Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18328

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento PR852A).

BDNS (Identif.): 614848.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, as beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto dos requisitos establecidos nesta resolución.

2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.

3. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

b) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura, e efectuar a convocatoria para o ano 2022.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 7 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2022.

Cuarto. Importe

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo ás aplicacións 04.20.151A.470.1, polo importe de 790.000,00 euros, e 04.20.461A.470.1, polo importe de 1.186.777,00 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2022

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios