Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25858

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e convocatoria do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2021 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

A Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 44, do 2 de marzo), que establece no seu artigo 3.1 «suspéndese, para todo o persoal incluído no ámbito de aplicación desta lei, a convocatoria, a concesión ou o aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, así como calquera outra que teña a mesma natureza ou finalidade, agás a axuda por persoa con discapacidade, que non poderá ser superior á contía de 180 euros mensuais por cada persoa, namentres estea en vigor esta lei».

En aplicación do dito precepto legal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de abril de 2022, adoptou o acordo de autorizar os criterios de repartición e convocatoria do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2021.

O artigo 21 do Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG nº 17, do 27 de xaneiro), atribúe á Dirección Xeral da Función Pública a xestión do fondo de acción social.

Visto o texto do acordo e en cumprimento das competencias conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se publiquen no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, os criterios de repartición e a convocatoria do fondo de acción social para o exercicio económico do ano 2021, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Segundo. Contra este acordo do Consello da Xunta de Galicia, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Igualmente, con carácter previo e potestativo, poderase interpoñer recurso de reposición ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

O fondo de acción social para os empregados públicos está regulado na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu artigo 3 posibilita o aboamento destas axudas para atender a persoas con discapacidade a cargo nunha contía máxima de 180 euros mensuais por cada persoa causante. As axudas que se convocan son as correspondentes ao ano 2021 e están dirixidas ao persoal funcionario, incluído o persoal docente e o profesorado de relixión, ademais de a determinado persoal laboral do V Convenio colectivo único en situación de servizo activo no momento de presentación de solicitudes. Concretamente, o seu ámbito de aplicación subxectivo circunscríbese ao persoal funcionario, que prestara servizos durante o ano 2021 nalgún dos órganos ou entidades da Administración xeral da Xunta de Galicia ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais de ao persoal docente non universitario e ao profesorado de relixión.

Ata a convocatoria de hai dous anos, o fondo de acción social prevía unhas axudas que só chegaban en determinados supostos a unha cantidade en cómputo anual equivalente á máxima permitida de 180 euros mensuais. O acordo alcanzado na comisión de persoal celebrada o día 23 de xullo de 2019 garante a concesión da axuda máxima de 2.160 € anuais, equivalente á máxima permitida pola lei, a todos os solicitantes, aínda que modulada, evidentemente, cos correspondentes rateos en función do momento de recoñecemento da discapacidade da persoa causante.

O Consello da Xunta de Galicia, oídos os representantes das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F e UGT, representadas na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e no Comité Intercentros do Persoal Laboral, en virtude do establecido no artigo 13.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, acorda autorizar os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2021 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade.

Artigo 1. Obxecto

1. Este acordo ten por obxecto aprobar os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social do persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia relativo á axuda para atención de persoas con discapacidade correspondente ao ano 2021.

2. O importe da axuda será de 2.160,00 € por causante, con rateo da dita cantidade para o caso de que o recoñecemento ou cualificación da discapacidade se producise con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 ou a convivencia non se mantivese durante todo o exercicio. A axuda aboarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

3. Os créditos orzamentarios a que se imputa a axuda están consignados na aplicación 23 04 124A 162.04 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, que tamén se aplicará para o pagamento daquelas axudas denegadas en anos anteriores e recoñecidas posteriormente en vía administrativa ou xudicial.

Artigo 2. Ámbito de aplicación obxectivo

1. Poderán solicitar a axuda do fondo de acción social os empregados que prestasen servizos durante o ano 2021 nalgún dos órganos ou entidades a que se refiren as letras a) e c) do artigo 4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e que teñan a condición de:

a) Persoal funcionario de carreira ou persoal funcionario interino, incluído o persoal docente.

b) Persoal laboral do V convenio colectivo único que se atope nalgunha das seguintes situacións:

– Que teña a cargo un causante cun grao de discapacidade igual ou superior ao 75 % e con rendas superiores a 13.300 € anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración.

– Que cumpra os requisitos para ser beneficiario desta axuda e se lle denegase a prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo.

– Que estivese adscrito a un posto de natureza fixa descontinua, nese caso terá dereito a percibir a parte proporcional da axuda correspondente aos períodos de inactividade.

c) Profesores de relixión.

2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación deste acordo:

a) O persoal funcionario de carreira ou persoal funcionario interino cuxo cónxuxe teña a condición de persoal laboral e non estea incluído dentro da letra b) do punto anterior.

b) O persoal a que se refiren os artigos 9, 10, 11 e 12 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa excepción do disposto para o persoal laboral na letra b) do punto anterior.

c) O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como o persoal procedente do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial de Santiago, Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, Hospital Provincial Santa María Nai de Ourense, Hospital Municipal Nicolás Peña de Vigo, Hospital Xeral Provincial de Pontevedra, Hospital Psiquiátrico Provincial O Rebullón de Pontevedra e Hospital Militar da Coruña.

3. No suposto de que dous empregados tivesen a condición de beneficiarios en relación ao mesmo causante, só un deles terá dereito a axuda.

Artigo 3. Ámbito subxectivo

Terá a condición de beneficiario da axuda o persoal incluído dentro do ámbito obxectivo de aplicación deste acordo que no prazo de presentación de solicitudes cumpra os seguintes requisitos:

1. Que se encontre en situación de servizo activo no período de presentación de solicitudes, incluídos os supostos de incapacidade temporal e períodos de maternidade, paternidade, adopción, acollemento e risco de embarazo; en situación de suspensión de funcións ou de excedencia voluntaria con dereito a reserva de posto de traballo. Tamén terá a condición de beneficiario o persoal adscrito a postos de natureza descontinua que se atope no período de inactividade; así como os que se xubilasen en 2021; en proporción ao tempo en que estiveron en activo.

2. Que conviva con cónxuxe, parella de feito, fillos ou ascendentes de 1º grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme:

a) Que teñan unha discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente antes do 1 de xaneiro de 2022 nun grao igual ou superior ao 75 %.

b) Que teñan unha discapacidade física, psíquica ou sensorial recoñecida polo organismo competente antes do 1 de xaneiro de 2022 nun grao igual ou superior ao 33 % e inferior ao 75 % e perciba ingresos inferiores a 13.300 € anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración.

Artigo 4. Incompatibilidades

A presente axuda é incompatible coa percepción con cargo a un mesmo causante doutras de natureza semellante concedidas pola Xunta de Galicia ou por outro organismo oficial ou empresa privada, incluída a prevista no artigo 35 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, tanto se se percibiu como se, tendo dereito a percibila, non a tivese solicitada.

Artigo 5. Solicitudes

A solicitude será única, con independencia do número de causantes con discapacidade polos que se solicita a axuda, e xerarase de forma telemática desde a internet http://www.xunta.es/dxfp/fas.htm. Presentarase dentro do prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) mediante trámite de solicitude xenérica, a través do servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, e dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, unidade Dirección Xeral da Función Pública. No obxecto do asunto indicarase Convocatoria do fondo de acción social do ano 2021. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos que se aleguen.

Artigo 6. Comprobación de datos e documentación que se debe acompañar coa solicitude

1. A condición de beneficiario exixirá acreditar as seguintes circunstancias: a identidade do causante, o seu grao de discapacidade e data de recoñecemento; a convivencia do beneficiario e do causante; o parentesco ou suxeición a tutela e, se é o caso, os rendementos do traballo do causante.

Consultaranse automaticamente, sempre que as persoas interesadas e os causantes así o autoricen na solicitude, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa con discapacidade causante da axuda.

b) Certificado de empadroamento de beneficiario e causante.

c) Recoñecemento do grao de discapacidade da persoa con discapacidade causante da axuda.

d) IRPF da persoa con discapacidade causante da axuda correspondente ao exercicio de 2020.

2. No caso de non autorizar a consulta, deberán presentar os documentos correspondentes xunto coa solicitude. Para tales efectos, deberase acompañar con esta, segundo os casos, as copias que teñan a consideración legal de auténticas dos seguintes documentos:

a) Identidade do causante: copia do DNI ou NIE do causante.

b) Convivencia entre beneficiario e causante: certificado de empadroamento.

c) Grao de discapacidade e data de recoñecemento: certificado do grao de discapacidade do causante e da data de recoñecemento.

d) Parentesco ou relación de tutela: o parentesco ou a relación de parella de feito ou de tutela poderase acreditar, segundo os casos, mediante copia de todas as follas do libro de familia onde consten asentos, certificado literal de nacemento do solicitante ou do causante, certificado de matrimonio ou de inscrición no rexistro de parellas de feito, ou certificado literal de inscrición da tutela no Rexistro Civil.

e) No caso de causantes cun grao de discapacidade inferior ao 75 %, certificado de imputacións do IRPF ou certificado da pensión de xubilación correspondente ao exercicio do ano 2020 da persoa do causante.

f) No caso do persoal docente non universitario e profesorado de relixión, certificado da secretaría do centro de adscrición que acredite que teñen prestado servizos en tal condición no ano 2021 e que están en servizo activo no prazo de presentación de solicitudes.

3. Os interesados que foron beneficiarios da axuda correspondente ao exercicio 2020, salvo modificacións das circunstancias, estarán exentos de presentar a documentación indicada no punto anterior, excepto a correspondente á letra f).

Artigo 7. Documentación complementaria

Antes da publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposicións das listaxes provisionais de admitidos e excluídos, a Dirección Xeral de Función Pública poderá requirir calquera outra documentación complementaria que considere necesaria e, en todo caso, solicitará das correspondentes unidades de persoal unha certificación que acredite, para o caso de beneficiarios coa condición de persoal laboral, que non percibiu durante o exercicio de 2021 a axuda do artigo 35 do V Convenio colectivo ou, se é o caso, de que a solicitou, da data de solicitude e de que lle foi denegada polo órgano competente.

Artigo 8. Falsidades nas solicitudes

1. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable segundo o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida, darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades que procedesen.

2. Así mesmo, poderá dar lugar, logo da proposta favorable da comisión de seguimento deste acordo, á imposibilidade de solicitar as axudas do fondo de acción social durante un prazo de 5 anos.

Artigo 9. Publicidade das listaxes provisionais e definitivas de admitidos e excluídos

1. As persoas solicitantes poderán consultar a situación da súa solicitude nas listaxes provisionais e definitivas na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS, introducindo nos espazos habilitados para o efecto o NIF e o código de impresión da súa solicitude.

2. A Dirección Xeral de Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos, con indicación neste último caso das causas de exclusión. Os interesados terán un prazo de dez días hábiles ao da publicación do anuncio no DOG para formular as reclamacións que consideren pertinentes e emendar os defectos motivo da exclusión provisional.

3. A Dirección Xeral de Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos, que determinará a estimación ou desestimación definitiva das solicitudes, con indicación da contía total da axuda.

4. A desestimación das solicitudes non esgota a vía administrativa e os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, que poderá presentarse no prazo dun mes ante a Dirección Xeral de Función Pública ou ante o propio conselleiro de Facenda e Administración Pública.

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes especificadas neste acordo será de seis meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para reclamar contra as listaxes provisionais. O dito prazo poderá prorrogarse no caso de que o elevado número de solicitudes ou a concorrencia de circunstancias excepcionais así o requira. Se no prazo establecido non se resolve o expediente, entenderase desestimada a solicitude.

Artigo 10. Renuncia ás axudas

A renuncia dos interesados ás axudas solicitadas ao abeiro desta resolución so poderá efectuarse ata o remate do prazo de reclamación contra as listaxes provisionais.

Artigo 11. Axudas de anos anteriores

As axudas denegadas en anos anteriores e que como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa sexan estimadas pagaranse co cargo ao presente fondo de acción social.

Artigo 12. Comisión de Seguimento

Constitúese unha Comisión de Seguimento encargada de realizar calquera interpretación ou aclaración das dúbidas que xurdan en relación con estas bases, que estará composta por un membro de cada organización sindical e un número igual de representantes da Administración. Actuará como presidente o titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais e como secretario un representante dos empregados públicos.