Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 3 de maio de 2022 Páx. 26401

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR760A).

Os contidos desta orde están enmarcados no establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego. Ten por obxecto que a Comunidade Autónoma de Galicia consiga uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión do territorio, polo que é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega e o sostemento dos negocios, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a mellora da competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 71/2021, do 29 de abril, e o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, modificado polo Decreto 111/2021, do 22 de xullo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

Esta convocatoria está parcialmente financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

Tendo en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar a actividade económica e apoiar o mantemento do emprego das persoas traballadoras autónomas e das microempresas como axentes dinamizadores da economía na Comunidade Autónoma. Non é suficiente con desenvolver políticas que favorezan o emprendemento, senón que tamén é necesario articular programas que axuden e consoliden as microempresas e persoas traballadoras autónomas e, en especial, as que sufriron o maior impacto da crise.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionaren a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, e estas medidas comportaron unha das maiores crises económicas coñecidas. Moitas microempresas e persoas traballadoras con persoal contratado ao seu cargo pertencen aos sectores máis afectados pola COVID-19. Ante esta situación, a Xunta de Galicia puxo en marcha varios plans rescate para atender os sectores máis afectados. A dita situación mantense en determinadas actividades que no ano 2021 practicamente estiveron paralizadas, motivo polo cal é preciso impulsar un programa extraordinario para as persoas traballadoras autónomas e microempresas especialmente paralizadas pola crise da COVID-19.

Esta orde regula un programa de axudas único que ten por obxecto contribuír ao mantemento das persoas traballadoras autónomas e dos seus negocios, contribuíndo deste xeito á reconstrución da nosa sociedade na era post COVID.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible, senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir. Estas empresas son vitais para unha recuperación do emprego e esta debe ser unha prioridade fundamental.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión SA.56851 (2020/N), do 2 de abril, e as súas modificacións posteriores.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas pola crise da COVID-19, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.

3. Por medio desta orde procédese á súa convocatoria para o ano 2022.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Así mesmo, por tratarse de axudas parcialmente financiadas polo FSE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, é de aplicación e darase debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, ambos os dous modificados polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; no Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao gromo da COVID-19; no Regulamento (UE) núm. 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria nos Estados membros e noutros sectores das súas economías en resposta ao gromo da COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus); no Regulamento (UE) núm. 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE), así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 3. Subvencións concedidas baixo o Marco nacional temporal

1. As axudas previstas nesta orde ampáranse no disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e persoas traballadoras autónomas, consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19 (Marco nacional temporal), notificado inicialmente o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión, do 2 de abril de 2020 (C(2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior. A Decisión SA.57019 (2020/N) e as outras posteriores aproban diversas modificacións do Marco nacional temporal.

2. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal e do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar os 2.300.000,00 € por empresa ou persoa traballadora autónoma (345.000,00 € por empresa ou persoa traballadora autónoma activa no sector da pesca e da acuicultura ou 290.000,00 € por empresa ou persoa traballadora autónoma activa na produción primaria de produtos agrícolas).

3. As axudas suxeitas a este réxime poderanse conceder a empresas e autónomos que non estean en crise e/ou a empresas e autónomos que non estaban en crise (a teor do disposto no artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, o que se acreditará mediante declaración responsable. Todo iso sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise en 31 de decembro de 2019, sempre e cando no se encontren inmersas nun procedemento concursal ni recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

Artigo 4. Principios de xestión

A xestión do programa de subvencións previsto nesta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia, as comunidades de bens ou sociedades civís, as microempresas e os mutualistas, sempre que estean de alta ou en situación asimilada, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, que tivesen unha alta anterior ao 1 de xaneiro de 2019 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 65 % nos termos establecidos no artigo 9.

Considerarase microempresa para efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez traballadores e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que estean de alta no momento da presentación da súa solicitude e estivesen de alta un mínimo de catro (4) meses e un máximo de nove (9) meses no ano 2019.

3. Unicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física ou xurídica.

4. Quedan excluídas desta orde as actividades en que convocaron axudas de xeito específico as consellerías da Xunta de Galicia competentes por razón da materia, entre outras, axudas para hostalaría, hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, axencias de viaxes, lecer nocturno, pesca, acuicultura ou marisqueo, e as actividades culturais coma orquestras.

Exceptúanse do indicado no parágrafo anterior aquelas persoas beneficiarias que desenvolvan a súa actividade sen teren establecemento permanente aberto ao público.

5. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 65 % comparando o ano 2019 co ano 2021.

6. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha do resto das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 9 desta orde.

Artigo 6. Orzamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por importe total de 2.700.000,00 € (dos cales 1.398.998,69 euros corresponden á parte financiada con fondos REACT-UE), con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:

Aplicación

Proxecto

Crédito

11.04.322C.470.8

2022 00169

2.700.000,00 €

2. Estas axudas están parcialmente financiadas con fondos REACT-UE no marco do PO FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo temático 13. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; prioridade de investimento 13.1. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.1. Apoiar o acceso ao mercado de traballo, a creación de postos de traballo e o emprego de calidade, así como o mantemento do emprego, incluído o emprego xuvenil, e o apoio aos traballadores por conta propia e aos emprendedores, e liña de actuación 500. Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas e microempresas afectadas pola crise da COVID-19.

3. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente para a execución deste programa.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa orzamentario, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 30 de xaneiro.

Para ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nesta orde é necesario un informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos).

Artigo 7. Importe das axudas

O importe das axudas está en función da facturación que se acredite no ano 2019 e conforme a seguinte táboa:

– Facturación superior a 30.000 €: 12.000 €.

– Facturación superior a 20.000 € e ata 30.000 €: 8.000 €.

– Facturación superior a 12.000 € e ata 20.000 €: 6.000 €.

– Facturación superior a 8.000 € e ata 12.000 €: 4.000 €.

– Facturación superior a 5.000 € e ata 8.000 €: 2.000 €.

– Facturación igual ou superior a 4.000 € e ata 5.000 €: 1.000 €.

Para os autónomos de tempada, os importes reduciranse ao 50 %.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible como anexo I, segundo o procedemento correspondente na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberase cubrir, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios e serán unicamente válidas as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa beneficiaria dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

Artigo 9. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

1. Os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria son os que se indican no modelo de solicitude (anexo I), no que vén recollida unha declaración responsable da persoa solicitante, de obrigatorio cumprimento, onde manifestará:

– Que está de alta ou situación asimilada no réxime da Seguridade Social correspondente (no RETA, ou na mutualidade correspondente) ou que é unha persoa autónoma de tempada que está de alta no momento da solicitude.

– Que ten o domicilio fiscal en Galicia.

– CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) da actividade pola cal solicita a axuda.

– A baixada de facturación de, polo menos, un 65 % no ano 2021 en comparación co ano 2019.

– Que facturou un mínimo de 4.000 euros no ano 2019, o cal deberá acreditar documentalmente segundo o artigo 11.1.b) desta orde.

– Que non está incursa en ningunha das circunstancias que prohiben obter a condición de persoa beneficiaria segundo o establecido nesta orde.

– Declaración de calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos gastos subvencionables que, en aplicación do Marco nacional temporal, ou en aplicación da comunicación da Comisión Marco Temporal relativa ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19, recibise durante o exercicio fiscal en curso.

– O cumprimento do requisito de tratarse de empresas ou persoas autónomas que non están en crise e/ou empresas ou persoas autónomas que non estaban en crise o 31 de decembro de 2019.

– Que son veraces todos os datos reflectidos nesta declaración responsable.

– Que, coa presentación desta solicitude, acepta a subvención.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan exceptuadas da dita representación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) Documentación acreditativa da baixada de facturación do ano 2021 respecto do ano 2019, con algúns dos seguintes modelos:

– Modelo 390 dos anos 2019 e 2021.

– Modelo 303 dos anos 2019 e 2021.

– Modelo 130 dos anos 2019 e 2021.

– Modelo 131 dos anos 2019 e 2021.

– Outros documentos.

No caso de que as persoas ou entidades solicitantes tributen no réxime de estimación obxectiva ou módulos, a baixada dun 65 % da facturación do ano 2021 respecto do ano 2019 deberase acreditar coas copias, referidas aos períodos de comparación, do libro de facturas emitidas e recibidas ou libro diario de ingresos e gastos ou libro de rexistro de vendas e ingresos, ou libro de compras e gastos, ou calquera outra forma admitida en dereito para acreditar a diminución na facturación, como poden ser, entre outros e tendo en conta a actividade económica, a presentación de descenso de consumo de enerxía eléctrica, copia do rexistro de caixa ou cobramentos e pagamentos por TPV ou por calquera outro medio dos anos 2019 e 2021 achegados conforme o número 2 deste artigo.

c) No caso dos mutualistas, deberán acreditar a súa alta no colexio profesional ou entidade correspondente.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento (TR760A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e/ou representante.

b) NIF da entidade solicitante e/ou representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Alta no imposto de actividades económicas.

g) Certificado de domicilio fiscal.

h) Vida laboral dos últimos cinco (5) anos no réxime especial de traballadores autónomos.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Autorización do solicitante da axuda en favor do organismo intermedio do programa opertativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a D.X. de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos) para consultar a información (da Administración pública competente) relativa ao cumprimento do prazo de mantemento da actividade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

f) Notificar as axudas obtidas para a mesma finalidade, e deberán especificar cales foron obtidas dentro do Marco nacional temporal a que se refire o artigo 3 desta orde.

g) Manter a alta na actividade durante seis (6) meses desde a publicación de esta orde no Diario Oficial de Galicia.

h) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

Por tratarse de axudas parcialmente financiadas polo FSE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 13 desta orde, son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións, en especial, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Presentar os indicadores de resultado a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, referidos aos seis meses despois de que finalice o período de mantemento da actividade recollido no artigo 13.g) desta orde, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, facilitaráselles ás persoas beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

c) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

d) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221.

Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade e polo Fondo Social Europeo como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, colocando nos espazos de atención ao público, nun lugar destacado e visible, un cartel dun tamaño mínimo A3 durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o programa e a axuda financeira recibida da Unión Europea. Na páxina web da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (Oficina virtual do emprego autónomo: https://oficinadoautonomo.gal/es) estará dispoñible un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

e) Informar a persoa beneficiaria, no caso de ser unha entidade xurídica, de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das persoas beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación, así como a outra información prevista no anexo XII modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221, en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

f) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas, sempre e cando se respecten os límites establecidos no Marco temporal e na normativa xeral de subvencións.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e concesión doutras axudas para a mesma finalidade.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición de multas coercitivas previstas no punto 4 do dito artigo.

Artigo 17. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión do programa da subvención contido nesta orde é non competitivo e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento. A concesión das axudas realizarase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados nesta orde ata o esgotamento do crédito.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

3. O órgano instrutor dos expedientes do programa será a Subdirección Xeral de Emprego da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para determinar a documentación presentada en virtude da cal se debe formular a proposta de resolución.

4. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas ou entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propoñer os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde, e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 20.5 da Lei de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 22. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas na declaración responsable recollida no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos será obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda se deben cumprir no momento da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen nesta orde nos artigos 13 e 14, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de tres (3) meses. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

5. Na resolución de concesión informarase a persoa ou entidade beneficiaria de que a axuda, se é o caso, está financiada, nunha porcentaxe do 100 %, con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, con expresión do obxectivo temático, prioridade do investimento, obxectivo específico e liña de actuación correspondente.

Ademais, estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios, derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

Así mesmo, na resolución de concesión informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes das persoas beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) núm. 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe formular con carácter potestativo recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. No suposto de esgotamento do crédito, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicarase no Diario Oficial de Galicia, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas co texto íntegro da resolución denegatoria por esgotamento de crédito, con indicación de que a dita resolución esgota a vía administrativa e que contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ou poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, de acordo co disposto no número 5 deste artigo.

Artigo 23. Forma de pagamento

A resolución de concesión da totalidade da axuda realizarase en virtude da declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade no momento da solicitude e acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados nesta orde, sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á dita resolución de concesión. En función desa declaración responsable procederase ao seu pagamento no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

Artigo 24. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 25. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e especificamente comprobará, ao rematar o período de mantemento da actividade económica e do emprego, o seu cumprimento por se proceder aplicar algún tipo de reintegro, e tamén comprobará a veracidade das declaracións responsables presentadas.

3. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios propios ou alleos estean á disposición da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Para tales efectos, poderanse subscribir contratos para a realización de programas de auditorías das axudas.

4. Tanto as persoas físicas como as microempresas que resulten beneficiarias das axudas desta orde quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos pola normativa comunitaria, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 26. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento final da subvención.

3. Procederá, así mesmo, a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida e o seu reintegro, no suposto de non manter a alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia e, igualmente, no caso das comunidades de bens, sociedades civís o das persoas xurídicas, de manter a alta ou situación asimilada durante seis (6) meses desde a publicación desta orde, conforme o establecido no artigo 13.1.g).

4. A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impidan dará lugar á perda do dereito ao cobramento da súa totalidade e ao seu reintegro. Esta circunstancia é constitutiva dunha infracción moi grave, segundo o artigo 56.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que se poderán impoñer as sancións, recollidas no artigo 61.1 da mesma lei, de multa pecuniaria proporcional do dobre á tripla da cantidade indebidamente obtida.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de lle comunicar con antelación ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

6. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida, no caso do incumprimento da obriga de comunicarlle con antelación ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles.

7. Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida, no caso de incumprimento das obrigas de información e publicidade establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

8. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 28. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre esta orde de axudas poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade – empregoeigualdade.xunta.gal

b) Páxina web da Oficina do Autónomo – oficinadoautonomo.gal

c) No teléfono: 900 81 56 00.

Artigo 29. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file