Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 6 de abril de 2022 Páx. 22058

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 31 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a participación dos seus grupos folclóricos nos actos do VI Día da Galicia Exterior (código de procedemento PR938B).

BDNS (Identif.): 618728.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas establecidas para este programa as entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade, de acordo co establecido na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, que conten con un ou máis grupos de canto, música e/ou danza tradicionais.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro, radicadas fóra de Galicia, legalmente constituídas e que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego a través de grupos de canto, música e danza tradicionais con actividade continuada, como mínimo, nos cinco anos anteriores a esta convocatoria.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades galegas no exterior para favorecer a participación dos seus grupos de folclore tradicional galego nos actos do VI Día da Galicia Exterior, que se prevé celebrar na primeira quincena do mes de xullo de 2022 en Galicia, con motivo do Ano Santo Xacobeo (código de procedemento PR938B).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 31 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a participación dos seus grupos folclóricos nos actos do VI Día da Galicia Exterior (código de procedemento PR938B).

Cuarto. Financiamento

Ás subvencións previstas no artigo 3.1 destinarase un crédito total de 350.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0 –axudas a entidades no ámbito das migracións– dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2022.

Pola súa parte, as axudas previstas no artigo 3.2 teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto.

Excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración