Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 25 de abril de 2022 Páx. 24819

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 31 de marzo de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2021/22 (código de procedemento ED311A).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución do pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades do alumnado, á educación na responsabilidade individual e no mérito e esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

A Orde ECD/482/2018, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do 4 de maio (BOE núm. 115, do 11 de maio), pola que se regulan os premios nacionais de bacharelato, con base no establecido no artigo 89 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón, no artigo 5, que poderá optar a estes premios, logo de solicitude, o alumnado que obtivese premio extraordinario de bacharelato na súa Comunidade Autónoma e, no artigo 2, que as administracións educativas competentes poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus respectivos ámbitos de competencias.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, consciente da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, convoca os premios extraordinarios de bacharelato.

En consonancia co anterior, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 2 da citada Orde ECD/482/2018, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, os premios extraordinarios de bacharelato (código de procedemento ED311A) correspondentes ao curso 2021/22 para o alumnado que finalizase os estudos de bacharelato neste curso nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera das modalidades establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

2. A finalidade destes premios é a de recoñecer e valorar os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico o bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Número, orzamento e características dos premios

1. Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios extraordinarios.

2. A dotación para os premios será de 20.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.423A.480.1 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dos orzamentos do ano 2022, que se distribuirán entre as persoas premiadas na mesma contía, e que non poderá exceder os 1.000 € por premio. A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado para este fin.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá a dotación económica, de cumprir os requisitos establecidos no artigo 17 desta orde, e ademais recibirá un diploma acreditativo. A distinción de obter premio extraordinario farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Estes premios extraordinarios de bacharelato son compatibles con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou por calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

5. As persoas que obteñan premio extraordinario de bacharelato poderán concorrer, logo de solicitude, ao correspondente premio nacional.

6. O alumnado que obteña o premio extraordinario de bacharelato poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público, segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2022/23.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar aos premios extraordinarios de bacharelato o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter rematado os estudos de bacharelato no curso 2021/22 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso.

b) Ter obtido unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75. A nota media calcularase de acordo co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño (DOG núm. 120, do 29 de xuño), polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, (https://sede.xunta.gal), ou directamente desde a propia aplicación «PremiosEdu».

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, de ser o caso, os/as representantes legais das persoas solicitantes.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 26 de abril de 2022 e rematará o día 25 de maio de 2022.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas que cursasen os seus estudos en centros privados que non teñan todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE e subscriban a súa solicitude de participación mediante unha persoa representante, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por medios electrónicos.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Expediente dos estudos de bacharelato cursados pola persoa solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Procedemento dos centros educativos

Os centros docentes dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en que está o expediente académico do alumnado de centros privados enviarán a certificación académica de bacharelato do alumnado que non teña todo o seu expediente recollido na base de datos da aplicación XADE, en que se reflicta a cualificación final a que se refire o artigo 3.b) desta orde, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a.

Esta certificación enviarase ao enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá a relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas e os motivos de exclusión, nos lugares establecidos no artigo 18 desta orde.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez (10) días. Durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

Artigo 11. Realización da proba para a obtención do premio

1. O alumnado deberá realizar unha proba presencial que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que terá lugar de forma simultánea nas distintas sedes.

2. Serán admitidos/as á proba, condicionalmente, os alumnos e as alumnas que na data da súa realización estivesen pendentes de resolución de emenda da solicitude de inscrición.

3. A realización da proba terá lugar o día 23 de xuño de 2022 e realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal). A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá modificar a data de realización da proba por causas debidamente xustificadas.

4. As persoas candidatas deberán realizar a proba, con carácter xeral, na provincia a que pertenza o centro educativo en que se atope o seu expediente académico. A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional poderá autorizar cambios de sede por causas debidamente xustificadas.

5. Para a realización da proba as persoas candidatas acreditarán a súa identidade co DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito.

6. As persoas aspirantes con necesidades educativas especiais deberán facer constar a dita circunstancia na solicitude para que se poidan valorar as medidas de adaptación que se consideren necesarias e deberán achegar a documentación que acredite tal condición.

Artigo 12. Estrutura da proba

1. A proba estruturarase en dúas partes:

1.1. Primeira parte, para desenvolver en dúas horas:

1.1.1. Análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario.

1.1.2. Resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira lingua estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

1.2. Segunda parte, para desenvolver nunha hora:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado, para elixir entre as seguintes: Matemáticas II, Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II, Latín II e Fundamentos da arte II.

2. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos cun decimal.

3. A puntuación de cada parte da proba obterase mediante a suma das puntuacións das materias que a compoñen.

4. A puntuación total será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba. Para aspirar ao premio extraordinario, o alumnado deberá obter como mínimo 5 puntos en cada unha das materias da proba e 21 puntos ou máis na puntuación total.

5. O número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, polo que no caso de empate entre persoas candidatas se dará preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.b) desta orde; despois, á puntuación da primeira parte da proba e, finalmente, á puntuación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal realizará un sorteo.

Artigo 13. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional designará un tribunal composto por un presidente ou unha presidenta, e ata un máximo de seis vogais, coa categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou inspectores e inspectoras de educación.

O presidente ou a presidenta deberá ser un subdirector xeral ou unha subdirectora xeral, ou un inspector ou unha inspectora de educación.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. O tribunal responsabilizarase da elaboración e do desenvolvemento da proba, da corrección e puntuación dos exercicios, da elaboración das actas e da proposta de concesión dos premios, así como da resolución das reclamacións que se produzan contra as puntuacións.

3. Para os efectos de colaboración co tribunal na aplicación e na corrección dos exercicios da proba, poderanse constituír comisións técnicas integradas por funcionarios e funcionarias dos corpos de inspectores/as de educación, de catedráticos/as de ensinanza secundaria e/ou de profesores/as de ensino secundario, especialistas nas distintas materias que compoñen a proba.

Artigo 14. Puntuacións provisionais

1. O tribunal fará públicas as puntuacións obtidas polas persoas candidatas nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez (10) días a partir do seguinte ao da súa publicación.

A reclamación presentarase preferiblemente por medios electrónicos a través do anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, a reclamación poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Os exercicios da proba sobre os cales se solicitase esta reclamación serán revisados por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección. En primeiro lugar comprobará se houbo algún erro na corrección (preguntas sen corrixir ou erros nas sumas). No caso de existir algún erro modificará a puntuación, tanto á alza coma á baixa e pasa a ser a nova puntuación provisional. Deseguido realizará unha segunda corrección.

4. A puntuación final resultará da media aritmética das puntuacións obtidas na nova puntuación provisional, de ser o caso, e da segunda corrección. No suposto de que exista unha diferenza de 2 ou máis puntos entre elas, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección e a puntuación final será a media aritmética das tres.

Artigo 15. Resolución de concesión

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas das persoas aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 18 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional elevará a proposta feita polo tribunal á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A relación de alumnado premiado comunicarase á Dirección Xeral de Planificación e Xestión Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco (5) meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de inscrición. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por delegación de competencia establecida na Orde do 9 de febreiro de 2021 (DOG núm. 31, do 16 de febreiro), no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. O alumnado gañador, para poder recibir a dotación económica do premio, non poderá estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; deberá estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado que obteña premio extraordinario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa gañadora debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio a que se refire o artigo 2.2 desta orde, segundo o modelo do anexo III.

Este anexo, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), presentarase preferiblemente por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. A persoa beneficiaria destas axudas ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polas persoas candidatas publicaranse no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e na páxina de inicio da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderase solicitar información no enderezo de correo electrónico premios@edu.xunta.gal

Artigo 19. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Efectos económicos do tribunal e das comisións técnicas

Para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, o tribunal e as comisións técnicas ateranse á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Secretaria Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021; DOG núm. 31, do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file