Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24216

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2022/23.

A Lei 3/2020, do 29 de decembro, no número 2 da súa disposición derradeira quinta, sobre o calendario de implantación, establece que as modificacións introducidas nas condicións de acceso ás diferentes ensinanzas reguladas nesa lei orgánica se implantarán ao inicio do curso seguinte da entrada en vigor desta lei. Así mesmo, no seu punto corenta e oito modifícase o artigo 64 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no referente á organización e aos requisitos de acceso ás ensinanzas deportivas.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, no seu artigo 30.1 establece que as probas de carácter específico para o acceso aos ciclos de ensinanzas deportivas serán organizadas e controladas polas administracións educativas. Igualmente, nas súas disposicións transitorias segunda e terceira preceptúa a vixencia temporal das ensinanzas establecidas ao abeiro do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e das normas de desenvolvemento previstas nel.

A Orde do 22 de xullo de 2021 pola que se desenvolven determinados aspectos da ordenación académica nas modalidades deportivas de ensinanzas de réxime especial implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia regula, no seu capítulo V, o acceso ás ensinanzas deportivas.

A Orde do 24 de marzo de 2003, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, regula no ámbito de Galicia as probas de madureza e as de carácter específico para acceder ás ensinanzas deportivas conducentes ás titulacións establecidas polo Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

O capítulo II da Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, pola que se regulan os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos das actividades de formación deportiva, aos cales se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece os requisitos de acceso xerais, específicos e para deportistas de alto nivel, alto rendemento e persoas con discapacidade.

O Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de música e artes escénicas, de idiomas, deportivas, de conservación e restauración de bens culturais e nos estudos superiores de deseño, establece, por primeira vez, os prezos públicos que serán de aplicación para as ensinanzas deportivas.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2022/23, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. Terá acceso ao grao medio das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra calquera dos seguintes requisitos:

a) Para o acceso ao ciclo inicial ou primeiro nivel de grao medio, dispor do título de graduado en educación secundaria obrigatoria na opción de ensinanzas académicas ou na de ensinanzas aplicadas, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo. Para o acceso ao ciclo final ou segundo nivel de grao medio, ter superados os estudos do ciclo inicial ou primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva, e poderase requirir a superación dunha proba de carácter específico ou acreditar un mérito deportivo.

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación que se establece no anexo I desta resolución, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específico establecidos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.

c) As persoas que, estando matriculadas no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a respecto de reclamación das cualificacións do curso 2021/22, deberán presentar igualmente a solicitude de inscrición no prazo establecido na instrución quinta, e poderán realizar a proba de acceso de grao medio de carácter específico. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de educación secundaria obrigatoria, estas persoas serán avaliadas da proba de carácter específico realizada.

d) A superación da devandita proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I a que se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.

e) A proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

1º. Proba de acceso a ciclos formativos de grao medio de formación profesional.

2º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

3º. Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño.

4º. Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.

5º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

6º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

2. Terá acceso ao grao superior das ensinanzas deportivas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Dispor do título de técnico deportivo na correspondente modalidade ou especialidade deportiva; poderase requirir, ademais, a superación dunha proba de carácter específico, acreditar un mérito deportivo ou cumprir cos requisitos relativos á experiencia deportiva que se poidan establecer na especialidade ou modalidade correspondente, e ter, cando menos, algún dos seguintes títulos, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos:

1º. Bacharelato.

2º. Título de técnico superior.

3º. Título universitario.

b) O alumnado que non posúa o título de bacharelato, ou outro declarado equivalente para os efectos académicos, ou algún dos títulos establecidos na alínea anterior, deberá ter 19 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación que se establece no anexo II desta resolución. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.

c) A superación da proba substitutiva do requisito de titulación de grao superior dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel III ás cales se refire a Orde ECD/158/2014, cos requisitos regulados nela.

d) A proba substitutiva do requisito de titulación de grao superior poderase substituír pola superación dalgunha das seguintes probas:

1º. Parte común da proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional.

2º. Proba substitutiva do requisito de titulación de acceso aos ciclos formativos de grao superior de artes plásticas e deseño.

3º. Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

4º. Proba de acceso substitutiva do requisito de titulación para as ensinanzas artísticas superiores.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, os/as aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas deportivas que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para a realización das probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, os/as aspirantes con algunha discapacidade farano constar na epígrafe correspondente na solicitude de inscrición e deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas deportivas, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e das condicións de realización da proba de acceso da modalidade deportiva que corresponda cunha antelación de 10 días á data da realización das probas, segundo o establecido no artigo 27 da Orde do 22 de xullo de 2021.

3. Co obxecto de garantir a eficacia da formación e o posterior exercicio das competencias profesionais inherentes ao título, o tribunal avaliará o grao de discapacidade e as limitacións que comporte para poder cursar con aproveitamento as ensinanzas e, de ser o caso, adaptará os requisitos e as probas de acceso que deban superar as persoas aspirantes que, en todo caso, deberán respectar o esencial dos obxectivos xerais establecidos para o ciclo de ensino da modalidade ou especialidade deportiva correspondente.

4. O tribunal poderá solicitar o asesoramento de persoas especialistas para elaborar un informe que lle permita ao tribunal valorar se o grao de discapacidade e as limitacións que comporta posibilita cursar con aproveitamento e seguridade as ensinanzas, e acadar as competencias correspondentes ao ciclo de que se trate e exercer a súa profesión.

5. Cando nas observacións das listaxes provisional e definitiva de inscritos aparezan as siglas PAC significa «proba adaptada concedida».

Terceira. Validez das probas

1. De conformidade co artigo 32 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, a superación da proba substitutiva do requisito de titulación para o acceso ao grao medio e ao grao superior terá validez en todo o territorio nacional.

2. A certificación de superación da proba de acceso de carácter específico terá validez en todo o territorio nacional. A duración da validez está definida no correspondente real decreto que establece o título e as ensinanzas mínimas.

Cuarta. Tribunal

1. O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria para o acceso ás ensinanzas de técnico deportivo será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. Así mesmo, o tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas de técnico deportivo superior será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

3. Os tribunais encargados das probas específicas constituiranse de acordo co descrito nos respectivos decretos polos cales se establecen os currículos das modalidades ou especialidades correspondentes, tal e como figuran no anexo III desta resolución.

Quinta. Lugar, prazo e forma de presentación das solicitudes

1. A solicitude de inscrición presentarase na secretaría dalgún dos centros educativos vinculados a cada modalidade deportiva, segundo consta na relación do anexo IV. Na modalidade de fútbol deberá presentarse necesariamente na secretaría do centro elixido para realizar a proba específica.

2. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria e/ou na proba específica de grao medio será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 29 de xuño de 2022, ambos os dous incluídos.

3. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato será o comprendido entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e o día 23 de maio de 2022, ambos os dous incluídos.

4. Para tal fin, os centros docentes deberán expor nos seus taboleiros de anuncios o seguinte:

a) Normativa reguladora do procedemento de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas.

b) Calendario de publicación da listaxe provisional e definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, así como dos prazos para presentar reclamacións.

c) Calendario e procedemento para formalizar a matrícula.

5. Os centros facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo de solicitude de inscrición para a realización das probas.

6. Á solicitude de inscrición xuntarase a documentación que proceda, segundo o caso, para a acreditación dos datos consignados:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte da persoa solicitante.

b) Orixinal da solicitude de inscrición conforme o modelo facilitado polo centro.

c) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), salvo en caso de estar exento/a do pagamento.

d) En caso de bonificación ou exención no pagamento do prezo público, documento que o acredite.

e) Certificación académica en que conste o expediente académico e/ou depósito dalgún dos seguintes títulos:

1º. Título de graduado na ESO ou de bacharelato (ou declarado equivalente para os efectos académicos), ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título.

2º. Título de técnico superior.

3º. Título universitario.

f) Certificado de estudos do ciclo formativo en que figuren as cualificacións das materias cursadas e ter realizado o depósito do correspondente título.

g) Certificado de superación da proba substitutiva do requisito de titulación, de grao medio ou superior, de acceso ás ensinanzas deportivas.

h) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder aos ciclos formativos de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

i) Certificado de superación da proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou superior (parte común) de formación profesional.

j) Certificado de superación da proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

k) Certificado de superación da proba substitutiva de titulación para acceder ás ensinanzas artísticas superiores.

l) Resolución do órgano competente en materia de deporte pola que se acredita a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento.

m) Certificado de méritos deportivos expedido pola federación española ou autonómica correspondente.

n) Anexo III (volante) da Orde do 9 de xullo de 2018 (DOG do 24 de xullo) (só para titulacións obtidas no estranxeiro).

ñ) Certificado do recoñecemento do grao de discapacidade.

7. As persoas solicitantes da exención da realización da proba substitutiva do requisito de titulación por ter superado totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba, segundo o establecido no punto décimo da Orde do 24 de marzo de 2003, polo que deberán xuntar o certificado correspondente onde conste a opción efectuada e a puntuación obtida. A resolución sobre a exención correspóndelle ao tribunal avaliador.

8. No caso de alegaren titulacións obtidas no estranxeiro, achegarase o anexo III (volante) recollido na Orde do 9 de xullo de 2018 reguladora do procedemento de homologación e/ou validación de títulos e estudos estranxeiros de ensinanzas non universitarias (DOG do 24 de xullo).

9. As persoas solicitantes que deban realizar a proba substitutiva do requisito de titulación farano constar na epígrafe correspondente na solicitude de inscrición. No caso de non superar a devandita proba, non serán admitidas na proba de carácter específico.

Sexta. Exención da realización da proba específica de acceso

1. As persoas solicitantes que aleguen mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, no caso da modalidade de baloncesto, así como aquelas persoas que soliciten a exención da realización da proba específica noutras modalidades, farano constar na epígrafe correspondente na solicitude de inscrición e presentarán, xunto con esa solicitude, os documentos acreditativos establecidos nela da correspondente modalidade ou especialidade, tendo en conta os requisitos e o período de validez da devandita condición establecidos na normativa en vigor. A valoración dos méritos e resolución sobre a substitución da proba específica ou exención correspóndelle ao tribunal avaliador. As condicións para solicitar a exención nas distintas modalidades deportivas pódense consultar na seguinte ligazón do portal educativo:

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/36604

2. Ademais, poderán ser obxecto de exención da realización da proba específica de acceso, en cada unha das modalidades de ensino deportivo implantadas na Comunidade Autónoma de Galicia, aquelas persoas que acrediten, con carácter xeral, a condición de deportista de alto nivel ou deportista de alto rendemento nas condicións que establece o Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e alto rendemento, para a modalidade deportiva correspondente; quen acredite a condición de deportista de alto rendemento ou equivalente na modalidade correspondente, establecida polas comunidades autónomas de acordo coa súa normativa, así como quen acredite algunha das condicións definidas no real decreto que establece o correspondente título, tendo en conta os requisitos e o período de validez da dita condición establecidos na normativa en vigor. Pódense consultar as ditas condicións na ligazón do número anterior.

3. O procedemento de solicitude de exención require a inscrición correspondente nas probas de carácter específico obxecto desta convocatoria, así como o pagamento dos prezos públicos correspondentes de acordo co establecido no Decreto 89/2013, do 13 de xuño. Xunto coa solicitude de exención da realización da proba de carácter específico deberase achegar a documentación acreditativa que corresponda, e será o tribunal avaliador nomeado para cualificar a dita proba quen valore esa documentación e determine a exención da proba á persoa solicitante.

4. Na modalidade de baloncesto, aquelas persoas que acrediten o mérito deportivo, substitutivo da realización da proba específica, definido de acordo co real decreto que establece o título na correspondente modalidade deportiva, non terán que realizar o pagamento dos prezos públicos correspondentes.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Oitava. Publicación das listaxes de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o día 23 de maio de 2022 para os aspirantes que se presenten ás probas substitutivas de titulación de bacharelato ou o 29 de xuño de 2022 para o resto dos aspirantes, os centros onde se realice a inscrición enviarán ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, a relación de persoas inscritas para realizar as probas de acceso, na cal deberá constar expresamente o cumprimento na presentación da documentación necesaria, así como as persoas que alegan mérito deportivo, as que solicitan exención das probas ou adaptación destas por teren algunha discapacidade.

2. As solicitudes que aleguen mérito deportivo, soliciten exención ou adaptación de probas, xunto coa documentación achegada, serán obxecto de valoración por parte do tribunal avaliador; para tal efecto, as ditas solicitudes serán enviadas polos centros ao/á presidente/a do tribunal da proba correspondente o día seguinte ao do remate do prazo de inscrición en formato pdf.

3. A relación provisional de persoas inscritas na proba substitutiva de titulación de bacharelato será exposta o día 25 de maio, mentres que a relación provisional de persoas inscritas na proba substitutiva de titulación de educación secundaria obrigatoria e nas probas específicas será exposta o 1 de xullo nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, http://www.edu.xunta.gal, indicando expresamente as persoas con méritos deportivos (na modalidade de baloncesto), as declaradas exentas de realizar a proba específica na modalidade correspondente, as persoas con probas adaptadas (coas siglas PAC), así como as persoas excluídas nestas probas e os motivos da súa exclusión.

4. Poderanse presentar alegacións ás listaxes provisionais a través das secretarías dos centros nos cales se presentou a solicitude os días 26 e 27 de maio para as persoas aspirantes ás probas substitutivas de titulación de bacharelato e os días 4 e 5 de xullo para o resto de aspirantes. Unha vez resoltas as devanditas alegacións, os centros enviarán ao Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente, a través do enderezo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas.

5. A relación definitiva de persoas inscritas na proba substitutiva de titulación de bacharelato será exposta o día 30 de maio, mentres que a relación definitiva de persoas inscritas na proba substitutiva de titulación de educación secundaria obrigatoria e nas probas específicas será exposta o 6 de xullo nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, http://www.edu.xunta.gal

Novena. Probas substitutivas de titulación

1. A proba substitutiva para as persoas aspirantes que non cumpran co requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria terá lugar o día 7 de xullo de 2022 no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución.

2. A proba substitutiva para as persoas aspirantes que non cumpran co requisito de titulación de bacharelato terá lugar o día 31 de maio de 2022 no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo II desta resolución.

3. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá a autorización expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por ser o centro directivo habilitado para coordinar estas probas e os seus criterios de avaliación.

Décima. Probas específicas de acceso

1. As probas de acceso de grao medio de carácter específico, para cada unha das modalidades deportivas, terán lugar:

a) Na modalidade de fútbol no CIFP Universidade Laboral en Culleredo, o día 14 de xullo, ás 10.00 horas, e no IES Sánchez Cantón en Pontevedra (instalación A Xunqueira), o día 15 de xullo, ás 11.00 horas. As persoas aspirantes só poderán realizar as probas no centro en que formalizaron a inscrición.

b) Na modalidade de fútbol sala no IES Sánchez Cantón en Pontevedra, o día 15 de xullo, ás 10.00 horas.

c) Na modalidade de balonmán no IES Sánchez Cantón en Pontevedra, o día 15 de xullo, ás 10.00 horas.

d) Na modalidade de baloncesto no IES Fermín Bouza Brey en Vilagarcía de Arousa, o día 18 de xullo, ás 10.00 horas.

e) Na modalidade de vela nas instalacións do Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa, o día 18 de xullo, ás 11.30 horas; poden variar a data e/ou a hora do exame no caso de non se daren as condicións meteorolóxicas establecidas no anexo VIII do Decreto 135/2012, do 31 de maio (DOG do 20 de xuño), polo que se establece o currículo das ensinanzas de técnico deportivo en vela con aparello fixo e técnico deportivo en vela con aparello libre.

f) Na modalidade de atletismo no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, o día 19 de xullo, ás 10.00 horas.

2. Calquera posible variación sobre este calendario requirirá a autorización expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, por ser o centro directivo habilitado para coordinar estas probas e os seus criterios de avaliación.

3. Con carácter excepcional, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá convocar unha proba de carácter específico para aquelas persoas inscritas que por motivos debidamente xustificados, tales como lesións, non puideron realizar a proba nas datas fixadas nesta resolución.

4. Non se convocan probas de acceso de grao superior de carácter específico para ningunha modalidade deportiva.

Décimo primeira. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. Contra as cualificacións provisionais das probas de acceso poderase presentar reclamación motivada ante o/a presidente/a do tribunal durante os dous días hábiles seguintes ao da súa publicación, que resolverá o que proceda nos tres días hábiles seguintes.

2. Contra as resolucións das reclamacións emitidas polo/a presidente/a do tribunal, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes, ante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade correspondente segundo o ámbito provincial en que se ditase a resolución impugnada, no prazo máximo dun mes desde a súa publicación, de acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A resolución deste recurso porá fin á vía administrativa.

Décimo segunda. Certificación da superación das probas

1. Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba substitutiva do requisito de titulación, de grao medio ou superior, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional remitirá os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros educativos onde se realizou a inscrición.

2. Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba de carácter específico de acceso a cada unha das ensinanzas deportivas, o presidente do tribunal emitirá os correspondentes certificados de superación da dita proba, que poderán ser recollidos nas secretarías dos centros onde as persoas aspirantes realizaron a proba.

Décimo terceira. Admisión e matrícula

1. No relativo aos criterios de admisión nos centros sostidos con fondos públicos cando o número de persoas aspirantes supere o número de prazas ofertadas, aplicarase o disposto polo Real decreto 1363/2007, no seu artigo 34. As persoas interesadas deberán achegar a documentación necesaria para resolver o dito proceso de admisión.

2. A posta en marcha de cada ciclo ou nivel nunha modalidade deportiva estará condicionada á existencia dun número mínimo de dez alumnos/as para cada un deles, no prazo ordinario da presentación de solicitudes, e non se cuantificará para estes efectos o alumnado repetidor. Un número menor de solicitudes require a autorización previa e expresa da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para pór en funcionamento esta ensinanza e, mentres que non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar ningunha matrícula. A condición do número mínimo de alumnado débese comunicar ás persoas interesadas no momento da súa inscrición nas probas de acceso.

3. Para a modalidade de vela ofertada no IES Fermín Bouza Brey, o número de prazas para cursar o ciclo inicial de grao medio de técnico deportivo en vela con aparello fixo será de 12.

4. O prazo de matrícula das persoas aspirantes que superen o citado proceso de admisión a cada unha das ensinanzas deportivas abranguerá desde a data da publicación de persoas admitidas ata o 29 de xullo de 2022.

5. Para a formalización das solicitudes de matrícula, os centros públicos facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única solicitude na secretaría do centro en que se vaian cursar as ensinanzas e xuntarase á documentación xa presentada. As persoas interesadas deberán achegar a documentación que non fose presentada coa solicitude de inscrición nas probas de acceso, ou outra que lles sexa requirida, así como aboar os prezos públicos correspondentes en concepto de matrícula.

Disposición adicional primeira. Arquivamento e destrución das probas

A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional será a encargada do arquivamento dos exames durante un mínimo de tres meses tras a súa finalización. Transcorrido este período poderán destruírse as probas contra as cales non se formule reclamación. No caso dos exames obxecto da reclamación, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

Disposición adicional segunda. Efectos económicos do tribunal e das comisións de realización de probas

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, o tribunal e as comisións de realización de probas consideraranse incluídos na categoría terceira.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Proba substitutiva do requisito de titulación de ESO para acceder
ás ensinanzas deportivas

1. As persoas aspirantes deberán realizar un total de tres exames que deberán seleccionar obrigatoriamente na solicitude de inscrición. Estes exames realizaranse no IES San Clemente, rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 7 de xullo de 2022, de acordo co seguinte horario:

Ás 11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: área sociocultural.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Lingua Galega.

Das 16.00 ás 17.00 horas: área científico-tecnolóxica.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá.

2. Características da proba.

A proba substitutiva do requisito de titulación constará das seguintes partes:

a) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos socioculturais (Xeografía e Historia).

b) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre Lingua Galega a partir dun texto escrito.

c) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen referidas a contidos científico-tecnolóxicos (Matemáticas, Ciencias da Natureza e Tecnoloxía).

d) Desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, das cuestións que se formulen sobre Lingua Castelá a partir dun texto escrito.

3. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos, o grao de madureza e as habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudos en relación a estas áreas propias do currículo da educación secundaria obrigatoria.

4. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de ESO.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria para o acceso ás ensinanzas deportivas será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

ANEXO II

Proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato para acceder ás ensinanzas deportivas

1. As persoas aspirantes deberán realizar un total de tres exames que deberán seleccionar obrigatoriamente na solicitude de inscrición. Estes exames realizaranse no IES San Clemente, rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 31 de maio de 2022, de acordo co seguinte horario:

Ás 11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España.

Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura.

Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

2. Características da proba.

Os exames de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Lingua Galega e Literatura constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na produción dun texto escrito.

Os exames de Filosofía e Historia de España constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na elaboración dunha redacción a partir dun texto proposto.

3. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

4. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas deportivas será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

ANEXO III

Composicións dos tribunais que xulgarán as probas de acceso de carácter específico por modalidades deportivas para o curso 2022/23

1. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol I (A Coruña):

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal 1º

****803**

Lois Rodríguez Lorenzo

Vogal 2º

****857**

José Manuel Martínez Paz

Vogal 3º

****165**

Xurxo Manuel Pena García

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal 1º

****388**

Javier Losada García

Vogal 2º

****834**

Miguel Fernández García

Vogal 3º

****912**

José Ramón Valtierra Branera

2. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol II (Pontevedra):

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal 1º

****840**

Tomás Montoya Aboal

Vogal 2º

****939**

Pedro Vicente Vila

Vogal 3º

****215**

Domingo Antonio Rey Sorribas

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal 1º

****388**

Javier Losada García

Vogal 2º

****834**

Miguel Fernández García

Vogal 3º

****912**

José Ramón Valtierra Branera

3. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de fútbol sala:

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal

****602**

Paloma Vilar Iglesias

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal

****368**

Jaime López de la Osa Manso

4. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de baloncesto:

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal

****322**

Iván Villar Fernández

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal

****756**

Margarita Bandera Rodríguez

5. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de balonmán:

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal

****805**

Emilio Pintos Soto

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal

****670**

Manuel Álvarez Quintana

6. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de atletismo:

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal

****065**

Santiago Cabado Estraviz

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal

****799**

Roberto Faya Cerqueiro

7. Composición do tribunal único que deberá xulgar as probas de acceso de carácter específico ás ensinanzas deportivas na modalidade de vela:

Comisión titular

Presidente

****352**

Fernando Fernández Fraga

Secretario

****803**

Juan Emilio Riveiro Rodríguez

Vogal

****976**

Manuel Javier Álvarez Seoane

Comisión suplente

Presidente

****689**

Marcos Antonio Fernández Álvarez

Secretario

****890**

Miguel Aragón Fitera

Vogal

****368**

Jaime López de la Osa Manso

ANEXO IV

Centros onde se poderá facer a inscrición
para a realización das probas

Modalidade

Centros

Fútbol

CIFP Universidade Laboral (Culleredo)

IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Fútbol sala

CIFP A Farixa (Ourense)

IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Baloncesto

IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)

Balonmán

IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Atletismo

IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)

IES As Barxas (Moaña)

Vela

IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa)