Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 21 de abril de 2022 Páx. 24236

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas superiores de Música para o curso 2022/23.

O Decreto 163/2015, do 29 de outubro, establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de Composición, Interpretación, Musicoloxía e Pedagoxía, na Comunidade Autónoma de Galicia; así mesmo, o Decreto 171/2016, do 24 de novembro, establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Música, nas especialidades de Dirección e Produción e Xestión, e amplía os anexos do plan de estudos correspondente á especialidade de Interpretación, establecido no Decreto 163/2015, do 29 de outubro, mediante a incorporación de novos itinerarios. O artigo 5.1 de ambos os dous decretos establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo dos ditos decretos establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estes estudos superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas superiores de Música en desenvolvemento do citado Decreto 163/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9, regula respectivamente os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de Música e Artes Escénicas, de idiomas, deportivas, de Conservación e Restauración de Bens Culturais e nos estudos superiores de Deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no devandito decreto.

Por todo o exposto, esta secretaría xeral, en virtude das atribucións que lle foron conferidas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas superiores de Música para o curso 2022/23, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Música, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 54.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

2. De conformidade co establecido no artigo 4.1 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música levarase a cabo para cada especialidade e itinerario, terá como finalidade valorar a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas e axustarase ao disposto no artigo 5 da citada orde, segundo a especialidade a que se opte.

3. De conformidade co establecido no artigo 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música faculta, unicamente, para matricularse no ano académico e na especialidade para que a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Poderanse presentar á proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores aquelas persoas que, tendo accedido á universidade por unha vía distinta á do bacharelato, acrediten estar en posesión dun título universitario de licenciado ou graduado. Quen acredite estar en posesión dun título universitario de diplomatura poderá presentarse á devandita proba se o título universitario de diplomatura quedou asimilado ao correspondente título universitario de grao.

5. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a dita proba e, no caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estean en posesión do título de bacharelato.

6. As persoas que na convocatoria ordinaria estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao respecto de reclamacións das cualificacións de materias de segundo curso de bacharelato ou das cualificacións nas materias pendentes de primeiro curso de bacharelato, deberán presentar igualmente a solicitude para o acceso e admisión a estas ensinanzas artísticas superiores no prazo establecido na instrución quinta. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de bacharelato, a persoa solicitante poderá realizar a proba específica, e deberá estar en posesión do antedito título para optar á asignación de praza.

7. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaseis anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación, deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. Esta proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas aspirantes ao acceso e á admisión ás ensinanzas superiores de Música que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para realizar as probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, as persoas aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión ás ensinanzas superiores de Música, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións de realización da proba, co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de persoas aspirantes.

4. En cada conservatorio superior de música da Comunidade Autónoma de Galicia reservarase un 10 % das prazas ofertadas en cada especialidade para as persoas aspirantes que superen a proba específica de acceso e que acreditasen o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes que non poidan ser adxudicadas serán ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades dos estudos superiores de Música reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e a admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, realización, avaliación e cualificación da proba específica de acceso constituirase un tribunal por especialidade e itinerario, que figura no anexo II desta resolución. As direccións dos conservatorios superiores garantirán a actuación destes tribunais e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporalle, se é o caso, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Quinta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 23 de maio, ambos os dous incluídos. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade e itinerario, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes formalizaranse de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/eas, e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías dos conservatorios superiores de música de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías dos conservatorios.

3. Na solicitude deberanse indicar a especialidade e o itinerario, de ser o caso, a que se desexa acceder, así como a preferencia de centro en que se desexa cursar naquelas especialidades que se ofertan nos dous conservatorios.

4. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude, xunto coa documentación requirida, na secretaría do conservatorio superior de música en que a persoa aspirante solicite realizar a proba específica de acceso.

Sexta. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto cos certificados de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías dos conservatorios).

– Modelo AI.

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharelato.

– Certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título profesional de música ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, ou o libro de cualificacións das ensinanzas profesionais, se é o caso, con indicación da nota media do expediente.

– Título universitario que cumpra as condicións establecidas no punto 4 da primeira instrución desta resolución.

– Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato correspondente a convocatorias anteriores.

d) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

e) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias contidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Oitava. Publicacións da listaxe de inscrición

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe exporase no taboleiro de anuncios de cada conservatorio superior de música de Galicia o día 25 de maio, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: https://www.edu.xunta.gal. Ese día 25 de maio enviaráselle a cada persoa inscrita unha mensaxe ao teléfono móbil ou ao enderezo de correo electrónico que conste na súa solicitude, na cal se lle indicará a nota media do expediente do título profesional de música que lle será tida en conta ou que non acredita nota media do expediente académico.

2. Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional, contra a nota media do expediente do título profesional de música que se vai valorar e, de ser o caso, contra a falta de acreditación de nota media, os días 26 e 27 de maio no mesmo centro onde se realizou a inscrición ou a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal

3. A listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para realizar a proba farase pública o día 30 de maio no taboleiro de anuncios de cada conservatorio superior de música de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade https://www.edu.xunta.gal

Novena. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. A proba para as persoas aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 31 de maio no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Música darán comezo o día 14 de xuño en cada un dos conservatorios superiores de música de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

Décima. Adxudicación de prazas

1. As vacantes existentes nas distintas especialidades e itinerarios adxudicaranse segundo a prelación resultante da cualificación final obtida polas persoas aspirantes na proba específica de acceso.

2. A proba desenvolvida nos conservatorios superiores de música constituirá o 60 % da cualificación final. O restante 40 % da cualificación final corresponderá á nota media do expediente académico do título profesional de música da persoa aspirante. No caso do alumnado que realice as probas de acceso sen estar en posesión deste título ou que non o acredite durante o prazo de presentación de solicitudes, a puntuación que se deberá agregar por este concepto será o 0.

3. Para o cómputo da nota media do expediente académico do título profesional de música farase unha media ponderada da cualificación media obtida nas ensinanzas profesionais de música, tendo en conta o establecido no Real decreto 1953/2009, do 18 de decembro, polo que se modifican o Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro; o Real decreto 85/2007, do 26 de xaneiro, e o Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, no relativo ao cálculo da nota media dos alumnos das ensinanzas profesionais de música e danza.

Décimo primeira. Matrícula

1. As persoas aspirantes que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre os días 4 e 8 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar a matrícula, os conservatorios superiores de música facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregarase a matrícula na secretaría do centro, que se xuntará coa documentación xa presentada pola persoa aspirante. A non formalización da matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas que valorará a dirección do conservatorio superior de música, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2022/23.

3. O día 12 de xullo, os conservatorios superiores de música de Galicia remitiranlle á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional a listaxe de alumnado matriculado en cada especialidade e itinerario, así como a relación de prazas vacantes por especialidade e itinerario e o calendario de matrícula e realización no caso de realizar probas extraordinarias no mes de setembro. De ser o caso, as prazas vacantes nas distintas especialidades e itinerarios faranse públicas nos taboleiros de anuncios dos conservatorios superiores e nas súas páxinas web.

4. De se convocaren probas extraordinarias, estas realizaranse nos primeiros días de setembro e de acordo co establecido nesta resolución. A adxudicación de prazas resultante farase pública na páxina web dos conservatorios superiores de música o día 6 de setembro. As persoas aspirantes que obteñan praza nas probas extraordinarias deberán formalizar a súa matrícula os días 7 e 8 de setembro. Finalizado o proceso, os conservatorios superiores de música de Galicia comunicaranlle o día 9 de setembro á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que queden sen cubrir.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de alumnos/as admitidos/as, sen se cuantificar para estes efectos o alumnado repetidor.

Décimo segunda. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, a cualificación das probas de acceso poderá ser obxecto de reclamación perante a dirección do conservatorio superior de música, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou a directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial porá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas mediante escrito dirixido á comisión de admisión, e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo: xsereap@edu.xunta.gal

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional

ANEXO I

Proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato
para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba que substitúe o requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música.

2. A esta proba poderán presentarse as persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou non teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e teñan 16 anos de idade ou os fagan no ano 2022.

3. As persoas aspirantes deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición, e para a súa realización deberán presentar, o día da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As persoas aspirantes deberán realizar un total de cinco exames no IES San Clemente, rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 31 de maio de 2022, de acordo co seguinte horario:

Ás 11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España.

Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura.

Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

5. Características da proba.

Os exames de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Lingua Galega e Literatura constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na produción dun texto escrito.

Os exames de Filosofía e Historia de España constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá no comentario dun texto proposto.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os vixentes currículos oficiais de bacharelato recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A cualificación final da proba expresarase unicamente como apto/a ou non apto/a.

Cada un dos cinco exames cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A cualificación apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames calculada con dous decimais sexa igual ou superior a 5. A cualificación non apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames calculada con dous decimais sexa inferior a 5.

Así mesmo, a cualificación final da proba será non apto/a cando a persoa aspirante non se presente a algún dos cinco exames de que consta a proba.

8. Listaxe de resultados e período de reclamacións.

O día 3 de xuño o tribunal publicará as cualificacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes no taboleiro de anuncios de cada conservatorio e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 6 e 7 de xuño, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, no conservatorio onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitiranlle á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, a través do correo electrónico xsereap@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para realizar a súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 10 de xuño no taboleiro de anuncios de cada conservatorio e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada ante a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional remitiralles os correspondentes certificados de ter superada a proba aos conservatorios onde as persoas aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba que substitúe o requisito de titulación terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Música en todo o Estado.

11. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores será designado pola persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

ANEXO II

Probas específicas de acceso ás ensinanzas superiores de Música

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da citada Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Música.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse no Conservatorio Superior de Música da Coruña, rúa de Manuel Murguía, 44, e no Conservatorio Superior de Música de Vigo, rúa de Manuel Olivié, 23, e comezarán o día 14 de xuño, de acordo co calendario que para tal efecto estableza a comisión de acceso.

4. Características da proba específica de acceso:

– Especialidade de composición. A proba consistirá:

• Parte A: na realización dun traballo harmónico-contrapuntístico.

• Parte B: na presentación e defensa oral de obras e traballos realizados polo/a candidato/a.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

– Especialidade de dirección. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata vinte minutos, no instrumento principal ou voz (no caso do canto), integrado por obras dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra orquestral ou coral por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista no piano dun fragmento musical escollido polo/a aspirante de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte D: realización dun ditado a catro voces, de entre oito e doce compases de duración.

– Especialidade de interpretación (agás itinerario de jazz). A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa de ata trinta minutos, integrado por obras e/ou estudos dunha dificultade adecuada ao nivel de acceso a estes estudos.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal.

• Parte C: na lectura á vista.

– Especialidade de interpretación, itinerario de jazz. A proba consistirá:

• Parte A: na interpretación dun programa; será requisito indispensable que o/a aspirante improvise en cada unha delas. O repertorio para interpretar na parte A da proba de acceso constará de cinco temas enmarcados dentro do repertorio estándar de jazz, amosando entre eles variedade formal, estilística e na elección dos tempi de execución.

• Parte B: na análise dunha obra ou fragmento musical por proposta do tribunal, engadindo contidos propios da análise de jazz.

• Parte C: na lectura e improvisación á vista dunha obra ou fragmento de jazz.

– Especialidade de musicoloxía. A proba consistirá:

• Parte A: na análise histórico-estilística e defensa dunha obra ou fragmento por proposta do tribunal.

• Parte B: na realización dun comentario de texto ou traballo escrito por proposta do tribunal.

• Parte C: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

– Especialidade de pedagoxía. Itinerario xeral e da linguaxe musical. A proba consistirá en:

• Parte A: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a. A elección do instrumento principal estará supeditada á oferta dos itinerarios de cada centro.

• Parte B: nunha proba vocal individual.

• Parte C: na composición dunha peza breve, de carácter didáctico, sobre unha melodía ou un texto proposto polo tribunal. O/a aspirante deberá realizar unha defensa didáctica da súa aplicación.

– Especialidade de produción e xestión. A proba consistirá en:

• Parte A: no desenvolvemento por escrito dunha proposta de proxecto, a partir dun suposto proposto polo tribunal.

• Parte B: no desenvolvemento e posterior defensa oral dun tema vinculado a unha cuestión relacionada coa xestión de políticas culturais do ámbito musical. Poderase escoller un tema de entre dous propostos polo tribunal.

• Parte C: análise formal e estética dunha obra proposta polo tribunal.

• Parte D: na interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso de canto), ata quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo/a candidato/a.

5. A cualificación das probas específicas de acceso axustarase ao establecido no artigo 5.8 da Orde do 21 de novembro de 2016.

6. Para a cualificación da parte A da proba da especialidade de interpretación (agás no itinerario de jazz), o tribunal emitirá un informe no cal constará a relación do programa presentado por cada aspirante e a valoración da súa adecuación á proba de acceso. Igualmente, deberá constar no informe (para cada unha das obras e/ou estudos interpretados), cando menos, a valoración dos seguintes aspectos: control técnico do instrumento, calidade do son, expresividade e estilo.

Para a cualificación da parte A da proba do itinerario de jazz da especialidade de interpretación, o tribunal emitirá un informe en que constará a relación do programa presentado por cada aspirante e a valoración da súa adecuación á proba de acceso. Igualmente, deberá constar no informe (para cada unha das obras interpretadas), cando menos, a valoración dos seguintes aspectos: a forma de interpretar o tema, o estilo, o fraseo e a linguaxe empregada, o tempo, a técnica de son, as escalas empregadas, o sentido formal e a coherencia xeral.

7. Concluída a proba específica, e antes do día 24 de xuño, o tribunal publicará a listaxe de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación obtida na proba específica, e de aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web dos conservatorios superiores de música de Galicia, e remitirán a devandita listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

8. As persoas aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido na instrución décimo segunda desta resolución, durante os días 27 e 28 de xuño.

9. O/a director/a do conservatorio deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo do informe do tribunal avaliador, e publicará o día 30 de xuño a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web dos conservatorios superiores de música de Galicia, achegando a antedita listaxe á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

10. A Comisión de Admisión, á vista das listaxes de persoas aspirantes que superaron a proba de acceso determinará, en función do número de vacantes, as persoas aspirantes que obtiveron praza nos respectivos conservatorios superiores de música de Galicia e publicará o día 1 de xullo, no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: https://www.edu.xunta.gal, a listaxe definitiva de alumnado admitido en cada conservatorio por especialidade e itinerario.

11. A superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Música faculta, unicamente, para matricularse no ano académico, e na especialidade para a cal a proba específica fose convocada e realizada, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

12. Comisión de admisión aos estudos superiores de Música para o curso 2022/23.

Presidenta: Nuria Campo Campo.

Secretario: Julio Carlos Mourenza Torreiro.

Vogais: Esteban Valverde Corrales, María Leticia Presa Freire, Roberto Carlos Noche García.

13. Tribunais encargados da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso aos estudos superiores de Música:

• Tribunais Conservatorio Superior de Música da Coruña.

– Composición:

Presidenta: María de la Paz Pita Vázquez.

Vogais: Manuel Andrés Varela Sanjurjo, Mario Seoane Blanco.

Suplentes: José Baldomir Fernández, Julián Rodríguez Rodríguez.

– Dirección:

Presidente: Fernando López Briones.

Vogais: Fernando Vázquez Arias, Teresa Bretal Martínez.

Suplentes: Nelly Iglesias Ríos, Sergio Añón Lijó.

– Interpretación. Itinerario de acordeón:

Presidente: Fernando Fraga Traba.

Vogais: Pedro Fernández Roque, María de la Paz Pita Vázquez.

Suplentes: Yolanda Montserrat Delgado Blanco, Laura María Díaz Pérez.

– Interpretación. Itinerario de arpa:

Presidenta: Bleuenn Le Friec.

Vogais: Xosé Crisanto Gándara Eiroa, Manuel Andrés Varela Sanjurjo.

Suplentes: Jorge Briones Martínez, Pablo Galdo Vigo.

– Interpretación. Itinerario de canto:

Presidenta: María Teresa Bárbara Criado.

Vogais: Aida Cruz Estévez, Mario Seoane Blanco.

Suplentes: Lorenzo de los Santos Gago, Pablo Juan Ferreño López.

– Interpretación. Itinerario de guitarra:

Presidente: Eulogio García Fernández-Albalat.

Vogais: Rodolfo García Alonso, Antonio José Peña Fernández.

Suplentes: Francisco Javier Eiras Tojo, Alberto Manuel Conde de León.

– Interpretación. Itinerario de jazz:

Presidente: Hansel Luis Díez.

Vogais: Roberto Somoza Fachado, Marcelino Galán Pérez.

Suplentes: Fernando Llorca Freire, Traugott Graser.

– Interpretación. Itinerario de corda fretada (violín, viola, violonchelo, contrabaixo):

Presidente: Diego Segade Blanco.

Vogais: Ángel Rodríguez Lozano, Carolina Landriscini Marín, Nerea Casanova Gilsanz, Antonio José Peña Fernández.

Suplentes: Ana Isabel Ávalos Irañeta, Héctor Eulogio Santos Conde.

– Interpretación. Itinerario de percusión:

Presidenta: Pilar García Ríos.

Vogais: Carla Figueroa Vila, José Baldomir Fernández.

Suplentes: Gabriel López Rodríguez, Alicia González Permuy.

– Interpretación. Itinerario de piano:

Presidente: Javier Ares Espiño.

Vogais: Julio Carlos Mourenza Torreiro, José Baldomir Fernández.

Suplentes: José Manuel Yáñez Carballeira, Rosa María García Barcia.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal I: clarinete, saxofón):

Presidenta: Marta Sancho Andrés.

Vogais: Narciso Pillo Guerreiro, Patricia Teresa Sánchez Cao.

Suplentes: Pablo Miguel Coello Rodríguez, Ana Herráiz Alijas.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal II: frauta travesa, óboe, fagot):

Presidente: Ismael Vaquero Baquero.

Vogais: César Concheiro Guerrico, Julio Ángel Cabo Messeger, Alejandra Rivera Fernández, Patricia Teresa Sánchez Cao.

Suplentes: Jesús Coello Rodríguez, Ricardo Blanco Rodríguez.

– Interpretación. Itinerario de vento metal:

Presidenta: Aida Lozano Beceiro.

Vogais: Gonzalo Sánchez García, Arturo Centelles Fabado, Javier Monteagudo Mañas, Julián Rodríguez Rodríguez.

Suplentes: Iago Ríos Martínez, Andrés Vales González.

– Pedagoxía. Itinerario de pedagoxía xeral e da linguaxe musical:

Presidenta: Adriana Cristina García García.

Vogais: Tomás Sánchez Sánchez, Teófila Matilde Rubio Mur.

Suplentes: Pilar Cancio González, Pablo Sabio Ladra.

• Tribunais Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– Composición:

Presidente: Juan Manuel Eiras Tojo.

Vogais: Diego David Cuevas Sánchez, Carlos Manuel Cambeiro Alís.

Suplentes: Jacobo Gaspar Grandal, José Antonio Cantal Mariño.

– Interpretación. Itinerario de canto:

Presidenta: Patricia Blanco Piñeiro.

Vogais: Beatriz Riobó Agulla, José Antonio Cantal Mariño.

Suplentes: José Antonio Campo Edesa, José Manuel Fernández González.

– Interpretación. Itinerarios de clave, viola da gamba; instrumentos de corda pulsada do Renacemento e Barroco e instrumentos históricos de corda fretada (violín barroco):

Presidente: Ayala Bendixen Pavel Amilcar.

Vogais: Sara Ruíz Martínez, Rafael Luis Muñoz Rodríguez, María del Mar Blanco Moreno, Jacobo Gaspar Grandal.

Suplentes: Francisco Javier Escobar Vidal, Mario Peris Salom.

– Interpretación. Itinerario de corda fretada (contrabaixo, viola, violín e violonchelo):

Presidente: Mario Peris Salom.

Vogais: Marta Vélez Pérez, Álvaro Quintanilla Marful, Francisco Javier Escobar Vidal, Juan Manuel Eiras Tojo.

Suplentes: Manuel Marínez Álvarez-Nava, Ana María Torres Estarque.

– Interpretación. Itinerario de guitarra:

Presidenta: Margarita García Escarpa.

Vogais: Antonio Rocha Álvarez, Diego David Cuevas Sánchez.

Suplentes: José Luis Fernández Rodríguez, Rafael Luis Muñoz Rodríguez.

– Interpretación. Itinerario de instrumentos da música tradicional e popular:

Presidenta: Lorena Freijeiro Alonso.

Vogais: Lucía Comesaña Abreu, Pablo Beltrán Sobrado.

Suplentes: Iván Abal Pulleiro, Julio Carlos Alonso Monteagudo.

– Interpretación. Itinerario de percusión:

Presidente: Carlos Castro Roig.

Vogais: Luis Miguel Sobrevela Romaguera, Diego David Cuevas Sánchez.

Suplentes: José Agustín Candisano Mera, Lilian de Arredondo Cuéllar.

– Interpretación. Itinerario de piano:

Presidenta: María José Cid Castro.

Vogais: Nicasio Gradaille Peña, José Antonio Cantal Mariño.

Suplentes: Patricia Rejas Suárez, Isabel Pilar Gil Lloréns.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal I: clarinete, óboe, fagot):

Presidente: Asterio Leiva Piñeiro.

Vogais: Ricardo Pazo García, Roberto Carlos Noche García, Óscar Araujo Comesaña, Jacobo Gaspar Grandal.

Suplentes: Esteban Valverde Corrales, Libertad García Souto.

– Interpretación. Itinerario de vento madeira (tribunal II: frauta travesa, saxofón):

Presidente: Rafael Salvador Yebra Rivera.

Vogais: Manuel Morales Fernández, Fernando Raña Barreiro, Carlos Manuel Cambeiro Alís.

Suplentes: Carlos Alejandro Troya Navarro, Pablo Rodríguez Fernández.

– Interpretación. Itinerario de vento metal:

Presidente: Enrique Lorenzo Vila.

Vogais: Juan Carlos Díaz Álvarez, Jesús Vicente Monzó, Javier Viceiro Filgueira, Pablo Beltrán Sobrado.

Suplentes: Ignacio Fernández Rodríguez, Adolfo Caride Rodríguez.

– Musicoloxía. Itinerarios de etnomusicoloxía e de musicoloxía histórica:

Presidente: Luis Costa Vázquez.

Vogais: Julio Carlos Alonso Monteagudo, Javier Luis Jurado Luque.

Suplentes: Iván Abal Pulleiro, Xiana Teixeiro Rey.

– Pedagoxía. Itinerario de pedagoxía xeral e da linguaxe musical:

Presidenta: María Josefa Torres Estarque.

Vogais: Ana Franqueira Fontán, Pablo Abreu Fernández.

Suplentes: Ana Vaqueiro Rodríguez, Rosa María Gayoso Vázquez.

– Produción e xestión.

Presidente: Oswaldo Costal Oro.

Vogais: Raquel Gallardo Castillo, María Fernández Trillo.

Suplentes: María del Mar Blanco Moreno, Carlos Castro Roig.