Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 5 de abril de 2022 Páx. 21852

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

BDNS (Identif.): 618855.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

Sección S: outros servizos, só as divisións 95 e 96.

2. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como máis tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos de mellora enerxética, destinadas a pemes e autónomos con actividade económica no campo do comercio, hostalaría, artístico-recreativo e outros servizos, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran os requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código do procedemento IN417Z).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

Cuarto. Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2022 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.000.000,00 euros.

Quinto. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

3. O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea, de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e de 20.000 euros para empresas do sector agrícola.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o 14 de xullo de 2022.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia