Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 20 de abril de 2022 Páx. 24057

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 31 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública o documento preliminar do Plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

A reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés foi aprobada o 27 de maio de 2009 polo Consello Internacional de Coordinación do programa da Unesco Home e biosfera (MaB), realizado en Xexu (Corea do Sur), e pasou a formar parte da Rede mundial de reservas da biosfera.

Ao ser unha reserva da biosfera transfronteiriza, o esforzo de cooperación entre o territorio e as entidades portuguesas e españolas ten un peso importante, principalmente na identificación de obxectivos comúns, na definición de prioridades de actuación para o territorio e na articulación de estratexias de xestión.

Este esforzo de cooperación entre os dous territorios reflíctese nos plans de acción 2010-2015 e 2015-2020 da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés, documentos elaborados en coordinación entre o Instituto da Conservación da Natureza e dos Bosques, pola parte portuguesa, e a Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola parte española.

Seguindo os obxectivos específicos das reservas da biosfera e con base nunha avaliación das necesidades e oportunidades do territorio Gerês-Xurés, o Plan de xestión que se presenta reflicte as principais prioridades de actuación para o período 2022-2025, priorizando as actividades transfronteirizas e de cooperación entre as dúas rexións.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 70 regula as características das reservas da biosfera, establece que estes espazos deberán contar, como mínimo, cunha ou varias zonas núcleo que sexan espazos naturais protexidos, un programa de actuación e, finalmente, cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de actuación e programas.

Un compoñente fundamental, recollido nos principios do Programa MaB, é o carácter participado do Plan de xestión, de xeito que a estratexia e as actuacións sexan o resultado da interacción dos axentes que interveñen sobre o territorio e do seu compromiso co dito plan.

Os responsables da xestión da reserva da parte portuguesa e da parte galega veñen traballado na elaboración dun plan de xestión, plan que identifica os obxectivos, os eixes estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións que se van desenvolver nos vindeiros anos, así como os orzamentos de financiamento/investimento previstos polos diversos socios. Este plan de xestión será sometido a informe do Consello Consultivo de Cooperación en breve espazo de tempo, para o seu coñecemento e avaliación, e posterior aprobación pola Comisión de Dirección Transfronteiriza, tal e como establece o Regulamento de funcionamento da reserva.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público do documento preliminar do Plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés durante un prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/procedementos-de-informacion-publica

Tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. Preferentemente, mediante correo electrónico, ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Plan de xestión da RB Gerês-Xurés».

2. Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural