Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2022 Páx. 25316

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de marzo de 2022, polo que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Acibal, sito nos concellos de Barro, Campo Lameiro e Moraña, promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/6-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de marzo de 2022, polo que se outorgan a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Acibal.

a) Contido do acordo e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Acibal, sito nos concellos de Barro, Campo Lameiro e Moraña (Pontevedra), promovido pola sociedade Norvento S.L., cunha potencia de 12 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 70.660 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver a recepción do sinal ás anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 13.12.2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea o acordo:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Acibal (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 12 MW e promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora).

2. Mediante Resolución do 24 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, publicouse o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de xaneiro de 2014, polo que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Acibal, situado nos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro (Pontevedra), promovido pola sociedade Norvento, S.L. (DOG núm. 176, do 15 de setembro de 2015).

3. O 29.5.2020, Norvento, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Acibal (expediente IN661A 2010/6-4) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

4. O 14.12.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

5. O 1.2.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 19.2.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Acibal á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

7. Mediante Resolución do 11 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información publica o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto de modificación substancial do parque eólico Acibal, sito nos concellos de Barro, Campo Lameiro e Moraña, da provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2010/6-4).

8. A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14.4.2021 e no xornal Faro de Vigo do 14.4.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Barro, Campo Lameiro e Moraña) e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo 1 desta proposta:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Impactos ambientais severos.

– Fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas asociadas ao parque ou as compartidas con outros proxectos industriais.

– Fragmentación moi severa do territorio, da paisaxe, dos hábitats e perda de biodiversidade.

– Incompatibilidade do proxecto desde o punto de vista urbanístico. A recualificación solicitada non ten amparo legal.

– O rexeitamento do estudo de impacto ambiental e das solicitudes presentadas e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social. O proxecto implica un prexuízo significativo para o ambiente.

– Que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto e que carece de avaliación ambiental estratéxica.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario, a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, bueiros, pasos canadenses, etc.) e nas liñas de evacuación, e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

– Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos (autorizados ou proxectados, incluídas as repotenciacións), así como das restantes infraestruturas asociadas (tendidos eléctricos, subestacións, pistas de acceso, etc.), nun raio de 10-15 km.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello de Barro, Concello de Campo Lameiro, Concello de Moraña, Deputación Provincial de Pontevedra, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático), Consellería do Medio Rural (Dirección Xeral de Defensa do Monte) e Augas de Galicia.

10. O 6.4.2021 a xefatura territorial emitiu informe indicando que non existen dereitos mineiros afectados nin zonas de reserva a favor do Estado na provincia de Pontevedra.

11. O 11.5.2021 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico, indicando os seguintes:

• A CMVMC de Perdecanai no concello de Barro.

• A CMVMC de Rebón no concello de Moraña.

• A CMVMC de Amil no concello de Moraña.

• A CMVMC de Fragas no concello de Campo Lameiro.

12. O 19.7.2021 a xefatura territorial efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados (Perdecanai, Rebón, Amil e Fragas) e concedeulles un prazo de quince días para presentar as alegacións que considerasen oportunas. Transcorrido o dito prazo, recibíronse alegacións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Amil e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sorrego Portopereiro, ás cales a promotora deu resposta o 7.9.2021.

13. Por Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Acibal (expediente IN661A 2010/6-4), promovido por Norvento, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

14. O 16.9.2021 a Xefatura Territorial emitiu informe sobre o proxecto do parque eólico e remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento.

15. O 12.10.2021 a Xefatura Territorial recibiu da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra do 22.9.2021, en relación co artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, informando favorablemente sobre a compatibilidade do aproveitamento forestal da modificación substancial do parque eólico Acibal.

16. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Barro, Concello de Campo Lameiro e Concello de Moraña.

Formalizada a tramitación ambiental, o 13.12.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de decembro de 2021 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 246, do 24 de decembro).

17. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.12.2014 e do 29.5.2015, sendo a potencia instalada de 16 MW. Segundo o establecido no artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, as autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso.

18. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais