Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25377

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 47/2022, do 8 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada EP-0601, comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+730, a prol do Concello de Poio.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O día 19.7.2018, o Concello de Poio e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550, correspondente co p.q, 0+000 ata a contorna da baixada cara ao porto de Campelo, no p.q. 1+730.

A cláusula quinta, alínea 4) deste convenio fixa como obrigas do Concello a de solicitar a transferencia da vía no momento da recepción das obras, e o presente convenio é a solicitude formal de iniciación do procedemento de transferencia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, indica que o treito da estrada EP-0601 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos cales forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de abril de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio do treito:

Clave

Denominación

p.q.i.

p.q.f.

Lonx. (km)

EP-0601

Portosanto-Campelo-PO-308

0+000

1+730

1,73

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 3

Corresponden ao Concello de Poio, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, oito de abril de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade