Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 28 de marzo de 2022 Páx. 19925

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de marzo de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga do persoal da empresa Ambulancias do Atlántico, S.L., que presta o servizo de transporte sanitario na Área Sanitaria de Vigo, os días 29 e 30 de marzo, 1 e 4 de abril de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CCOO) e Unión Sindical Obreira (USO) comunicaron a convocatoria dunha folga dirixida á totalidade do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa Ambulancias do Atlántico, S.L. na Área Sanitaria de Vigo, que se levará a efecto entre as 0.00 horas e as 24.00 horas dos días 29 de marzo, 30 de marzo, 1 de abril e 4 de abril de 2022.

A Consellería de Sanidade ten contratada coa devandita empresa, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, respectivamente, tanto a prestación do servizo de transporte sanitario urxente como o programado e interhospitalario das persoas enfermas e accidentadas no ámbito territorial da Área Sanitaria de Vigo.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos segundo os criterios que se establecen nesta orde.

2. O ámbito da folga abrangue:

1) Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia-061 a través da RTSUG (rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA), é dicir, ambulancias tipo C concertadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se corresponden cun total de 2 unidades (1 medicalizada e 1 con persoal de enfermaría), situadas en 1 base. O horario do servizo é de 24 horas para as AA-SVA medicalizadas e de 12 horas para as AA-SVA con persoal de enfermaría.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancias tipo B concertadas pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se corresponden cun total de 8 unidades, situadas 6 en Vigo (3 cun horario de 24 horas e as outras a 14 horas), 1 en Cangas (24 horas) e 1 en Moaña (24 horas).

O número de bases para a Área Sanitaria de Vigo é de 4, con 10 vehículos.

2) Transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente organizado e xestionado polo Servizo Galego de Saúde por medio da dirección da Área Sanitaria de Vigo. Con carácter xeral, as modalidades de transporte sanitario que inclúe esta prestación son:

a) Transporte programado: traslados de persoas enfermas ambulatorias aos centros sanitarios.

b) Transporte hospitalario: onde se contemplan os ingresos hospitalarios, as altas hospitalarias, traslados interhospitalarios de consultas, probas e/ou tratamentos, traslados interhospitalarios para ingresos hospitalarios e o transporte interhospitalario urxente.

c) Traslados entre comunidades autónomas.

3) Transporte sanitario prestado pola empresa que afecta persoas enfermas ou accidentadas na área sanitaria, non incluído nos puntos anteriores.

Co fin de garantir o servizo de transporte sanitario organizado polo Servizo Galego de Saúde, contrátanse unha serie de recursos á disposición das distintas xerencias de área sanitaria. De xeito que as necesidades do transporte sanitario xestionado polo organismo se canalizan mediante sucesivos concertos de xestión de servizos públicos, cuxa cuantificación se realiza dun xeito aproximado ou estimado, pois a demanda está subordinada ás necesidades reais en cada área.

En concreto, os servizos anuais estimados no vixente concerto, para a Área Sanitaria de Vigo, ascenden a 250.000.

Para realizar este número estimado de servizos e sen prexuízo de que, de sobrevir unha demanda superior á estimada, deberá facérselle fronte incrementando a correspondente dotación, nos pregos que rexen a contratación do transporte a Administración estableceu o seguinte parque móbil para o ámbito da Área Sanitaria de Vigo: 75 vehículos de transporte sanitario dispoñibles (9 do tipo A1, 62 do tipo A2 e 4 do tipo C).

Así as cousas, coa dotación de vehículos exposta cómpre fundamentar o número dos que resultarán necesarios para garantir os servizos básicos durante a vindeira folga, realizando un cálculo dos traslados e servizos de transporte sanitario que poidan resultar inaprazables na Área Sanitaria de Vigo.

Para tal fin, empregáronse as ferramentas informáticas que rexistran as prescricións de ambulancias, consignadas de forma telemática, no conxunto de xerencias do organismo. E contabilizáronse neste senso o total de servizos realizados durante os meses previos á situación de crise sanitaria orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (pois, a partir do mes de marzo de 2020, a captura da actividade rexistrada viuse afectada pola pandemia e os datos reflectidos nas ditas aplicacións non resultan representativos a estes efectos) e correspondentes a traslados que por razóns clínicas non admiten demora, tales como os motivados por tratamentos de hemodiálise, quimioterapia ou radioterapia, así como hospital de día.

Nese senso a media diaria de desprazamentos comunicados polas empresas contratadas nos diferentes tipos de vehículos sanitarios, e realizados polas devanditas causas inaprazables no dito período, estímase nuns 350 na Área Sanitaria de Vigo.

Así pois, a dotación de ambulancias e vehículos de transporte sanitario que o Servizo Galego de Saúde precisa na Área Sanitaria de Vigo como servizo esencial para os días da folga, tendo en conta os criterios reitores que logo se expresarán, xuntamente co feito do solapamento das quendas de funcionamento destas ambulancias, require dun total de 47 vehículos (4C, 35 A2 e 8 A1).

3. A RTSUG está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se recollen como esenciais, nos cales é necesario establecer o 100 % dos servizos solicitados, xustifícase no suposto do transporte interhospitalario cando as persoas enfermas se atopen nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non ser tratadas nun curto prazo de tempo, poden implicar un risco para a vida do/da paciente ou o seu estado funcional posterior, tal como se reflicte en programas tales como o Código Ictus, Código Sepse, Progaliam ou calquera outros programas de patoloxías tempo-dependentes, ademais dos casos de atención a pacientes críticos (como politraumatizados ou neurocirúrxicos).

Resulta necesario o 100 % dos servizos solicitados nos supostos en que a morbilidade e o prognóstico de determinados pacientes poden agravarse de forma significativa se se modifica a planificación asistencial. A historia natural de moitas enfermidades graves, como a insuficiencia renal crónica ou os procesos oncolóxicos, pode evitarse dando a resposta más áxil posible. Dada a gran variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o criterio do/da facultativo/a responsable da asistencia do/da enfermo/a. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria inaprazable nos casos de urxencia e que debe prestarse aos doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías, tanto no transporte interhospitalario, como nas consultas externas urxentes e probas diagnósticas do mesmo carácter.

Será en todo caso necesario manter os recursos de ambulancia imprescindibles para o traslado de pacientes con alta hospitalaria e traslados intercentros, cando exista imposibilidade física ou causas clínicas que impidan ou incapaciten o/a paciente para a utilización de transporte ordinario, segundo o criterio do profesional médico prescritor. No caso de Galicia, as persoas inmobilizadas, definidas como aquelas cun índice de Barthel inferior a 35 puntos, son preto de 21.000 (o que supón o 0,77 % do conxunto da cidadanía galega). De non garantirse un medio de transporte ao domicilio para estas persoas, obrigaríaselles a permanecer retidas nun centro hospitalario de forma innecesaria e por un período superior ao razoablemente establecido en virtude da súa patoloxía, con afectación, asemade, doutros dereitos fundamentais como a libre circulación. O mesmo acontece con aquelas persoas que deben realizar un traslado intercentros para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas que, sen o concurso dunha ambulancia, non se poderían desprazar, comprometendo a súa saúde de non realizarse o dito traslado.

Ao que cabe engadir, por maior fundamento da necesidade de garantir os servizos esenciais afectados por esta folga, que o Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario en Galicia, establece a necesidade deste tipo de transporte non só para o traslado de persoas accidentadas ou enfermas en que concorran situacións de urxencia que impliquen un risco vital ou un dano irreparable para a súa saúde, senón tamén cando padezan unha imposibilidade física ou outras causas clínicas que lles impidan ou incapaciten para utilizar os medios de transporte ordinario para desprazarse a un centro sanitario ou ao seu domicilio, logo de recibir a asistencia.

Cómpre ter en conta, ademais, que a atención sanitaria urxente no Complexo Hospitalario de Vigo se realiza no servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro. Desde o cal se tramitan os ingresos tanto do propio centro como dos que se realizan no Hospital do Meixoeiro. Así pois, tendo en conta a duración da folga e co obxecto de evitar unha afectación grave da asistencia urxente na Área Sanitaria de Vigo, é necesario establecer servizos mínimos para efectuar os traslados daqueles/as pacientes que polo seu estado de saúde requiren de ingreso desde o devandito servizo, así como garantir a atención daqueloutros/as doentes que poidan acudir ao centro sanitario, xa que, de non realizarse os traslados, podería provocarse o colapso do servizo de urxencias, que ficaría xa que logo imposibilitado de dar resposta á atención urxente da poboación da área sanitaria.

Así pois, os servizos mínimos que se propoñen resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía.

Os citados servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidas, dadas as características do servizo dispensado.

4. Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida, en consonancia coa anterior fundamentación son os seguintes:

1) Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061, e do transporte interhospitalario urxente.

2) O 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia, quimioterapia, diálise e asistencia en hospital de día, así como o transporte interhospitalario inaprazable, as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

Inclúese nesta epígrafe, polo seu carácter clínico inaprazable, o traslado dos/das pacientes ingresados/as por algún dos procesos cualificados como de prioridade 1 nos protocolos asistenciais das xerencias de área sanitaria, consonte o establecido no Decreto 105/2017, do 28 de setembro, polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas (en particular procesos oncolóxicos, patoloxías severas de válvulas cardíacas, aneurismas cerebrais, obstrucións ou estenoses arteriais graves, desprendementos de retina e hidrocefalias), incluíndo os traslados interhospitalarios para probas diagnósticas, consultas ou cirurxías.

Considérase igualmente inaprazable, segundo a priorización así mesmo establecida no protocolo da xerencia da área, o traslado das altas hospitalarias das persoas ingresadas e afectadas por enfermidades que cursen con inmunosupresión, para as cales o risco de permaneceren ingresadas nun centro hospitalario é elevado; sendo pola contra prioritario o traslado ao seu domicilio, debido ao estado de inmunodeficiencia que presentan.

En suma, deben aplicarse os recursos necesarios para garantir os traslados dos/das pacientes da área sanitaria que, por razóns do seu estado de saúde e por prescrición facultativa, requiran de traslado ao seu domicilio ou interhospitalario, tanto para o ingreso como para a realización de probas diagnósticas ou terapéuticas, e que sen o concurso dunha ambulancia non poderían levarse a efecto, co conseguinte risco para a súa vida ou de agravamento do seu estado de saúde.

O que se cifra nun total de 47 vehículos (4 tipo C, 35 A2 e 8 A1) do transporte sanitario xestionado pola Área Sanitaria de Vigo.

5. Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente, nomeadamente, no anexo II do Decreto 52/2015, do 5 de marzo, polo que se regula o transporte sanitario.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e o número de recursos da RTSUG xestionados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que, voluntariamente, acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos establecidos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e ás persoas usuarias dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Bases e número de recursos da RTSUG precisos

para cubrir os servizos mínimos durante a folga

– Área Sanitaria de Vigo.

Concello

Bases

Recursos (ambulancias)

Cangas

1

1 AA-SVB 24 h

Moaña

1

1 AA-SVB 24 h

Vigo

2

1 AA-SVA medicalizada

1 AA-SVA con enfermaría

3 AA-SVB 24 h

3 AA-SVB 14 h

Total área sanitaria: 4 bases/10 ambulancias.