Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25453

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 19 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia (código de procedemento MR711B).

Segundo o artigo 14 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, o Banco de Terras de Galicia, dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, configúrase como un instrumento público de intermediación entre persoas titulares de terras agroforestais e persoas interesadas no seu aproveitamento, que ten como obxectivo principal contribuír á mobilización produtiva desas terras mediante arrendamentos, cesións, permutas, alleamentos ou calquera outro negocio xurídico.

O Banco de Terras de Galicia, en funcionamento desde o ano 2007, conta na actualidade con máis de 10.000 parcelas, que supoñen máis de 5.000 hectáreas e que son ofertadas para que todas aquelas persoas que así o desexen poidan solicitar o seu arrendamento por tempo determinado.

A presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras está regulada desde o ano 2019, con base na Lei 6/2011, de mobilidade de terras, pola Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia, e pola Orde do 25 de novembro de 2019, que modifica a do 19 de setembro de 2019.

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, na disposición derrogatoria única, derroga a citada Lei 6/2011 e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesa lei.

Así mesmo, a citada Lei 11/2021 modifica aspectos regulados inicialmente no procedemento MR711B, concretamente o obxecto e a finalidade, os prazos de solicitude e os criterios de puntuación, polo que é preciso aprobar unha nova orde que regule todos estes cambios no procedemento MR711B. Así mesmo, tamén é preciso modificar os formularios de solicitude para adaptalos aos últimos modelos publicados na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En consecuencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto aprobar a posta en funcionamento do procedemento para a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia, regulado no capítulo IV do título IV (artigos 54.2 e 54.3) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Quedan excluídos deste procedemento os arrendamentos pactados ou de mutuo acordo, recollidos no artigo 55, e os arrendamentos sobre as parcelas en estado de dispoñible sen concorrencia, recollidas no artigo 54.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este procedemento habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurará na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, co código MR711B.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Este procedemento vai dirixido a calquera persoa que queira arrendar terras para fins agrícolas, gandeiros ou forestais conforme a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes. Prazo de resolución

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do anexo I accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou desde a páxina web do Banco de Terras de Galicia (https://sitegal.xunta.gal/sitegal).

A presentación electrónica será obrigatoria para:

As administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Establécense dous períodos anuais para a presentación das solicitudes. O primeiro comezará o día 1 de maio de cada ano e o segundo comezará o día 1 de novembro de cada ano. Ambos os períodos terán unha duración de 15 días hábiles (artigo 54.3 da Lei 11/2021). Fóra destes prazos, as solicitudes inadmitiranse por extemporáneas.

Non será necesario que se dite un acordo de iniciación expreso para cada un dos prazos e considérase como data do acordo de iniciación o primeiro día natural do primeiro mes de cada un dos prazos de cada ano. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para ditar resolución expresa sobre a solicitude de concesión do arrendamento e para notificala será de cinco (5) meses contados desde o día seguinte ao acordo de iniciación. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 4. Documentación complementaria

Non é necesario que as persoas interesadas acheguen ningunha documentación no momento de presentar a solicitude. As persoas interesadas deberán declarar os datos bancarios para o cobramento da renda no caso de que estas fosen adxudicatarias do arrendamento do predio.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

f) Certificado da renda (IRPF).

g) Consulta de vida laboral dos últimos 5 anos.

h) Estatutos ou acta de constitución da agrupación.

i) Condición de titularidade de explotación agraria.

j) Condición de ser explotación agraria prioritaria.

k) Condición de ser beneficiaria de axudas de agroambiente e clima.

l) Condición de persoa produtora agraria inscrita no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica.

m) Condición de ser persoa beneficiaria de axudas á primeira instalación de persoas agricultoras mozas.

n) Condición de ter un plan de mellora na explotación.

o) Acreditación da propiedade de parcelas para a valoración de criterios de proximidade.

p) Contrato de arrendamento de parcela próxima ou confinante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Solicitudes en tramitación

Ás solicitudes en tramitación anteriores á entrada en vigor desta norma seralles de aplicación a Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derrógase a Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia.

2. Derrógase a Orde do 25 de novembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 19 de setembro de 2019 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file