Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25899

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

A Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 20, do 31 de xaneiro) regula, entre outras cuestións, o prazo para a presentación da solicitude única. En concreto, no seu artigo 10.3 prevé que o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2022, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos incluídos.

Este prazo adecúase ao disposto no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir do 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda. Este real decreto regula, con carácter de normativa básica, o prazo de presentación da solicitude única e, en concreto no seu artigo 95, faculta ás comunidades autónomas para ampliar o dito prazo de presentación da solicitude única no seu ámbito territorial, de maneira debidamente motivada.

De cara a favorecer o máximo posible a presentación de solicitudes por parte das persoas interesadas, máxime tendo en conta as dificultades económicas polas que atravesan os diversos sectores da actividade, e co obxecto de promover en particular a mellora do sector agrícola, considérase preciso flexibilizar o prazo de presentación de solicitude única mediante a súa ampliación ata o día 13 de maio de 2022.

A Comunidade Autónoma de Galicia xa comunicou ao Fondo Español de Garantía Agraria a súa vontade de modificar a data límite de presentación da solicitude única ata o día 13 de maio de 2022, de forma que se flexibilice a data de presentación sen mingua da xestión.

Por outra banda, unha vez que entrou en vigor a Orde do 21 de xaneiro de 2022, que se modifica mediante esta norma, detectouse unha discrepancia entre o indicado no punto 1 do artigo 34 relativo á «Realización de fotografías xeorreferenciadas», e o indicado na letra C do anexo I, relativo ás «Alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac (código de procedemento MR239K)».

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

A Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control queda modificada como segue:

Primeiro. O punto 3 do artigo 10 queda redactado do seguinte modo:

«3. O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2022, iníciase o 1 de febreiro e finalizará o día 13 de maio, ambos incluídos.

Segundo. Modifícase o cadro 2 «Documentación para cada tipo de alegación» da epígrafe C do anexo I, do seguinte xeito:

A liña que di:

Un mínimo de dúas fotografías datadas e xeorreferenciadas, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto onde se tomaron e a orientación

Obrigatorio para os tipos 9 e 14, así como para os cambios do uso FO aos usos PS, PA ou PR, e os cambios dos usos PA e PR ao uso PS. Voluntario en calquera outra alegación como xustificación do cambio proposto.

Debe dicir:

Un mínimo de dúas fotografías datadas e xeorreferenciadas, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto onde se tomaron e a orientación

Obrigatorio para os tipos 9 e 14, así como para os cambios do uso FO aos usos PS, PA ou PR, e os cambios dos usos PA e PR ao uso PS e tamén sobre as incidencias de abandono ou indicios de abandono do tipo 12. Voluntario en calquera outra alegación como xustificación do cambio proposto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural