Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 5 de maio de 2022 Páx. 26993

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 27 de abril de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS508B).

BDNS (Identif.): 624347.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria de carácter privado que realicen proxectos de voluntariado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022.

Segundo. Obxecto e finalidade

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá o procedemento de concesión das subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de outubro de 2022, e proceder á súa convocatoria. Os programas e as actividades de acción voluntaria presentados polas entidades de carácter privado e sen ánimo de lucro deberán desenvolverse no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 27 de abril de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS508B).

Cuarto. Orzamento

A contía global da convocatoria, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, é de cento corenta e cinco mil catrocentos dezaseis euros (145.416,00 €) e destinarase a entidades de acción voluntaria.

A contía máxima da axuda por proxecto non poderá superar a cantidade de 4.000 euros nin o 75 % do orzamento total do proxecto presentado.

Quinto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Coa solicitude presentarase o documento do proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación dos problemas que se pretenden abordar e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto e do número de días que participará cada unha delas, así como dun orzamento desagregado do custo de todas as actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. A contía da axuda por proxecto calcularase de forma proporcional á puntuación obtida, de acordo cos criterios de valoración do artigo 12 da orde de convocatoria, ata esgotar o crédito dispoñible.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social