Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25229

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR302B).

A Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, configurou os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade como corporacións de dereito público, con personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obraren para o cumprimento dos seus fins. A dita lei atribúelles a estes organismos a xestión da respectiva denominación xeográfica, o que supón a realización de diversas funcións, entre as que están a de velar polo prestixio da denominación e polo cumprimento das súas disposicións normativas e aplicar, de ser o caso, os sistemas de control necesarios para garantir a calidade e a orixe dos produtos certificados.

A realización destas tarefas de control supón un labor de notable complexidade cuxo desenvolvemento eficaz constitúe un factor clave na credibilidade da denominación e representa un importante custo económico para os consellos reguladores.

Para apoiar a realización destas actividades polos consellos reguladores aprobouse a Resolución do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias e se convocan para 2021.

Unha vez iniciado o exercicio orzamentario 2022, procede facer algunhas modificacións puntuais nas ditas bases reguladoras e realizar a convocatoria correspondente a este ano. Para unha maior seguranza xurídica e para facilitar o manexo da norma aos interesados, óptase pola publicación, xunto coa convocatoria, dunhas novas bases reguladoras que recollan estes cambios.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas que, en réxime de concorrencia polo sistema de rateo, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal) para actuacións relacionadas coa implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos amparados por algunha denominación xeográfica de calidade das reguladas no capítulo II do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, ou acollidos á produción ecolóxica, así como efectuar a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR302B).

CAPÍTULO I

Bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os consellos reguladores das distintas denominacións de calidade agroalimentarias existentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir os requisitos do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 3. Actividades subvencionables

Serán subvencionables:

a) As actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores, encamiñadas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación, de acordo co sinalado nas letras a), b) e c) do artigo 4. Estas actuacións inclúen auditorías, inspeccións, tomas de mostras, análises e ensaios para comprobar o cumprimento das especificacións do produto amparado pola denominación.

b) As actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección.

c) Os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma UNE-EN ISO/IEC 17065, aplicables a entidades que certifican produto, así como os das auditorías necesarias para o mantemento da acreditación. Tamén serán subvencionables os gastos para a acreditación na norma UNE-EN ISO/IEC 17025, e o mantemento desta, en que incorran os consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Consideraranse subvencionables:

a) Os gastos operativos e retributivos orixinados pola participación do persoal propio do consello regulador no desenvolvemento e execución dos programas de calidade. Estes gastos incluirán as nóminas do persoal que realice tarefas directamente relacionadas co control ou a certificación do produto acollido á denominación así como os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento relacionados coa actividade deste persoal.

b) A adquisición de bens de equipamento e materiais, incluídos os equipamentos e aplicacións informáticas, que se empreguen na execución dos programas de control. Tamén será subvencionable o alugamento e o leasing deste equipamento.

c) Os gastos derivados da realización de análises de laboratorio e outros ensaios relacionados coa certificación do produto.

d) Os gastos de consultoría externa en que incorra o consello regulador para a preparación da documentación necesaria para acadar a acreditación e os das auditorías a que se vexa sometido tanto para a acreditación nas normas UNE-EN ISO/IEC 17065 ou UNE-EN ISO/IEC 17025 como para o seu mantemento.

e) Os gastos en estudos realizados por terceiros cuxo obxecto sexa a mellora da calidade do produto ou a mellora dos sistemas para o seu control.

Artigo 5. Límites e contías das axudas

1. Para a concesión destas subvencións resulta de aplicación o disposto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. A subvención asignada para cada programa poderá acadar como máximo o 50 % do importe da actividade subvencionable.

3. A repartición das axudas farase polo sistema de rateo. Atenderanse, en primeiro lugar, os gastos relacionados coa acreditación dos consellos reguladores na norma de calidade para entidades que certifican produto (norma UNE-EN ISO/IEC 17065), cun máximo de gasto subvencionable de 18.000 € e de 9.000 € de axuda. Para consellos reguladores que teñan acreditados máis dun alcance, o investimento subvencionable incrementarase en 9.000 € e a axuda en 4.500 € por cada alcance adicional acreditado. Incluiranse aquí tamén os alcances acreditados no marco da norma UNE-EN ISO/IEC 17025 para aqueles consellos reguladores que conten con laboratorio propio.

Todos estes gastos estarán directamente relacionados co mantemento da acreditación e coas determinacións analíticas realizadas, por obriga da acreditación, por laboratorios acreditados para ditas determinacións. Tamén poderán percibir esa cantidade os consellos reguladores aínda non acreditados para cubrir os gastos en que incorran polas actuacións relacionadas directamente co proceso de acreditación. Establécese un prazo máximo de cinco anos para acadar a acreditación en cada alcance para o que se solicita a axuda. Este prazo computará desde o momento da primeira solicitude de axuda concedida para este fin.

Para os demais gastos non incluídos no parágrafo anterior, o gasto máximo subvencionable será de 42.000 € e o importe máximo de axuda por entidade beneficiaria será de 21.000 €.

Artigo 6. Compatibilidade con outras axudas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere o investimento subvencionable.

O beneficiario queda obrigado a comunicarlle de inmediato ao órgano concedente calquera subvención, axuda ou ingreso que, para a mesma finalidade e de calquera procedencia, solicitase ou lle fose concedida ou pagada.

2. Ademais, e segundo o recollido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013, o importe da subvención concedida sumado a outras axudas de minimis recibidas polo beneficiario non superará o importe de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que figura como anexo I desta resolución.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Como documentación complementaria ao formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que se recollan detalladamente todos os gastos que se pretende que sexan subvencionados, especificando o cronograma de execución e cales deles están directamente vinculados coa consecución da acreditación ou co seu mantemento.

b) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos.

c) Facturas pro forma ou documentación equivalente dos gastos previstos.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda).

Artigo 10. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Área da Calidade Alimentaria da Agacal a instrución do procedemento, para o que poderá solicitar do peticionario calquera documento que considere necesario para tramitar correctamente o expediente.

2. A persoa titular da dirección da Agacal resolverá as solicitudes no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes e, en todo caso, antes do 30 de xuño do ano da convocatoria. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que a persoa interesada recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos realizados, que será polo menos posterior en quince días á finalización da realización do gasto subvencionado segundo o calendario presentado e, en calquera caso, non posterior á data límite do 15 de setembro do ano da convocatoria.

Ademais, a resolución de concesión indicará que a subvención concedida ten o carácter de axuda de minimis, conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Tramitación e pagamento das axudas

1. Realizados os gastos, o beneficiario presentará a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do programa desenvolvido e xustificantes dos gastos realizados, acompañados dunha relación numerada de todos eles. No caso dos pagamentos de salarios a traballadores, presentarase copia das nóminas, RLC e RNT (antes TC1 e TC2) e o modelo 111 dos trimestres que correspondan. Presentarase tamén a documentación que acredite o pagamento dos gastos realizados (extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados). Na memoria especificaranse cales dos gastos realizados están, de ser o caso, directamente vinculados coa acreditación do consello regulador, conforme o establecido no artigo 5.3 desta resolución.

b) Declaración do beneficiario sobre calquera outra axuda de minimis (Regulamento (UE) nº 1407/2013) solicitada ou recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Declaración do beneficiario sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos gastos, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As declaracións a que se refiren as letras b) e c) presentaranse conforme o modelo de declaracións do anexo II.

2. De acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse efectuar pagamentos á conta a medida que o beneficiario xustifique a realización das accións subvencionadas. Estes pagamentos non superarán o 80 % da subvención concedida nin a cantidade de 18.000 €, e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

Estes pagamentos á conta quedan exonerados da constitución de garantía ao serlles de aplicación o establecido na letra i) da alínea 4 do artigo 65 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 14. Seguimento e control

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do dito prazo.

3. Calquera modificación que afecte substancialmente a realización dos investimentos e gastos aprobados deberá ser comunicada á Agacal antes de realizar a actividade. No caso de redución da contía dos gastos realizados, e sempre que se manteñan os obxectivos iniciais e se cumpran os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009 e de conformidade co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

4. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir as unidades correspondentes da Agacal, as persoas beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación que deban efectuar aquelas, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 15. Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións e sancións

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, de xeito que executa e xustifica todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario, existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

a) Cando o beneficiario non realice e non xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda.

b) Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta resolución, e dos xuros de mora acumulados desde o momento da notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante a presidencia da Agacal, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO II

Convocatoria 2022

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2022 as axudas reguladas por esta resolución. As solicitudes, a documentación, as condicións e o procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral nos artigos anteriores. Para seren subvencionables, os gastos deberán terse realizado entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022.

Artigo 20. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 21. Financiamento das axudas

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2022, na aplicación orzamentaria 14.A2.713D.781.0, código de proxecto 2011 00765, cunha dotación de trescentos corenta mil euros (340.000 €).

2. Os importes establecidos nesta resolución poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Réxime xurídico

En todas aquelas cuestións non previstas nesta resolución haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Instrucións para a aplicación desta resolución

A dirección da Agacal ditará as instrucións que sexan necesarias para a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file