Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 5 de abril de 2022 Páx. 21855

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2022 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación número 1 do proxecto sectorial para a implantación do Centro de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas, aprobada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2022.

En cumprimento do disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 3 de marzo de 2022, da modificación número 1 do Proxecto sectorial para a implantación do Centro de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas (Pontevedra), así como das súas disposicións normativas modificadas, para a súa entrada en vigor.

Ordenanzas de aplicación.

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Estas ordenanzas son de aplicación na totalidade do ámbito, tal e como queda definido na documentación gráfica deste.

Artigo 2. Marco legal de referencia

O marco legal de referencia do presente proxecto sectorial establécese no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de ámbito supramunicipal.

No ámbito urbanístico, para todo aquilo que non estea expresamente regulado no presente articulado, serán de aplicación as ordenanzas das normas subsidiarias de planeamento do concello de Ponte Caldelas e a lexislación vixente.

Artigo 3. Definición de conceptos

O presente proxecto sectorial incorpora as definicións xerais recollidas no articulado das normas subsidiarias de Ponte Caldelas.

Polo tanto, sempre e cando non queden expresamente definidos nestas ordenanzas, os conceptos empregados son os definidos na normativa das NN.SS. De conformidade co artigo anterior.

Artigo 4. Desenvolvemento do proxecto

Este proxecto sectorial realizarase de acordo coas determinacións que nel se definen, podéndose redactar estudos de detalle e proxectos de parcelación, caso de que fose necesario, que en calquera caso respectarán as determinacións do proxecto sectorial.

Artigo 5. Estudos de detalle

Poderán formularse estudos de detalle para completar ou adaptar determinacións establecidas no presente proxecto sectorial. O seu contido limitarase a reaxustar aliñacións ou a ordenar volumes de acordo coas especificacións do proxecto.

Artigo 6. Modificacións

As modificacións do presente proxecto sectorial terán que respectar o disposto no artigo 50 da Lei do solo de Galicia e na lexislación vixente. As pequenas variacións das aliñacións ocasionadas pola mellor adaptación ao terreo que non supoñan modificacións de superficie e, polo tanto, da edificabilidade das parcelas, superiores ao 3 %, non se considerarán modificación do proxecto sectorial.

Artigo 7. Cualificación do solo

O presente proxecto sectorial cualifica o solo nas seguintes clases:

1. Zona industrial e comercial.

2. Espazos libres de uso público.

3. Sistema viario.

4. Sistemas xerais.

Artigo 8. Xeneralidades

O presente proxectos sectorial incorpora nas súas determinacións todas as definicións contidas nas normas urbanísticas do concello, coa excepción daquelas que estean en contradición coas que se relacionan a continuación.

Artigo 9. Definición de conceptos

1. Aliñación de vía: liña que separa a vialidade de titularidade pública do espazo privado.

2. Altura reguladora máxima: é a altura que poden ter as edificacións e medirase desde a cota do pavimento de planta ou plantas que en cada punto teñan a consideración de plantas baixas ata a cara superior do último teito ou elemento estrutural de cuberta. Por riba da altura reguladora máxima soamente se permitirán elementos para a formación de cubertas e elementos técnicos das instalacións do edificio.

3. Número máximo de plantas: número máximo de plantas permitidas dentro da altura reguladora.

4. Planta baixa: é o piso ou parte do piso que reúne as condicións que a continuación se especifican:

Por aliñación de vía. Para situar a cota do pavimento da planta baixa tomarase como referencia a rasante da beirarrúa á cal da fronte a fachada dianteira. A cota do pavimento terá que situarse entre 1,50 m por encima e 0,60 m por debaixo dos puntos de máxima e mínima rasante, respectivamente. Cando, de acordo con a aplicación desta condición e debido á pendente da vía, exista máis dunha planta que se sitúe nos límites establecidos, terá a condición de planta baixa en cada parcela a de posición inferior.

Por ordenación segundo gálibo máximo. Terá consideración de planta baixa aquela cuxo pavimento queda situado a 1,50 m como máximo, por encima da cota do terreo definitivo nivelado ou non. Cando, debido á pendente non se poidan cumprir estas condicións en todas as partes dunha mesma planta, esta subdividirase nos planos necesarios a diversa cota que permitan considerar cada parte de planta como planta baixa.

5. Planta soto: é a situada por debaixo da planta que teña a consideración de planta baixa. Terá unha altura mínima de 2,5 m. En ningún caso se permite o uso de vivenda, estudio, despacho, oficina nin outro que exixa unha permanencia continuada de persoal nesta planta.

6. Planta piso: entenderase por planta piso toda planta situada enriba da planta baixa.

7. Ocupación de parcela: é a porcentaxe que mide a máxima ocupación da parcela pola edificación. Contará tamén na ocupación a proxección vertical sobre o terreo de todos os corpos e elementos saíntes do edificio, a excepción dos beirís, beirados ou marquesiñas de cuberta que sirvan soamente para resgardarse de sol.

8. Perímetro máximo de ocupación: é aquel dentro do cal debe de inscribir a edificación sen que ningunha parte desta sobresaia.

9. Altura libre ou útil: a altura libre ou útil é a distancia que hai ao solo desde o teito no interior dun local construído.

10. Edificacións auxiliares: defínense como auxiliares ou anexas as edificacións independentes da principal, cuxo uso está ligado a ela.

11. Espazos non edificables: defínense como espazos non edificables o solo libre destinado a aparcadoiro, vías interiores, xardíns, que rodea as edificacións e cuxa titularidade é privada.

12. Recuamentos: é a distancia que, medida desde os límites da parcela cara a dentro, define unhas franxas de superficie que non poden estar ocupadas pola edificación nin utilizadas para a almacenaxe.

Artigo 10. Determinacións comúns

1. Para todo o que no estea especificado nestas normas particulares, entendese que é de aplicación o que figura nas normas subsidiarias do concello.

2. Altura máxima:

É a altura que poden ter as edificacións e medirase desde a cota do pavimento de planta ou plantas que en cada punto teñan a consideración de plantas baixas, ata a cara superior do último teito ou elemento estrutural de cuberta.

A altura máxima da edificación establécese en cada ordenanza. Por riba desta altura soamente se permitirán elementos para a formación das pendentes da cuberta plana ou inclinada e elementos técnicos das instalacións do edificio.

3. Altura das plantas:

A altura libre mínima nos locais que vaian ser ocupados por persoal será de 2,50 m.

A altura libre mínima en planta soto será de 2,50 m.

4. Planta soto:

a) Permítese a construción de sotos ou semisotos coa mesma ocupación ca a planta baixa.

b) Non se permite na planta soto o uso de vivenda nin de locais de uso permanente de persoal.

c) As plantas sóto non computarán na edificabilidade permitida para cada parcela.

5. Peches:

Os peches serán unitarios para todo o polígono. Realizaranse con material opaco ou macizo ata unha altura máxima de 0,45 m; por riba da parte opaca ou maciza e ata unha altura máxima de 2,00 m. Poderán completarse con material calado, reixa, fío, etc. cunha porcentaxe de ocos non inferior ao 7 %, e/o vexetación de arbustos. En todo momento terase que asegurar a boa imaxe e mantemento dos peches. Non se admitirán celosías cerámicas ou de formigón. Se, debido á pendente da rúa, se teñen que establecer chanzos no peche, estes non superarán en ningún punto a altura de 2,50 m.

6. Edificacións auxiliares:

Non se admitirán edificacións auxiliares diferentes á principal que supoñan un aumento da porcentaxe de ocupación e do índice de edificabilidade establecidos Considéranse como excepción ás casetas de control de acceso ás parcelas cando estas sexan pechadas.

7. Espazos non edificables:

Os espazos libres interiores das parcelas poderán ser utilizados para aparcadoiros peiraos de carga, descarga e manobra.

Nos espazos libres non se permite o almacenamento e destinaranse a patios de manobra e aparcadoiro.

Axardinaranse todos os espazos libres que non teñan unha función concreta.

En todo momento se terán que garantir a boa imaxe e conservación dos espazos libres axardinados ou non.

8. Condicións de uso:

De acordo co establecido nas normas subsidiarias de Ponte Caldelas, en todas e cada unha das parcelas (a excepción das cedidas para zonas libres) estarían permitidos todos os usos relacionados co industrial, almacenamento, transporte, loxística, comercial e oficinas, sempre que as ditas actividades estivesen vencelladas ás da actividade principal.

9. Ordenanzas particulares:

As ordenanzas de carácter xeral compleméntanse coas particulares para cada illa: para cada unha delas determínanse as condicións de volume, altura, usos, etc. nos seguintes artigos.

Artigo 11. Ordenanza 1

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: as definidas no plano correspondente, plano 5. Cualificación proposta.

c) Superficie total das parcelas: 8.100,00 m2s.

d) Edificabilidade: 0,85 m2c/m2s.

e) Uso: industrial e terciario.

f) Parcela mínima: 800 m2.

g) Fronte mínima: 17,75 m.

h) Altura máxima: con carácter xeral 12 m. Pero pódense autorizar alturas maiores sempre que o requira a actividade que se prevé e se xustifique axeitadamente este aspecto.

i) Recuamentos: permítense sempre e cando se tomen as medidas necesarias para tratar convenientemente as medianeiras que poidan aparecer como consecuencia dos recuamentos.

Artigo 12. Ordenanza 2

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: as definidas no plano correspondente: plano 5. Cualificación proposta.

c) Superficie total das parcelas: 5.670,00 m2s.

d) Edificabilidade: 0,85 m2c/m22s.

e) Uso: industrial e terciario.

f) Parcela mínima: 800 m2.

g) Fronte mínima: 17,75 m.

h) Altura máxima: con carácter xeral 12 m. Pero pódense autorizar alturas maiores sempre que o requira a actividade que se prevé, e se xustifique axeitadamente este aspecto.

i) Recuamentos: permítense sempre e cando se tomen as medidas necesarias para tratar convenientemente as medianeiras que poidan aparecer como consecuencia dos recuamentos.

Artigo 13. Ordenanza 3

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: as definidas no plano correspondente: plano 5. Cualificación proposta.

c) Superficie total de parcela: 9.855,00 m2s.

d) Edificabilidade: 0,85 m2c/m2s.

e) Uso: industrial e terciario.

f) Parcela mínima: 600 m2.

g) Fronte mínima: 17,75 m.

h) Altura máxima: con carácter xeral 12 m. Pero pódense autorizar alturas maiores sempre que o requira a actividade que se prevé e se xustifique axeitadamente este aspecto.

i) Recuamentos: permítense sempre e cando se tomen as medidas necesarias para tratar convenientemente as medianeiras que poidan aparecer como consecuencia dos recuamentos.

Artigo 14. Ordenanza 4

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: as definidas no plano correspondente: plano 5. Cualificación proposta.

c) Superficie total de parcela: 6.552,00 m2s.

d) Edificabilidade: 0,85 m2c/m2.

e) Uso: industrial e terciario.

f) Parcela mínima: 450 m2.

g) Fronte mínima: 17,75 m.

h) Altura máxima: con carácter xeral 12 m. Pero pódense autorizar alturas maiores sempre que o requira a actividade que se prevé e se xustifique axeitadamente este aspecto.

i) Recuamentos: permítense sempre e cando se tomen as medidas necesarias para tratar convenientemente as medianeiras, que poidan aparecer como consecuencia dos recuamentos.

Artigo 15. Ordenanza 5

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: non se establecen, excepto as dos propios límites da parcela.

As edificacións poden colocarse libremente na parcela.

c) Superficie total de parcela: 3.682,51 m2s.

d) Edificabilidade: 0,60 m2c/m2.

e) Uso: industrial e terciario.

f) Parcela mínima: 1.000 m2.

g) Fronte mínima: 17,75 m.

h) Altura máxima: con carácter xeral 12 m. Pero pódense autorizar alturas maiores sempre que o requira a actividade que se prevé e se xustifique axeitadamente este aspecto.

i) Recuamentos: permítense sempre e cando se tomen as medidas necesarias para tratar convenientemente as medianeiras que poidan aparecer como consecuencia dos recuamentos.

Artigo 16. Ordenaza 6

Os parámetros básicos son os que se expoñen a continuación:

a) Delimitación e ámbito: o sinalado no plano 5. Cualificación proposta.

b) Aliñacións: as definidas no plano correspondente: plano 5. Cualificación proposta.

c) Superficie total de parcela: 2.633,92 m2s.

d) Edificabilidade: non se establece coeficiente, queda determinada por las aliñacións fixadas nos planos correspondente cunha superficie total de 380 m2.

e) Uso: aparcadoiro e edificacións auxiliares. As edificacións auxiliares poderán subdividirse en 19 boxes, un por cada praza de aparcadoiro cunha superficie de 20 m2 cada un.

f) Parcela mínima: as edificacións auxiliares poderán subdividirse en 19 «boxes», un por cada praza de aparcadoiro cunha superficie de 20 m2 cada un.

g) Altura máxima: con carácter xeral 3,6 m, unha planta.

h) Recuamentos: non se permiten.

Artigo 17. Normas de urbanización

Nos espazos libres de uso público destinados a zonas verdes só se permitirán aquelas construcións relacionadas cos usos compatibles e, en calquera caso, terán unha altura máxima de 4 m e unha ocupación inferior ao 5 %.

Con carácter xeral observarase o disposto na no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Así mesmo, observarase o disposto na Orde VIV/561/2010, do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados, e no Decreto 35/2000 (DOG do 29 de febreiro) e a súa modificación, Decreto 74/2013 (DOG do 22 de maio) en desenvolvemento da Lei 10/2014 de accesibilidade en Galicia.

Ademais, no que atinxe á presente modificación observarase o establecido nos artigos 74 (características das vías) e 75 (características da dotación de aparcadoiros) do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia.

1. Cumpriranse, por outra parte, os seguintes termos: deseño de percorridos accesibles incorporando ramplas cando sexa necesario.

2. Deseño de percorridos seguros e con boa iluminación, e cunha relación axeitada co resto dos espazos públicos.

3. Deseño de sendas verdes, que permitan unha mobilidade eficiente e inclusiva.

4. Utilización de luminarias de iluminación público tipo led, de baixo consumo.

5 No deseño dos espazos libres utilizaranse especies que non necesiten unha rega excesiva, así como pavimentos que garantan a permeabilidade do solo.

6. Instalación de aparcadoiros para bicicletas nas proximidades do ámbito e de paradas adecuadas para o transporte público.

7. Nas zonas verdes e áreas axardinadas plantaranse árbores autóctonas que favorezan a recuperación da vexetación potencial.

O informe ambiental estratéxico da modificación número 1 do proxecto sectorial para a implantación do Centro de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas (Pontevedra) foi publicado no DOG núm. 239, do 26 de novembro de 2020, mediante Anuncio do 13 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

A dita documentación poderá consultarse na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada).

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo