Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 5 de maio de 2022 Páx. 26995

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado de secretario xeral do Pleno do Concello de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario xeral do Pleno, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 22 do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Pontevedra.

Posto: secretario xeral do Pleno.

Subescala: Secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 36.187,28 euros.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración local

ANEXO

Bases reguladoras da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, do posto de secretario xeral do Pleno do Concello de Pontevedra

Corporación: Concello de Pontevedra.

Denominación do posto: secretario xeral do Pleno (CDG 2001).

Nivel de complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 36.187,28 euros (segundo a vixente RPT do Concello de Pontevedra, publicada no BOP núm. 148, do 4 de agosto de 2021).

Coñecemento de lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008.

Primeira. Obxecto da convocatoria

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación, o posto de secretario xeral do Pleno do Concello de Pontevedra, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, clase primeira, categoría superior.

Segunda. Características do posto de traballo

O posto de traballo convocado está recollido na relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Pontevedra, publicada no BOP de Pontevedra núm. 148, do 4 de agosto de 2021, coas seguintes características:

– Corporación: Concello de Pontevedra.

– Denominación do posto: secretario xeral do Pleno.

– Código (CDG) na RPT: 2001.

– Escala: funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

– Subescala: Secretaría.

– Categoría: superior.

– Clase: primeira.

– Grupo: A; subgrupo: A1.

– Complemento de destino: 30.

– Complemento específico anual (segundo a última RPT publicada no BOP): 36.187,28 euros €.

– Sistema de provisión: libre designación entre funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Terceira. Requisitos

Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria e poder desenvolver o posto, no caso de ser nomeado, estar integrado na escala de funcionarios de Administración local con habilitación nacional, subescala secretaría, categoría superior.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios que se encontren nas situacións previstas no artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos/das funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Para o cumprimento do establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación nesta convocatoria, estaren en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Aquelas persoas aspirantes que non acrediten estaren en posesión do Celga 4 ou equivalente deberán realizar unha proba de carácter obrigatorio, na cal se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego, que deberá ser equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

A titulación exixida é a de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou graduado, segundo o previsto no texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, para o ingreso nos corpos ou escalas clasificadas no subgrupo A1.

Cuarta. Convocatoria e publicidade

A convocatoria e estas bases reguladoras serán remitidas pola Alcaldía Presidencia á Dirección Xeral de Administración local da Xunta de Galicia, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión ao ministerio competente en materia de función pública para que, no prazo máximo de dez (10) días, este dispoña a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Quinta. Presentación de solicitudes, documentación e prazos

As solicitudes de participación dirixiranse ao alcalde do Concello de Pontevedra e presentaranse no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE).

A instancia conterá, polo menos, os datos persoais do/da solicitante, co seu enderezo, número de teléfono móbil/fixo e enderezo de correo electrónico.

Ademais do contido mínimo previsto no artigo 66.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na solicitude deberanse indicar o número de rexistro de persoal, a situación administrativa en que se encontre o solicitante, así como o seu destino.

Xunto coa solicitude, os aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizos, os postos de traballo desempeñados na Administración, estudos e cursos realizados, coñecemento da lingua propia da Comunidade Autónoma e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

Así mesmo, prestarán declaración xurada que reúnen os requisitos legais para participaren nesta convocatoria.

Declaración xurada ou promesa de que posúe a capacidade funcional para o desenvolvemento das tarefas propias do posto de traballo obxecto da convocatoria.

As solicitudes deberanse presentar preferentemente por vía electrónica a través do Rexistro electrónico do Concello de Pontevedra, seguindo as indicacións do procedemento 239 do Catálogo de procedementos da sede electrónica do Concello de Pontevedra https://sede.pontevedra.gal/public/catalog/catalog-index.xhtml

Alternativamente, poderanse presentar en soporte papel na Oficina de asistencia en materia de rexistros do Concello de Pontevedra, ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as aspirantes que non presenten as solicitudes directamente no Rexistro electrónico do Concello de Pontevedra ou na Oficina de asistencia en materia de rexistro do Concello de Pontevedra deberano comunicar a esta entidade local no mesmo día da súa presentación, mediante fax (886 21 28 43) ou por correo electrónico (servizopersoal@pontevedra.eu).

As solicitudes que se presenten a través da oficina de Correos deberanse entregar en sobre aberto para seren seladas e datadas antes de seren certificadas.

As persoas aspirantes que acheguen as solicitudes de participación e demais documentación preceptiva a través da sede electrónica do Concello, ao xuntaren a documentación requirida en cada caso polas bases reguladoras, deberán nomear os arquivos que xuntan identificando con claridade o seu contido (DNI, curriculum vitae, etc.).

Os/as aspirantes quedan vinculados/as aos datos que fagan constar na súa solicitude, se ben os erros de feito que se poidan advertir poderán corrixirse ou repararse en calquera momento, ben de oficio, ben por instancia de parte.

A presentación da solicitude para participar na convocatoria a que se refiren estas bases comportará a plena aceptación destas.

Sexta. Resolución da convocatoria

Finalizado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía Presidencia ditará a resolución correspondente, no prazo dun mes, de ser o caso, tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases.

A resolución motivarase facendo constar o cumprimento por parte do candidato/a elixido/a dos requisitos e especificacións exixidos nestas bases, a observancia do procedemento, a competencia para o nomeamento, os concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento e as condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade do/da funcionario/a nomeado/a, e poderase declarar deserta a convocatoria, se así o considera oportuno o órgano competente, por non reuniren as persoas candidatas a idoneidade para o desempeño do posto.

Da resolución da convocatoria darase conta ao Pleno do Concello, así como traslado á Dirección Xeral de Administración local da Xunta de Galicia e ao ministerio competente en materia de función pública, para a súa anotación e publicación no Boletín Oficial del Estado.

O/a funcionario/a nomeado/a para un posto de libre designación poderá ser cesado, con carácter discrecional, polo mesmo órgano que o nomeou, nos termos e coas garantías establecidos na lexislación vixente.

Sétima. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se o destino anterior radica na mesma localidade que a do novo destino, e dun mes, se radica en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo do/da funcionario/a.

Este prazo empezarase a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución de nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Oitava. Recursos

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a Alcaldía, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 124.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses desde a mesma data, consonte o previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.