A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de fomento da cultura e da creación e difusión cultural en Galicia, competencias que ten asignadas en virtude do establecido no artigo 27.19 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia e que se concretan, entre outras, no fomento e promoción da cultura, a contribución ao desenvolvemento do libro, a colaboración na promoción da plástica, a danza, a música, a imaxe e o son e as artes líricas e coreográficas.
Concretamente, o Centro Galego de Arte Contemporánea (en diante, CGAC) é un centro de arte de titularidade autonómica, dependente da Consellería, entre cuxos fins se atopan a realización de mostras de carácter temporal, así como outras actividades encamiñadas á investigación e divulgación da arte contemporánea entre a poboación galega e o perfeccionamento da sensibilidade estética de Galicia.
O CGAC de acordo co disposto na súa norma de creación, artigo 3.1.a) do Decreto 308/1989, do 28 de decembro, actualizado polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é un centro artístico-técnico para exposicións, documentación e promoción da creación artística, e ten entre as súas funcións promover o coñecemento e o acceso do público en xeral á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, realizando habitualmente un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e proxectos expositivos como a colección propia.
Constatada a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, mediante esta convocatoria, o CGAC pretende promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega apoiando ao mesmo tempo a creación nesta lingua.
Por todo o exposto e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
Convócase o V Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea para o ano 2022 e establécense as bases reguladoras polas que rexerá a súa concesión (código de procedemento CT143A).
Artigo 2. Finalidade
1. En cumprimento do seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas, o CGAC vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.
2. Tendo en conta a escaseza actual de canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, o Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea ten por obxecto contribuír á investigación e produción de pensamento en arte contemporánea, a través da presentación de traballos que sexan inéditos e redactados en lingua galega.
Artigo 3. Contía e financiamento do premio
1. Establécese un único premio de 3.000,00 €, impostos engadidos, que será outorgado á persoa que obteña a máxima puntuación de acordo cos criterios establecidos no artigo 13 destas bases.
2. A cantidade será financiada con cargo aos recursos económicos asignados ao CGAC, aplicación 10.40.432B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
Artigo 4. Procedemento e normativa reguladora
1. O premio concederase por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 5. Participantes e requisitos de participación
1. Poderá optar a este premio calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.
2. Non poderán resultar premiadas as persoas participantes, nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Os textos que se presenten serán de tema libre, sobre aspectos da arte contemporánea, terán un carácter divulgativo e, na medida do posible, evitarase a utilización dunha linguaxe e unha estrutura excesivamente académica. A extensión dos orixinais, que non poderán conter ilustracións, abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. Na portada do texto indicarase exclusivamente o título e/ou lema. Non deberá figurar ningún dato que poida identificar a persoa participante e, polo tanto, que rompa o anonimato. O incumprimento deste aspecto provocará a exclusión do proceso.
Artigo 6. Presentación das solicitudes
1. Tendo en conta que as persoas que poden optar a este premio teñen capacidade e medios suficientes para a presentación electrónica, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación destas bases e convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) 1 copia do texto.
b) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante, de ser o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
f) Consulta da inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 11. Instrución
O órgano instrutor dos expedientes será a Xerencia do CGAC, unidade adscrita á Secretaría Xeral de Cultura, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle á persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 12. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionárense por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á súa disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 13. Xurado e criterios de valoración
1. Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por un máximo de 5 membros de acordo coa seguinte composición:
a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do CGAC.
b) Vogais: tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario.
c) Un/unha secretario/a, con voz e sen voto, elixido/a entre o persoal ao servizo do CGAC.
2. Os membros do xurado serán designados pola persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura e publicarase no prazo máximo de vinte (20) días desde a publicación desta orde na páxina web do CGAC (http://cgac.xunta.gal/).
3. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
4. Tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, o xurado relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente e proporá o texto premiado.
5. O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:
a) Orixinalidade do enfoque e elementos de innovación e creación (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:
Pola creatividade do enfoque (ata un máximo de 4 puntos).
Pola introdución de elementos innovadores respecto doutros ensaios publicados anteriormente sobre a mesma temática ou sobre temas análogos (ata un máximo de 4 puntos).
Pola presenza de relacións con outras disciplinas artísticas ou científicas (ata un máximo de 2 puntos).
b) Singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:
Por empregar unha metodoloxía innovadora para o estudo das artes visuais ou performativas (ata un máximo de 6 puntos).
Por ocuparse dun tema ou dun período histórico escasamente tratado ou estudado na bibliografía publicada con anterioridade á convocatoria deste premio (ata un máximo de 4 puntos).
c) Calidade literaria do texto (ata un máximo de 10 puntos). A puntuación repartirase de xeito proporcional:
Claridade e adecuación da mensaxe (ata un máximo de 2 puntos).
Ritmo, fluidez, cohesión e coherencia das ideas expresadas (ata un máximo de 2 puntos).
Presenza dun ton ou dunha voz persoal ou orixinal (ata un máximo de 2 puntos).
Riqueza e precisión léxica (ata un máximo de 2 puntos).
Corrección formal do texto (ortografía, usos gramaticais, adecuada división en parágrafos, uso de maiúsculas, etc.) (ata un máximo de 2 puntos).
6. O xurado poderá propoñer que se declare o premio deserto.
Artigo 14. Resolución e recursos
1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio e recollido na acta correspondente, a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a concesión do premio, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://cgac.xunta.gal/ e se lle notificará á persoa premiada.
2. O prazo para ditar e notificar a resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
3. Unha vez notificada a resolución definitiva, a persoa premiada disporá dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A resolución que se dite neste procedemento esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 16. Xustificación e pagamento
O premio outorgado por estas bases será aboado dentro do exercicio económico 2022, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario achegar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.
Artigo 17. Condicións xerais de participación
1. A participación neste premio supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.
2. A Consellería de Consellería de Cultura, Educación e Universidade reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes da persoa, polos medios e formas de comunicación que considere convenientes durante todo o tempo que considere necesario, e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes prestaron o seu consentimento ao presentar os traballos.
3. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición do texto gañador. A partir da segunda edición, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
Artigo 18. Obrigas da persoa beneficiaria, compatibilidade e reintegro
1. A persoa beneficiaria queda obrigada a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.
2. O premio será compatible con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.
3. Procederá a revogación da subvención, así como o reintegro total ou parcial da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 19. Inclusión no rexistro público de axudas, subvencións e convenios
O premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consinte na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura para ditar as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS daralle traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Disposición derradeira primeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade