Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 5 de abril de 2022 Páx. 21692

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de marzo de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal da Peroxa, para a construción de vivendas protexidas.

O Concello da Peroxa remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto nos artigos 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG).

Unha vez analizado o expediente remitido e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Peroxa dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 7.7.1999, que tivo ata o momento tres modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 23.11.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución (DOG do 15.1.2019) en que resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual, sinalando que deben recollerse as medidas do informe do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e da Dirección Xeral de Mobilidade.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 30.1.2019.

• O Pleno do Concello, en sesión do 4.2.2019, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no DOG do 5.3.2019, e no diario La Región do 12.9.2019. Non houbo alegacións.

• O 18.12.2019 deuse audiencia aos concellos limítrofes de Carballedo, Coles, Nogueira de Ramuín, Pantón, O Pereiro de Aguiar e Vilamarín. Unicamente contestou o 31 de xaneiro de 2020 o Concello do Pereiro de Aguiar, sen observacións.

• Consta informe favorable, do 22.4.019, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Economía e Empresa.

• Consta informe favorable, do 10.1.2020, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

• Consta informe favorable, do 13.1.2020, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en canto que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe, do 30.1.2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

• Consta informe favorable, do 12.2.2020, da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta informe favorable, do 26.2.2020, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, con consideracións.

• Consta informe favorable, do 12.3.2020, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Constan solicitudes de informe, do 18.12.2019, a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, sen que consten contestacións.

• Consta informe, do 3.6.2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, relativo ao resultado do trámite previsto no artigo 60.7 da LSG.

• Constan informes municipais técnico, do 10.11.2020, e xurídico, do 13.11.2020.

• O Pleno Municipal do 20.11.2020 aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 4 do PXOM da Peroxa.

• O 25.2.2021 o Servizo de Urbanismo requiriu o Concello da Peroxa para que completase a documentación achegase e emendase as deficiencias sinaladas.

• Consta informe da Subdelegación do Goberno en Ourense do 13.5.2021.

• Consta informe favorable, do 25.11.2021, da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil do Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Constan novos informes municipais, técnico, do 13.1.2022, e xurídico, do 17.1.2022.

• O Pleno Municipal do 20.1.2022 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual nº 4 do PXOM da Peroxa.

II. Análise da modificación puntual.

II.1. O ámbito da modificación puntual afecta dúas parcelas de propiedade municipal situadas ao sur do ámbito urbano da Peroxa capital, entre a estrada Ourense-Os Peares e a estrada local cara ao núcleo rural da Peroxa Vella. A superficie total é de 1.982 m2. Segundo o PXOM da Peroxa o ámbito está clasificado como solo urbano consolidado, resultando de aplicación a ordenanza de residencial illada.

II.2. O obxectivo da modificación puntual é cambiar no seu ámbito a ordenanza de residencial illada por outra ordenanza (norma zonal residencial vivenda de protección) que faga viable a construción de vivendas protexidas.

A modificación implica un aumento de edificabilidade de 0,40 m2/m2 a 0,50 m2/m2, que no ámbito supón pasar de 792 m2 construídos a 894 m2 de uso residencial en ringleira.

A xustificación da modificación baséase na demanda de vivenda sometida a algún dos réximes de protección e no compromiso de poñer á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo parcelas de titularidade municipal con ese fin.

II.3. A categoría de solo do ámbito é a de solo urbano consolidado, conforme o punto 2.a) da disposición transitoria primeira da LSG en relación co artigo 17.a) da mesma lei.

Xustifícase que, conforme o disposto no artigo 17.b).3 da LSG, a modificación non é unha actuación de dotación, posto que a edificabilidade de 0,50 m2/m2 incrementa en menos dun 30 % a edificabilidade actual de 0,40 m2/m2.

II.4. No punto 1.3.1 da memoria xustifícase que non se produce contradición entre a cualificación do ámbito coa norma zonal residencial vivenda de protección e a existente na zona sen fachada a vía pública situada ao nordeste do ámbito (residencial illada), ao formar parte esta zona dunha parcela con fronte á vía pública situada ao norte, e é viable o seu aproveitamento urbanístico coa ordenanza existente. Tamén se xustifica que o aproveitamento urbanístico da parte do ámbito situada máis ao leste é viable cos novos recuamentos previstos de 3 m á fronte da parcela e de 3 m aos demais lindeiros.

II.5. Créase unha nova ordenanza, específica para o ámbito de actuación, adaptada á lexislación urbanística vixente e axeitada á nova edificabilidade máxima prevista.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal da Peroxa, para a construción de vivendas protexidas.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda