Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25213

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta mesma lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é, fundamentalmente, unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia é, polo tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade dáse acollida ao programa Galicons-net a través do plan Proxecta, para favorecer a integración das metodoloxías innovadoras a través dos distintos programas e temáticas.

En consonancia con estes principios, o programa Galicons-net ten como obxectivo o desenvolvemento das competencias clave e da educación en valores a través da realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable.

O programa Galicons-net tenta potenciar a educación para o consumo responsable nos centros docentes non-universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, así como motivar un traballo activo e colaborativo do alumnado e do profesorado nas distintas etapas educativas, e permite formar cidadáns e cidadás que poidan desenvolverse na sociedade dun xeito responsable, solidario e con sentido crítico, dando preferencia ao «ser» fronte ao «posuír».

Co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polo alumnado e o profesorado no programa Galicons-net e fomentar a participación de novos centros docentes nesta iniciativa conxunta do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na promoción da educación en materia de consumo responsable no ámbito do ensino, establécese a incorporación dunha dotación económica para premiar os proxectos que mellor potencien o consumo responsable en cada centro docente.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, existe na aplicación 09.80.613A.640.0 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 6.000 euros para atender o pagamento dos premios obxecto da presente convocatoria.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e como director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN116A).

Artigo 2. Participantes

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2021/22 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 3. Categorías de participación

1. Establécense catro categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.

– Categoría D: alumnado de educación especial.

2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.

3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación máis elevada.

Artigo 4. Premios

Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Artigo 6. Características dos proxectos

1. Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades:

a) Consumo e xénero:

Xoguetes, xénero e publicidade.

Impacto das relacións de xénero no consumo.

Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.

b) Linguaxe publicitaria:

Publicidade na miña contorna.

Publicidade dirixida á adolescencia.

Publicidade: onte, hoxe e mañá.

c) Comercio electrónico:

Hábitos de consumo de comercio electrónico.

Seguridade no comercio electrónico.

Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.

d) Servizos financeiros:

Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.

Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.

Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.

e) Etiquetaxe dos bens e produtos:

Etiquetaxe dos bens e produtos de consumo en xeral.

Etiquetaxe dos produtos alimentarios.

Etiquetaxe dos bens e produtos de consumo: onte, hoxe e mañá.

2. O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.

3. O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).

4. O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o alumnado e guiado polo profesorado.

5. O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:

a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.

b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de xeito que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos que están ao seu dispor e coñecer os seus dereitos e deberes como persoa consumidora.

c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Artigo 7. Memoria da participación no proxecto

O centro participante en cada categoría elaborará unha memoria explicativa do traballo desenvolvido. Estará redactada en galego e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, que debe indicar o título do proxecto, a temática de traballo escollida e o nivel educativo do alumnado participante.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas (aproximadamente 1.800 caracteres por páxina), que debe explicar de forma resumida as seguintes cuestións relativas ao desenvolvemento do proxecto:

1º. Os materiais e os produtos creados no proxecto.

2º. As distintas fases de elaboración do proxecto e a súa temporización.

3º. Os obxectivos iniciais marcados e o nivel de cumprimento.

4º. O grao de participación dos axentes implicados na realización do proxecto (profesorado, alumnado, familias, resto da comunidade educativa).

5º. As dificultades atopadas polo alumnado no desenvolvemento das tarefas obxecto do proxecto, as aprendizaxes recoñecidas polo propio alumnado e as conclusións obtidas coa realización do proxecto.

d) Anexo bibliográfico, fotográfico e virtual (coas ligazóns ás páxinas en que se poida visualizar o traballo desenvolto, se é o caso).

Artigo 8. Apoio aos centros docentes para a realización dos proxectos

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelle aos centros docentes o asesoramento que precisen para a realización dos proxectos, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 9. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As solicitudes de participación irán acompañados da seguinte documentación complementaria:

a) Memoria da participación no proxecto en formato PDF.

b) Documentación, en formato dixital, que permita visualizar o proxecto desenvolvido.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 6 de maio de 2022.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/gl

Artigo 16. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 17. Criterios de valoración

Para a selección dos proxectos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios e puntuacións:

1. A adecuación do proxecto ás temáticas propostas en materia de consumo: ata un máximo de 3 puntos.

2. A coherencia do traballo realizado cos obxectivos do proxecto: ata un máximo de 3 puntos.

3. A calidade, creatividade e orixinalidade dos materiais producidos: ata un máximo de 3 puntos.

4. A claridade expositiva da memoria final: ata un máximo de 1 punto.

Artigo 18. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debía ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 19. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 6.000 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 06.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2022, onde existe crédito axeitado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou persoas titoras legais dos e das menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa, de acordo co Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 22. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, perante a persoa directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional única. Aplicación supletoria

En todo o previsto na presente resolución aplicaranse supletoriamente os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; do seu regulamento, aprobado por Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia; da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Disposición derradeira única. Desenvolvemento e entrada en vigor

1. Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as instrucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

2. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación
e Universidade

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo
e da Competencia (IGCC)

missing image file
missing image file