Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2022 Páx. 19021

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a Edistribución Redes Digitales, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á renovación do parque de celas de 6 kV e á instalación de dous novos transformadores para a alimentación dos servizos auxiliares na subestación eléctrica das Pontes, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (expediente IN407A 2021/146-1).

Feitos.

1. O 2.8.2021 Edistribución Redes Digitales, S.L.U. presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, Xefatura Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a renovación do parque de celas de 6 kV e a instalación de dous novos transformadores 250 kVA para a alimentación dos servizos auxiliares en edificio existente na subestación eléctrica das Pontes, no termo municipal de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2021/146-1.

Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

• Proxecto de execución denominado Renovación parque celas 6 kV + Novos transformadores 250 kV de alimentación SSAA en subestación eléctrica das Pontes, asinado polo enxeñeiro industrial Ramón Gómez Morandeira (colexiado nº 1.304 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20212227 e data 30.7.2021; e no que figura un orzamento de execución material de 236.453,60 euros.

• Anexo I ao dito proxecto de execución, asinado polo dito enxeñeiro industrial con data 20.10.2021.

• Declaración responsable do técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, asinada polo dito enxeñeiro industrial con data 2.8.2021.

• Conformidade de Endesa Generación, S.A. ao proxecto de execución.

A infraestrutura eléctrica proxectada, a realizar na subestación eléctrica das Pontes, propiedade de Endesa Generación, S.A., pasará a formar parte de Edistribución Redes Digitales, S.L.U. e estará conformada polas seguintes instalacións/actuacións:

• Instalación de 13 celas de MT 6 kV gama UniGear ZS1 do fabricante ABB en configuración de barra simple partida con aparamenta illada en vacío baixo envolvente metálica para instalacións en interior (2 de entrada de alimentación de trafo, 2 de alimentación a trafos de servizos auxiliares, 6 de saída, 1 de medida e 2 de acoplamento e remonte).

• Dous transformadores de alimentación a servizos auxiliares en edifico existente na subestación das Pontes, de 250 KVA e relación de transformación 6/0,4 kV.

• Dúas liñas soterradas de media tensión de condutor tipo RH5Z1 12/20 kV-3×(3×1×400 mm2) K Al XLPE + H16 para a renovación da ponte MT de trafos de potencia OTAA 2 e OTAA 3.

• Dúas liñas soterradas de media tensión de condutor tipo RH5Z1 12/20 kV-3×(3×1×95 mm2) K Al XLPE + H16 para pontes de media tensión a trafos de servizos auxiliares da subestación das Pontes.

• Redes de baixa tensión para a conexión dos trafos cos servizos auxiliares da subestación das Pontes.

• Desmantelamento das cabinas de MT 6 kV das que é titular Endesa Generación, S.A., en configuración dobre barra, con aparamenta sen illar, baixo envolvente metálica, existentes no local no que se instalan as novas celas.

2. O 2.12.2021 a Xefatura Territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2021/146-1, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para os efectos de ditar a oportuna resolución. A Xefatura Territorial incorporou ao expediente o informe dos seus servizos técnicos, de data 29.11.2021, no que se conclúe que non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción da referida infraestrutura eléctrica.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11.1.2021), e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG nº 54, do 19 de marzo).

3. Informe emitido o 29.11.2021 polos servizos técnicos da Xefatura Territorial, concluíndo que non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción da referida infraestrutura eléctrica, e recollendo as seguintes observacións:

• O promotor presentou escrito no que «declara que o financiamento da instalación obxecto de autorización de construción será levada a cabo na súa totalidade pola empresa Endesa Generación, S.A.».

• O promotor manifesta que «Os números de expediente das instalacións de distribución da subestación das Pontes son os seguintes: Interconexión II-23.966 e Interconexión III-23.966-IN407A 2016/1393-1».

Ademais, a Xefatura Territorial no seu informe fai constar que o expediente IN407A 2016/1393-1 se corresponde cunha solicitude de regularización administrativa da Interconexión III, de acordo coa disposición transitoria terceira do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, presentada por Endesa Distribución Eléctrica, S.A., e que foi remitida o 23.3.2017 á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia ao entender que se trataba dunha instalación da súa competencia.

4. En canto ao procedemento de regularización administrativa da interconexión III pendente, o promotor dirixiuse á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, mediante correo electrónico con data do 22.12.2021, para informar que en tomas de vista que realizou recentemente, conseguiu a acta de posta en marcha do expediente 23.966 que inclúe a interconexión III e que, en consecuencia, no procede continuar co seu procedemento de regularización. Para sustentar esta información, o promotor xuntou, no dito correo electrónico, a seguinte documentación:

• Autorización do proxecto de execución, expediente 23.966 (11.3.1974).

• Autorización de posta en marcha parcial, recollendo a posición Interconexión II (16.3.1976).

• Acta de recoñecemento da posición Interconexión III (26.11.1980).

• Acta de posta en marcha, expediente 23.966 (xuño de 1981).

• Rexistro industrial.

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a Edistribución Redes Digitales, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á renovación do parque de celas de 6 kV e á instalación de dous novos transformadores para a alimentación dos servizos auxiliares na subestación eléctrica das Pontes, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Renovación parque celas 6 kV + Novos transformadores 250 kV de alimentación SSAA en subestación eléctrica das Pontes, asinado polo enxeñeiro industrial Ramón Gómez Morandeira (colexiado nº 1.304 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio, con nº 20212227 e data 30.7.2021; e no que figura un orzamento de execución material de 236.453,60 euros.

2. A empresa promotora (Edistribución Redes Digitales, S.L.U.) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Xefatura Territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais