sector, que foi un dos que presentou unha maior afectación económica e de perda de emprego. A situación alongouse no tempo máis do que se prevía, polo que a Administración autonómica, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia, segue desenvolvendo iniciativas que permitan reactivar e relanzar o sector, propiciando a súa recuperación económica.

Entre esas iniciativas encádrase esta terceira edición do bono turístico que persegue o mesmo fin, que non é outro que estimular a demanda turística interna, a través do consumo de servizos e prestacións turísticas en calquera dos establecementos adheridos a este programa.

Esta terceira edición, que pretende paliar a estacionalidade turística, promovendo o uso da tarxeta fóra dos meses de verán, estará dirixida a todas as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en calquera dos municipios de Galicia.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 (código de procedemento TU985D) e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas ao longo do prazo determinado nas bases reguladoras e segundo o procedemento nelas establecido. A duración do procedemento coincidirá coa vixencia do programa, é dicir, ata o 31 de decembro de 2022.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/quedamosengalicia22

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento TU985D.

c) O teléfono de atención ao cidadán 012 e 900 81 53 34.

d) Enderezo electrónico: info-galiciadestinoseguro@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

María Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, do Bono turístico #QuedamosenGalicia22

Artigo 1. Obxecto e réxime da axuda

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a concesión do Bono turístico #QuedamosenGalicia22. Este bono turístico consistirá nunha tarxeta prepagamento para a súa utilización nos establecementos e/ou para as prestacións turísticas ofertadas polas empresas adheridas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e que se atopan publicadas na web da Axencia Turismo de Galicia no portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/quedamosengalicia22

2. O procedemento de concesión do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 é de outorgamento de subvencións en concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde de presentación de solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto na presente resolución.

3. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, de ser o caso, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste Bono turístico #QuedamosenGalicia22 as persoas físicas maiores de idade que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono turístico #QuedamosenGalicia22.

3. Non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 as persoas que xa resultaron beneficiarias na segunda edición do Bono turístico (#QuedamosenGalicia21).

Artigo 3. Características do Bono turístico #QuedamosenGalicia22

1. O Bono turístico #QuedamosenGalicia22 concíbese como unha tarxeta prepagamento de carácter persoal e intransferible, financiada entre o solicitante e a Administración autonómica. O importe total da tarxeta será financiado polo beneficiario nun 60 %, cun importe máximo de 300 euros, e contará cunha achega complementaria da Administración autonómica do 40 %, cun importe máximo por tarxeta de 200 euros.

2. A persoa solicitante poderá elixir entre tres importes da tarxeta prepagamento:

Importe total da tarxeta

Achega do solicitante

Achega da Administración

500 €

300 €

200 €

375 €

225 €

150 €

250 €

150 €

100 €

3. As persoas beneficiarias deste programa, unha vez resolto o procedemento descrito nestas bases e realizado o copagamento, recibirán unha tarxeta co importe total para o seu uso nos servizos e produtos das empresas adheridas a este.

Artigo 4. Financiamento e compatibilidade

1. O crédito necesario para o cofinanciamento das tarxetas do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.480.0, código de proxecto 2020 00001, do vixente orzamento da Axencia Turismo de Galicia, polo importe total máximo de 1.500.000 €, mediante os correspondentes libramentos á entidade colaboradora, Abanca Corporación Bancaria, S.A., sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nomeadamente, polo financiamento que poidan achegar outras administracións a este programa, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes.

Este incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias a que fai referencia o devandito artigo 30.2 do Decreto 11/2009, anteriormente sinalado e, de for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo dos prazos para resolver.

2. A percepción do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 será compatible con calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

3. A contía percibida mediante o Bono turístico #QuedamosenGalicia22 estará suxeita, de ser o caso, ás obrigas tributarias que lle resulten de aplicación.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As persoas interesadas que desexen optar ao Bono turístico #QuedamosenGalicia22 deberán presentar a súa solicitude, conforme o modelo do anexo II, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará ás 00.00 horas do día 21 de marzo e rematará o día 2 de maio de 2022.

3. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable, segundo o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co dito precepto, a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial de calquera dato ou información que se incorpore a unha declaración responsable ou a unha comunicación, así como a non presentación ante a Administración competente da declaración responsable, da documentación que sexa, se é o caso, requirida para acreditar o cumprimento do declarado ou da comunicación, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

Igualmente, a Administración pública poderá determinar a obrigación do interesado de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou ao inicio da actividade correspondente.

4. No anexo II recóllense as seguintes declaracións:

a) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude son certos.

5. As persoas solicitantes poderán consultar o estado da súa solicitude na mesma sede electrónica (https://sede.xunta.gal/chave365), a través de «A miña sede», consultando o estado do procedemento.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

‒ DNI/NIE da persoa solicitante.

‒ DNI/NIE da persoa representante.

‒ Certificado de empadroamento en vigor no momento da presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes, sen que este feito afecte a preferencia derivada da presentación inicial.

Artigo 8. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano para a instrución do procedemento de concesión do Bono turístico #QuedamosenGalicia22, e corresponderá á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. As solicitudes que non cumpran os requisitos e as exixencias contidas nestas bases serán requiridas para que o solicitante, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue a documentación preceptiva. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Para estes casos, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento foi correctamente atendido.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. Esta proposta deberá expresar o solicitante e o importe concedido para o Bono turístico #QuedamosenGalicia22 ou ben a causa de denegación ou non admisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará a persoa solicitante á cal se lle concede o Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de non admisión ou denegación da solicitude.

3. No caso de existiren solicitudes que non acaden o dereito á subvención ao terse esgotado o crédito dispoñible, pasarán a formar parte dunha lista de espera, coas persoas solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

O esgotamento do crédito será publicado na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de 5 meses. Máis alá da referida data sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Non obstante, a vixencia do programa estenderase ata o 31 de decembro de 2022.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As persoas solicitantes poderán recorrer contra a súa exclusión a través dun recurso potestativo de reposición ante esta Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao do recibimento desta notificación, ou ben, directamente, dun recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao do recibimento desta notificación, de conformidade co disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Instrumentalización

1. Unha vez que a persoa solicitante é confirmada como persoa beneficiaria do Bono turístico #QuedamosenGalicia22, notificaráselle esta circunstancia para os efectos de que realice o copagamento que lle corresponde segundo a elección de tarxeta realizada na solicitude.

2. A persoa beneficiaria disporá de 3 días naturais contados desde a recepción da notificación da resolución para realizar o ingreso na conta e polo procedemento que se lle indicará na resolución de concesión. De non realizar este ingreso no prazo descrito, entenderase por desistida a súa solicitude, perdendo todos os dereitos aos que tivera lugar.

3. Unha vez comprobado que o beneficiario ten realizado o ingreso que lle corresponde acorde co importe elixido na súa solicitude, procederase a cargar a tarxeta co importe total. A tarxeta cargarase dunha soa vez.

Artigo 15. Emisión da tarxeta prepagamento

1. Unha vez que a persoa beneficiaria realice o ingreso correspondente ao copagamento e realizados os trámites administrativos correspondentes, os seus datos serán remitidos pola Axencia Turismo de Galicia á entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., seleccionada como entidade colaboradora, de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A entidade Abanca Corporación Bancaria, S.A., procederá á estampación da tarxeta prepagamento co importe total correspondente á elección da persoa beneficiaria na súa solicitude e ao seu envío nun prazo máximo de 10 días contados desde a data en que a entidade reciba a comunicación das remesas de persoas beneficiarias.

3. A entidade colaboradora habilitará un teléfono de soporte operativo a que se poidan dirixir as persoas beneficiarias que requiran de información adicional sobre as condicións operativas da tarxeta e xestións sobre a súa operatoria, tales como solicitudes de bloqueo por perda/roubo, solicitudes de duplicado, etc.

4. Así mesmo, calquera outra información ou dúbida relacionada con este programa poderá ser consultada chamando ao teléfono de atención ao cidadán 012.

Artigo 16. Utilización da tarxeta prepagamento

1. A persoa beneficiaria da tarxeta poderá utilizala en calquera dos servizos ou produtos ofertados polos establecementos adheridos ao programa ata a súa data de extinción. A relación de empresas turísticas adheridas ao programa, así como os servizos ou produtos que ofertan poderán ser consultados na páxina https://www.turismo.gal/quedamosengalicia22

2. Esta tarxeta non permite reintegros en efectivo nin recargas.

3. A tarxeta pode consumirse nun só pagamento ou en pagamentos sucesivos, así como ser complementaria doutro medio de pagamento.

4. O consumo do importe da tarxeta repercutirá, en primeiro lugar, sobre o saldo que achega o solicitante e, despois, sobre a achega da Administración autonómica.

Artigo 17. Vixencia do programa

1. Este programa estará vixente ata o 31 de decembro de 2022, data ata a que os beneficiarios da tarxeta prepagamento poderán realizar pagamentos nos establecementos adheridos.

2. A tarxeta non poderá ser utilizada nos meses de verán, entre o 1 de xullo e o 15 de setembro de 2022, datas en que a entidade colaboradora inhabilitará as tarxetas.

3. As tarxetas están sometidas a caducidade e, con carácter xeral, non poderán ser usadas máis aló do 31 de decembro de 2022.

4. Se a persoa beneficiaria da tarxeta non esgota o seu saldo antes do 31 de decembro de 2022, perderá todo o dereito sobre el.

Artigo 18. Renuncia

Durante o período de vixencia do bono e en todo caso antes do 31 de decembro de 2022, as persoas beneficiarias poderán renunciar á subvención, consonte o modelo do anexo III.

Só se admitirá a renuncia no caso de que non se realizase ningún gasto coa tarxeta, polo que, nese suposto, corresponderá a devolución a favor do beneficiario do importe total ingresado por este.

As devolucións realizaranse en todo caso unha vez finalizada a vixencia do programa e no pazo máximo de 4 meses contados desde esa data.

Artigo 19. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administracións Públicas, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file