BDNS (Identif.): 615672.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste Bono turístico #QuedamosenGalicia22 as persoas físicas maiores de idade que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono turístico #QuedamosenGalicia22.
3. Non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 as persoas que xa resultaron beneficiarias na segunda edición do Bono turístico #QuedamosenGalicia21.
Segundo. Obxecto e réxime
Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a concesión do Bono turístico #QuedamosenGalicia22. Este bono turístico consistirá nunha tarxeta prepagamento para a súa utilización nos establecementos e/ou para as prestacións turísticas ofertadas polas empresas adheridas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e que se atopan publicadas na web da Axencia Turismo de Galicia no portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/quedamosengalicia22
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 17 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia22 e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU985D).
Cuarto. Importe
O crédito necesario para o cofinanciamento das tarxetas do Bono turístico #QuedamosenGalicia22 financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.761A.480.0, código de proxecto 2020 00001, do vixente orzamento da Axencia Turismo de Galicia, polo importe total máximo de 1.500.000 €, mediante os correspondentes libramentos á entidade colaboradora, Abanca Corporación Bancaria, S.A., sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nomeadamente, polo financiamento que poidan achegar outras administracións a este programa, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará ás 00.00 horas do día 21 de marzo e rematará o día 2 de maio de 2022.
Sexto. Vixencia do programa
A vixencia do programa estenderase ata o 31 de decembro de 2022.
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2022
Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia