Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18539

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, varias instalacións eléctricas no concello de Cenlle (expediente IN407A 2021/84-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD), co CIF A63222533, e domicilio social na avenida San Luis, 77 28033 Madrid, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública a instalacións eléctricas sitas no concello de Cenlle, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 9 de xullo de 2021, UFD solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se inclúen no proxecto de execución denominado Proxecto para LMTA, CTI, RBT Esposende II (Cenlle), asinado o 1 de febreiro de 2021 polo enxeñeiro técnico industrial, Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado número 2233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable da data sinalada, que se vai desenvolver en Esposende, no concello de Cenlle, cun orzamento de 85.971,27 €, e que prevé a execución das instalacións que teñen as características técnicas que se detallan a seguir:

– LMTA, a 20 kV, de alimentación a CTI proxectado, en condutor tipo LA-56 sobre doce (12) apoios metálicos de celosía, con orixe no apoio existente nº 63-13, de tipo HVH-15/1600, da LMTA CAS801 (expediente 3178-AT), no cal se instala seccionador XS, e fin no centro de transformador intemperie (CTI) proxectado Esposende II, de 100 kVA de potencia aparente, con R/T 20.000/400-230 V e illante en aceite mineral.

Con data do 2 de setembro de 2021, UFD achega o proxecto, que foi asinado polo técnico arriba sinalado con data do 30 de agosto de 2021, que mantén a traza inicialmente prevista para a LMTA, pero con modificacións dos planos parcelarios.

Segundo. A solicitude someteuse a información pública mediante Resolución desta xefatura territorial, que foi publicada no DOG do 27 de setembro de 2021 e no xornal La Región de Ourense do 17 de setembro, con corrección de erros no DOG do 14 de outubro. Ademais, a documentación que foi sometida a información pública estivo tamén á disposición no portal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación durante o prazo regulamentario, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas as seguintes alegacións, das cales se deu traslado á empresa promotora UFD:

– Manuel González Pérez, veciño de Sadurnín-Cenlle, e presidente da CMVMC de Chaira, Campo de Arriba, A Boutureira e Os Conchouros, alega que a liña eléctrica ten unha importante afectación á masa forestal de montes propiedade dos veciños de Sadurnín, con relevancia, segundo di, para o ambiente, polo que solicita que se examinen as posibles alternativas ao trazado expostas polos veciños en reunión que tivo lugar nas oficinas desta xefatura territorial, coa presenza da empresa eléctrica.

Terceiro. O 24 de novembro de 2021, UFD achega documento técnico con estudo de ata seis (6) alternativas para a LMT prevista en proxecto, documento que foi completado, por requirimento feito por esta xefatura territorial, mediante escrito de UFD do 27 de decembro de 2021, no cal se vai analizar unha sétima alternativa á traza prevista no proxecto presentado a trámite.

Cuarto. Para cumprir co trámite previsto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e co artigo 146 no relativo á utilidade pública, foron remitidas as correspondentes separatas técnicas do proxecto aos seguintes organismos e/ou empresas: Servizo de Patrimonio en Ourense da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; Confederación Hidrográfica Miño-Sil; Deputación Provincial de Ourense e Concello de Cenlle.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e co citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Segundo. Cumpríronse os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo II do título VII do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Dentro do trámite de condicionados con outros organismos afectados, citados no antecedente de feito cuarto desta resolución, consta no expediente a aceptación de UFD aos condicionados establecidos polos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial e Patrimonio Cultural, e tamén, dentro do prazo establecido para iso, o Concello de Cenlle non se manifestou en contra do proxecto, polo que –a teor da norma arriba sinalada–, se entende que amosa a súa conformidade coa autorización da instalación conforme o sinalado no proxecto de execución.

Terceiro. Á vista do proxecto, das alegacións presentadas, da contestación realizada pola empresa eléctrica solicitante e da lexislación de aplicación, cómpre manifestar o seguinte:

Como indica a empresa eléctrica na contestación ás alegacións, o proxecto presentado a trámite foi realizado en observancia do establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo cal se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas de alta tensión, e, en concreto, segundo o disposto no número 1.5.1 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07, que literalmente di: «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que na dita instrución se establecen...», sen que existan nas parcelas afectadas as limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas tanto no artigo 58 da Lei do sector eléctrico, como no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que impidan o establecemento de servidumes a través dos terreos incluídos na relación de bens e de dereitos afectados presentada.

Ademais, unha vez que foron analizadas as distintas alternativas técnicas posibles, segundo o informe do 21 de decembro de 2021 que asina o enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, que foi presentado por UFD, como se indicou, con data do 27 de decembro de 2021, naquel conclúese que a solución técnico-económica máis favorable é a recollida no proxecto presentado a trámite.

As instalacións previstas no proxecto, en función da súa tensión e lonxitude, quedan fóra das obrigas de realizar calquera trámite de avaliación ambiental, ao non estaren comprendidas no anexo I nin no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e no que respecta ás afeccións ao patrimonio cultural, xa existe resolución de autorización, emitida polo Servizo de Patrimonio Cultural de Ourense o 26 de maio de 2021, na cal se impoñen unha serie de condicións e obrigas ás cales xa prestou a súa conformidade a empresa eléctrica, segundo consta no expediente.

No tocante ao demérito, incluído o arboredo afectado, non corresponde a súa resolución a esta fase do procedemento, xa que o órgano competente para determinar o prezo xusto é o Xurado de Expropiación de Galicia, a quen se lle remitirá o expediente logo de levantar as actas previas á ocupación e incorporar as follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada, ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 24 de febreiro de 2022

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense