Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 11 de abril de 2022 Páx. 22929

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2022, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos, e se convoca para o ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG650A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do día 21 de febreiro de 2022, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2022 e facultar o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2022, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2022, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos e convocar, para o exercicio 2022, o dito concurso en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG650A).

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Orzamento 2022

2016 00007

06.A1.741A.4800

12.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses contado desde a publicación desta convocatoria no DOG; transcorrido este se poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión do premio.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras do concurso Eduemprende Idea 2022, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos

O Igape convoca o concurso Eduemprende Idea 2022, no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino e aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora necesaria para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego. Neste sentido, o Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, aprobado en 2010, conxuntamente pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e polo Igape, ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora e comprende, no seu eixe 3, as actuacións que se refiren ao apoio ao alumnado con habilidades emprendedoras, para a posta en marcha de proxectos empresariais viables e para a posta en práctica de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas e as actividades emprendedoras ante o déficit emprendedor en Galicia.

A convocatoria deste concurso será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Os premios regulados nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2022, co fin de potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

Estar matriculado no curso 2021/22 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidas con fondos públicos.

A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dous/dúas alumnos/as e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarios de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009.

Artigo 3. Modalidades e características dos premios

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Asesoramento técnico do Igape.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

Artigo 4. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, o representante do grupo deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias dos alumnos/as e do proxecto con que opta aos premios a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivavamento.

Dado o nivel educativo en que se atopan os candidatos e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino a que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude exerza a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Ficha de persoas participantes segundo o anexo II.

b) Proxecto de empresa.

c) Resumo executivo do proxecto.

d) Vídeo de presentación do proxecto. No caso de non poder achegar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá achegarse un documento no cal se recolla un enderezo web onde poder ver e/ou descargar o vídeo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando o exixa a relevancia do documento no procedemento ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Os materiais e recursos dixitais que acompañen a solicitude deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Requisitos de forma.

1º. Os traballos serán orixinais no sentido de que serán elaborados polos membros do equipo e non poderán ter presentado en anteriores edicións do premio.

2º. Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

b) Requisitos técnicos.

1º. Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador, salvo os de Flash, Java, Descartes e Malted.

2º. Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e non libres, e poderán ser executados en local.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada opóñase á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante do solicitante.

c) NIF da entidade representante do solicitante.

d) DNI/NIE da persoa participante.

e) DNI/NIE da persoa representante do participante.

f) NIF da entidade representante do participante.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa participante.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa participante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas participantes (anexo II), segundo o caso, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 9. Órganos competentes

Para a avaliación dos proxectos presentados, constituirase unha comisión avaliadora formada por:

a) Dous/dúas representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

b) Dous/dúas representantes do Igape.

c) Un/unha profesor/a que forme parte do programa Emprende.

Actuará como secretario/a un dos membros da comisión e redactará unha acta de cada sesión que se celebre. A comisión elixirá de entre os seus membros o/a presidente/a.

O funcionamento da comisión farase ao abeiro do réxime xurídico dos órganos colexiados contido na sección III, capítulo I, do título I (artigo 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Área de Competitividade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios. Esta instrución finalizará coa proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, a quen lle corresponde ditar a resolución de concesión dos premios, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de participación serán avaliadas pola Comisión Avaliadora en función dos datos declarados na solicitude de participación, no formulario electrónico e na documentación presentada, e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es

3. Baremación das solicitudes:

Unha vez emendadas as solicitudes, serán avaliadas pola Comisión Avaliadora, que terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades dos proxectos presentados:

a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos)

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o coñecemento e posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliarase o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

e) Creación de emprego (máximo 10 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego que se vaia crear, incluídos os promotores do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego a que se cree.

f) A capacidade do equipo promotor para executar o proxecto (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral no vídeo (elevator pitch) (máximo 15 puntos).

Avaliaranse a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios «a», «b», «c», «d» «e» «f» e «g», por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución de adxudicación dos premios e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón Tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de que recibiu as notificacións (xustificante de recepción electrónico).

4. Declararase deserto o premio naquelas categorías en que ningún dos proxectos presentados acade unha puntuación mínima de 40 puntos.

5. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

6. A información da convocatoria e lista de proxectos seleccionados e premiados publicarase tamén na web www.edu.xunta.es/fp

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas as persoas interesadas poderán interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá, como máximo, un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2022.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas beneficiarias participantes no mesmo proxecto deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta resolución. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación desta declaración, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o que aquela cumpra as obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica).

e) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file