Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25195

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2022, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida: Consumópolis-17: dálle gústame ao consumo circular e responsable (código de procedemento IN114A).

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, convencionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos que non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade á cal pertencen, de crear valor individual e colectivo, e capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Dirección Xeral de Consumo e outras quince comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en consumo de cada cidade e/ou comunidade autónoma, en que se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico, e unha fase nacional, organizada pola Dirección Xeral de Consumo, en que participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade e/ou comunidade autónoma.

A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen no concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre o consumo responsable.

En consecuencia, correspóndelles ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e á Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 existe na aplicación 06.80.613A.640.0 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 5.700 euros para atender o pagamento dos premios obxecto da presente convocatoria.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e como director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia,

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2021/22 Consumópolis-17 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Dálle gústame ao consumo circular e responsable (código de procedemento IN114A).

2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.

3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es

4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teñan máis de tres membros do mesmo sexo.

3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.

4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os equipos gañadores de cada un dos tres niveis de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Características do traballo en equipo

1. Os cinco compoñentes do equipo deben realizar un traballo conxunto que consiste nun cartel interactivo (creado totalmente polo alumnado) sobre a economía circular na contorna escolar, familiar e social, que apoie o lema principal da 17ª edición de Consumópolis e que reflicta como podemos mellorar o planeta e a sociedade realizando un consumo circular e responsable.

O obxectivo do cartel interactivo será convencer a súa contorna escolar, familiar e social da necesidade de contribuír ao consumo e á economía circular, dando a coñecer boas prácticas nesta materia.

Algunhas ideas que os escolares poderían desenvolver son:

– Durabilidade de produtos.

– Obsolescencia programada.

– Reparación de produtos.

– Garantía dos produtos.

– Calidade dos produtos.

– Produtos de segunda man.

– Consumo e crecemento sustentable.

– Redución da pegada ecolóxica.

O equipo debe realizar o cartel interactivo utilizando a ferramenta Genially (https://www.genial.ly/es) na súa versión gratuíta.

2. Requisitos do traballo en equipo.

O cartel interactivo realizarase en formato vertical e cunha única páxina (800 × 1.600 px).

O cartel interactivo debe incluír un título ou lema.

O cartel pode conter textos, imaxes, debuxos, gráficos, fotos, vídeos, ligazóns externas, etc.

As imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non poden vulnerar os dereitos de autor ou a propiedade intelectual.

Non está autorizada a realización dun cartel interactivo cunha versión de pagamento de Genially.

O incumprimento de calquera destes requisitos anteriores suporá a descualificación do traballo.

O lema, título ou slogan, as imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non debe conter erros lingüísticos.

Na elaboración dun cartel interactivo deben respectarse os principios da educación en valores.

Valorarase que o traballo sexa pedagóxico (cun fin didáctico, educativo) e adaptado ao público infantil e xuvenil, así como consideracións de consumo responsable, saudable, sustentable e solidario.

O traballo pode presentarse en calquera dos idiomas cooficiais.

3. Subir o traballo en equipo.

Unha vez finalizado o traballo, na plataforma Genially, o persoal docente coordinador copia a URL do proxecto e realiza unha captura de pantalla do cartel.

Despois, o persoal docente coordinador accede á plataforma de Consumópolis á epígrafe Subir traballo e indica:

• O nome do equipo.

• O título do traballo.

• A URL do traballo.

• Sube a captura de pantalla do traballo (en formato jpg, png ou pdf).

Unha vez subido, o persoal docente coordinador ou o alumnado non poden modificar o traballo, e deben manter operativa a conta de Genially ata o final do concurso.

A plataforma de Consumópolis só permite subir os traballos daqueles equipos cuxos cinco compoñentes completasen e puntuasen nas dez probas da fase 1.

Só se reserva un espazo virtual por equipo.

Artigo 7. Apoio aos centros docentes

1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato pdf, relacionadas co consumo responsable, que están localizadas no sitio web www.consumopolis.es

2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelles aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 8. Formalización a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Subido o traballo á plataforma de Consumópolis, o persoal docente coordinador pode descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.

2. Unha vez que a ficha virtual do traballo se descargou, o traballo non pode modificarse.

3. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 9. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria en que expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de xeito resumido e esquemático, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso.

2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, en que se indicará: o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, en que se diferencie de xeito claro a primeira parte do concurso, a segunda parte e a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, se é o caso, a documentación consultada.

2ª. Como se organizaron os membros do equipo para a realización do traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.

3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.

d) Achegaranse, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.

Artigo 10. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 6 de maio de 2022.

Artigo 11. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Para la presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As solicitudes de participación irán acompañadas da seguinte documentación complementaria:

a) Ficha virtual en formato pdf descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha é preciso subir o traballo do equipo á plataforma.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato pdf.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar copia dos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obrigación de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/gl

Artigo 17. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 19, por un xurado constituído por:

a) Presidente/a:

A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a:

A persoa titular da dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a:

A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola sección III do capítulo I do título I (artigo 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Para a selección dos equipos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta:

a) A puntuación das probas incluídas no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que quedará establecida de forma automática polo propio sistema, con base nos criterios de coñecementos e habilidades propios. O dito percorrido pola cidade de Consumópolis ponderará ata o sesenta por cento.

b) A puntuación dos traballos ponderará ata o cincuenta por cento e será conforme cos seguintes criterios:

I. Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: valorarase ata 40 puntos.

Con carácter orientativo:

– Que o traballo se adecúe aos requisitos establecidos.

– Que o traballo promova unha reflexión crítica e motivadora do cambio.

II. Creatividade e orixinalidade do traballo: valorarase ata 20 puntos.

Con carácter orientativo:

– Que o traballo empregue recursos propios e variados (non utilizar marcas nin logotipos/imaxes coñecidas/rexistradas).

– Que o traballo achegue elementos que o destaquen e diferencien do resto de equipos.

III. Presentación/exposición do traballo: valorarase ata 20 puntos.

Con carácter orientativo:

– Que no traballo se efectúe unha exposición clara e ordenada dos contidos.

– Que o traballo conteña un resultado final facilmente comprensible e intelixible.

IV. Calidade técnica: valorarase ata 15 puntos.

Con carácter orientativo:

– Que o traballo reflicta o manexo e dominio de instrumentos e técnicas gráficas, audiovisuais, informáticas ou de calquera outro tipo empregadas na súa realización.

– O nivel de complexidade do traballo realizado.

V. Calidade lingüística: valorarase ata 5 puntos.

Con carácter orientativo:

– Que o traballo empregue correctamente os distintos recursos lingüísticos (gramática, ortografía e léxico).

– Que o traballo faga un uso non sexista da linguaxe.

c) A memoria descritiva do traballo desenvolvido, que se valorará ata un 10 por cento, para acadar o 60 por cento da alínea a) do presente precepto.

Artigo 19. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Artigo 20. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 06.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2022, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que poidan resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou persoas titoras legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa, de acordo co Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 23. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo de trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser recorrida potestativamente, perante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional única. Aplicación supletoria

En todo o non previsto na presente resolución aplicaranse supletoriamente os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro; do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia; da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Disposición derradeira única. Desenvolvemento e entrada en vigor

1. Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as instrucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

2. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

missing image file
missing image file