Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 11 de abril de 2022 Páx. 22927

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 7 de abril de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará de xeito indefinido o persoal médico do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. O que implica a necesidade de conxugar o citado exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, a prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos devanditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios de CC.OO. de Galicia comunicou a convocatoria dunha folga no ámbito do persoal médico (facultativo especialista de área) do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, que se desenvolverá con carácter indefinido todos os días da semana, a partir das 00.00 horas do mércores 6 de abril de 2022.

A presente folga resulta idéntica á convocada inicialmente pola mesma organización sindical para os días 1, 10, 13, 21 e 29 de decembro de 2021, a cal motivou que esta consellería emitise unha orde de fixación de servizos mínimos, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 230, do 30 de novembro de 2021, aplicable ao mesmo persoal e servizo sanitario. E tamén é por completo idéntica ás convocadas posteriormente pola devandita organización para o mesmo colectivo e servizo, neste caso con carácter indefinido todos os martes desde o 11 de xaneiro de 2022, e logo todos os martes e xoves a partir do 10 de marzo de 2022. As cales, pola súa vez, determinaron que esta consellería emitise cadansúa nova orde de fixación de servizos mínimos (recollidas no DOG núm. 5, do 10 de xaneiro, e núm. 47, do 9 de marzo de 2022), remitíndose en ambos os casos á orixinaria.

Atendendo a eses precedentes e ante o mantemento das necesidades sanitarias, procede remitirse nova e integramente aos termos da orde que estableceu os servizos esenciais para a folga iniciada o mes de decembro de 2021 no devandito servizo, os cales serán de aplicación tamén ás novas xornadas de folga.

Con base no que antecede e logo do acordo co comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo único

A convocatoria de folga indefinida referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

Os cales, por remisión, serán os contidos na Orde desta consellería do 26 de novembro de 2021, pola que se determinaron os servizos mínimos durante a folga que afectou o persoal médico do Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza a partir do día 1 de decembro de 2021 (orde publicada no DOG núm. 230, do 30 de novembro, nas páxinas 58445 e ss.).

Deste xeito, para determinar os servizos esenciais que se deberán respectar durante a nova folga indefinida aplicarase integramente o articulado da antedita orde, no que se recolle o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga no Servizo de Otorrinolaringoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade