Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 5 de abril de 2022 Páx. 21752

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2022 pola que se convoca o curso monográfico Introdución á fiscalidade internacional.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do dito instituto,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Introdución á fiscalidade internacional, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos e contidos

Este curso monográfico pretende ofrecerlle ao alumnado unha visión xeral da fiscalidade internacional e comunitaria que lle permita comprender e profundar no coñecemento dos seguintes aspectos:

• Os criterios ou puntos de conexión utilizados para a repartición das competencias fiscais entre os Estados.

• A determinación da residencia fiscal e os problemas que dela derivan.

• Os tipos de réximes fiscais, en especial as denominadas xurisdicións non cooperativas (paraísos fiscais), así como as medidas de que se dotan os países para evitaren a evasión fiscal e a erosión de bases impoñibles.

• O fenómeno da sobreimposición internacional e os mecanismos arbitrados para combatela.

• A tributación dos non residentes.

• A natureza e as clases de tributos que gravan o comercio internacional e o comercio electrónico.

• O proceso de integración económica europea e as limitacións fiscais que derivan para os Estados membros das liberdades de circulación no mercado interior europeo.

De acordo con estes obxectivos, neste curso monográfico abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• Fontes, principios e conceptos básicos da fiscalidade internacional.

• Convenios para evitar a dobre imposición.

• Tributación dos non residentes.

• Tributación do comercio internacional.

• Harmonización fiscal da Unión Europea.

• Mercado interior europeo e liberdades de circulación.

Segunda. Persoas destinatarias

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais, da Administración institucional, das entidades locais de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Modalidade: mixta (presencial e teleformación).

Duración: 25 horas.

Edicións: unha.

Sesión inaugural presencial: o día 19 de abril, das 12.00 ás 14.00 horas.

Teleformación: do 19 de abril ao 12 de maio de 2022.

Proba final: 18 de maio, ás 16.30 horas.

Cuarta. Número de prazas

40.

Quinta. Solicitude e prazos

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do 11 de abril de 2022.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido para as persoas destinatarias e requisitos de selección nas bases segunda e sétima desta convocatoria.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso: curso monográfico Introdución á fiscalidade internacional.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de matrícula telemática, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

6. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse dunha actividade impartida na modalidade de teleformación, deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

8. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderanlle remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, ao enderezo de correo electrónico <iep.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberase enviar por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberase presentar dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

9. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. Poderase obter calquera outra información no teléfono 981 54 62 54, das 9.00 ás 14.00 horas, e no enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa, necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opoñen, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte enderezo electrónico <iep.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

1. A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpra os requisitos do curso, poderase completar o número de participantes asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Oitava. Publicación da listaxe do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe de persoas seleccionadas para participaren no dito curso, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación, de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Novena. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. O seguimento das actividades formativas

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a <iep.egap@xunta.gal>, cunha antelación mínima de tres días ao do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. Seguimento da actividade.

a) É obrigatoria a asistencia e a puntualidade á sesión inaugural do curso, que terá lugar na sede da EGAP o 19 de abril, das 12.00 ás 14.00 horas. Durante a sesión terá lugar un control de asistencia e puntualidade.

b) Por outra banda, as persoas que non completen o 50 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade formativa será necesario cumprir os seguintes requisitos:

– A adecuada realización de todas as actividades que os/as titores/as propoñan. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame ou proba final.

– A superación dunha proba de avaliación final.

Ao inicio da actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse a proba de avaliación prevista e a data en que esta terá lugar. A proba de avaliación final será en liña.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento desta actividade, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas sempre que obteñan unha valoración positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declara apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública