Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 24989

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 46/2022, do 21 de abril, polo que se modifica o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e previu no seu artigo 1 que a Xunta de Galicia está integrada polas vicepresidencias e consellerías que relaciona, entre as cales se encontra a Consellería do Medio Rural.

Esta estrutura desenvolveuse mediante o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, que estableceu a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. En particular, no seu artigo 10 regulou a composición da Consellería do Medio Rural e especificou os órganos de dirección e os organismos ou entes que están adscritos a ela.

Con anterioridade a estas normas, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, xa regulara a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural. Esta norma precisa dunhas modificacións puntuais co fin de adecuarse á normativa estatal na materia de cadea alimentaria e ás necesidades xurdidas por razón das materias de competencia da consellería.

En particular, a Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, na modificación que introduciu a Lei 16/2021, do 14 de decembro, previu que as comunidades autónomas, de acordo cos seus estatutos de autonomía e no marco das competencias previstas no artigo 26 desa lei, designarán as autoridades encargadas de controlar o cumprimento do disposto nela nos seus territorios, que terán, cando menos, as funcións que esta lei lle atribúe á Axencia da Información e Control Alimentarios, O.A., en materia de control do cumprimento do disposto nela no ámbito das competencias propias da comunidade autónoma. En relación con esa obriga, este decreto afronta a necesidade de contar cunha unidade que asuma as competencias citadas no ámbito territorial de Galicia. Esta nova asunción de competencias na materia de información e control alimentarios cínguese ao ámbito competencial propio desta consellería, en particular ao ámbito agroalimentario, sen estenderse a outros posibles ámbitos competenciais da Xunta de Galicia.

Nesta norma regúlase, así mesmo, unha reorganización e reforzo da Asesoría Xurídica, adscrita organicamente á Secretaría Xeral Técnica. Esta modificación atende á necesidade de adecuar a súa regulación ás funcións que aquela debe desempeñar no seo da consellería, e distingue os ámbitos materiais que abrangue no desenvolvemento das súas funcións.

En consecuencia, procede acometer mediante este decreto a modificación da regulación da estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural tendo en consideración os obxectivos que se pretenden conseguir e as novas necesidades que cómpre afrontar.

De acordo co exposto, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, cos informes previos da Consellería de Facenda e Administración Pública, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

O Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 4, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral:

a) A Asesoría Xurídica de Gandaría, Agricultura e Calidade Alimentaria e a Asesoría Xurídica de Desenvolvemento Rural e Montes, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e se rexerán polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Estas dúas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións previstas na dita Lei 4/2016, do 4 de abril, atendendo aos ámbitos materiais das competencias que lle corresponden á Consellería do Medio Rural, sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

b) A Intervención Delegada da Consellería, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma».

Dous. Engádese unha alínea i) ao artigo 17.1, que queda redactada do seguinte xeito:

«i) A análise e o estudo da situación da cadea agroalimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea e, con base nisto, a realización das actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación».

Tres. Modifícase a alínea c) do artigo 17.2, que queda redactada do seguinte xeito:

«c) Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias».

Catro. Modifícase o artigo 20, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 20. Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias

1. Á Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias compétenlle a ordenación e o fomento do sector agroindustrial en relación coas atribucións que lle corresponden á Consellería do Medio Rural nesta materia.

2. Para o desenvolvemento das funcións a que se refire o número anterior, a dita subdirección conta cos seguintes servizos:

a) Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as actuacións de fomento da actividade de transformación e comercialización das producións agrarias e agroalimentarias.

b) Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá as actuacións en materia de defensa contra as fraudes na calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos de persoal que realiza funcións de inspección nesta materia.

c) Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, que desenvolverá as seguintes actuacións: a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea agrolimentaria; a consecución dun maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria; o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción; a garantía da unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria; a elaboración dun observatorio de prezos e de custos de produción e o desenvolvemento da coordinación e o intercambio de información coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e con outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control».

Cinco. Modifícase a alínea e) do artigo 26.3, que queda redactada do seguinte xeito:

«e) Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria, que exercerá, no respectivo ámbito territorial, as funcións da Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, vinte e un de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural