Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 1 de abril de 2022 Páx. 21032

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 22 de marzo de 2022 pola que se clasifica de interese tecnolóxico e social a Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, con domicilio na rúa Alameda, número 30, na Coruña.

Feitos:

1. O 15 de febreiro de 2022, Antonio Couceiro Méndez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia constituíuna a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios y Navegación da Coruña, representada polo seu presidente, Antonio Méndez Couceiro, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 19 de xaneiro de 2022, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 118.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– Favorecer o desenvolvemento tecnolóxico e industrial da área, así como mellorar a súa capacidade de atracción de novos investimentos industriais.

– Revitalizar o atractivo da área para a localización de iniciativas tecnolóxicas e industriais con potencial innovador e de crecemento, e mellorar a competitividade das industrias xa instaladas.

– Promover a proactividade na atracción de investimentos tecnolóxicos e industriais á área, sobre a base dunha estratexia de promoción coordinada, o pulo dunha dinámica activa de atracción de investimento e a proxección dunha imaxe conxunta da área como potencial receptora de investimentos industriais.

– Impulsar as potencialidades das persoas físicas e xurídicas, así como das administracións públicas, para xerar proxectos conxuntos de natureza tecnolóxico-industrial na súa área de actividade e xerar as debidas sinerxías entre eles para acadar os ditos fins.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Antonio Couceiro Méndez, presidente; Patricio Erhardt Barrenechea, vicepresidente; Luz Divina Pardo Longueira, Juan Antonio Quiroga Lage, Manuel Ángel Galdo Pérez e Carlos Fernández Bermúndez, vogais, e Iván Vázquez Franco, secretario sen voto.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese tecnolóxico e social da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese tecnolóxico e social e a súa adscrición á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do 14 de marzo de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese tecnolóxico e social a Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo