Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27199

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de abril de 2022 pola que se desenvolve a tramitación electrónica das solicitudes para o recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (código de procedemento MR608B) e como persoa silvicultora activa (código de procedemento MR608C).

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece no seu artigo 122 e seguintes o réxime normativo de aplicación para as agrupacións forestais de xestión conxunta, en particular, o artigo 122 quater regula o recoñecemento destas agrupacións e a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, declarado no artigo 126 da dita norma.

Doutra banda, o capítulo IV da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, desenvolve o Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as, establecendo o artigo 125 ter o recoñecemento e a inscrición no dito rexistro.

En Galicia existen preto de 11,1 millóns de parcelas catastrais rústicas pertencentes a 1,73 millóns de titulares, sen dúbida esta realidade leva parella unha dificultade na xestión eficiente e eficaz daqueles trámites administrativos directamente relacionados coas devanditas parcelas e titulares.

As agrupacións forestais de xestión conxunta, así como as persoas silviculturas activas veñen de ser chamadas a xogar un papel fundamental no desenvolvemento do sector forestal de Galicia, esta orde ten por obxecto habilitar a tramitación electrónica no recoñecemento destas figuras e persoas, co fin de asegurar unha necesaria eficiencia na tramitación administrativa e, deste xeito, dotar dunha maior seguridade xurídica as persoas administradas. As persoas solicitantes son persoas obrigadas á presentación electrónica ou atópanse nalgún dos requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia. No caso de agrupacións forestais de xestión conxunta, as diferentes entidades que poden solicitar o seu recoñecemento están incluídas nalgún dos supostos da relación do artigo 14.2 da 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que regula os suxeitos que están obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas e cumpren os requisitos do artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, pois deben ser persoas xurídicas e teren acreditado previamente a súa capacidade técnica e dedicación profesional, posto que para obteren o seu recoñecemento deben acreditar a dispoñibilidade dos medios persoais e técnicos precisos coa obriga de mantelos ao longo de toda a súa actividade, de conformidade do artigo 122 ter e quater da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. E, no caso dos silvicultores activos para o desenvolvemento da actividade como silvicultor, o artigo 8 da citada lei define a figura das persoas titulares de certificados de xestión forestal sustentable, e desenvolve no seu artigo 125.bis que, en particular, as ditas persoas ou entidades que sexan titulares de certificados de xestión forestal sustentable en vigor, con superficie no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e cos requisitos previstos na lexislación do procedemento administrativo, poderán ser designados como representantes para calquera tramitación ante o Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as.

Doutra banda, estas persoas silvicultoras veñen empregando as diversas aplicacións que para tal fin pon á súa disposición a Consellería do Medio Rural: aplicación para a tramitación das solicitudes de corta (Corweb), Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor) aplicación na cal obrigatoriamente deben estar inscritas as persoas titulares de certificados de xestión forestal sustentable para desenvolver a súa actividade nesta comunidade autónoma e á cal deben realizar unha comunicación anual, e/ou a aplicación para a presentación de instrumentos de ordenación e xestión forestal (Xorfor). Todas estas aplicacións están dispoñibles exclusivamente por vía telemática e os solicitantes dos procedementos regulados nesta orde empréganas acotío.

Cabe ademais argumentar razóns de eficiencia global xa que as aplicacións informáticas poden facer comprobacións que eviten automaticamente determinados erros que se poderían entender como inexactitudes, falsidades ou omisións.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.10 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Medio Rural en materia de montes e aproveitamentos forestais e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular o procedemento de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta (MR608B) e das persoas silvicultoras activas (MR608C) consonte o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde aplicarase a aquelas persoas xurídicas que desexen ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta e/ou a aquelas persoas físicas ou xurídicas que desexen ser recoñecidas como persoas silvicultoras activas consonte o disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 3. Presentación das solicitudes

1. As persoas solicitantes tanto da inscrición no Rexistro de Silvicultoras Activas como do recoñecemento e inscrición no Rexistro de Asociacións de Xestión Conxunta atópanse nalgunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia. As solicitudes para o recoñecemento como agrupacións forestal de xestión conxunta e para o recoñecemento como persoa silvicultora activa presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados MR608B e MR608C respectivamente, dispostos nos anexos I e II da presente orde e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá presentarse coa solicitude a listaxe completa de persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico do anexo IV. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

3. As solicitudes dirixiranse ao órgano forestal, ao Servizo de Montes da xefatura territorial correspondente, como o órgano inferior competente por razón de materia e territorio, logo da remisión a este da documentación requirida, solicitaralle á persoa solicitante, de ser o caso, a emenda e mellora da solicitude, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. En particular, poderá solicitar, de acordo co indicado neste precepto, a aclaración da documentación presentada e a modificación do ámbito da actuación. O órgano forestal comunicará as solicitudes para o recoñecemento como agrupacións forestal de xestión conxunta á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o seu coñecemento.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 4. Requisitos

1. Consonte o artigo 122 quater da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as persoas interesadas que pretendan o recoñecemento da agrupación forestal de xestión conxunta, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán:

1º. Presentar a solicitude do formulario normalizado recollido no anexo I (MR608B) cos seguintes datos:

a) Datos da persoa solicitante.

b) De ser o caso, datos da persoa representante.

c) Datos específicos da agrupación: identificar a tipoloxía da agrupación proposta. En particular, tipoloxía consonte o disposto no artigo 122 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, NIF e nome da agrupación, datos de enderezo e contacto da agrupación, CNAE principal, data notarial de constitución, de ser o caso, data de inscrición no Rexistro Mercantil, superficie total, superficie da que se dispón de dereitos, identificación da/das persoa/s administradoras, número de Resfor da persoa que lle presta servizos profesionais de xestión forestal e número de persoas socias.

d) No caso de asociacións sen ánimo de lucro poderá solicitar no mesmo trámite a declaración de utilidade pública e interese social para a actuación de xestión conxunta na superficie da asociación. Igualmente, as asociacións sen ánimo de lucro que teñan solicitada a declaración de utilidade pública e interese social da asociación poderán indicalo no formulario xunto coa data da solicitude para que, unha vez inscrita a asociación, a Consellería do Medio Rural o comunique á consellería competente para a declaración, para os efectos da aplicación do establecido no artigo 122 quater número 6 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

As asociacións sen ánimo de lucro que teñan recoñecida a utilidade pública poderán achegar copia da orde da consellaría competente na materia coa declaración de utilidade pública da asociación para a súa inscrición no Rexistro Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

2º. Os terreos incluídos dentro do ámbito da iniciativa non poderán formar parte doutra agrupación co mesmo obxecto.

2. Consonte o artigo 125 ter da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as persoas ou entidades interesadas en que sexan recoñecidas como persoas silvicultoras activas, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán presentar a solicitude do formulario normalizado recollido no anexo II (MR608C) cos seguintes datos:

a) Datos identificativos da persoa solicitante.

b) De ser o caso, datos da persoa representante.

c) De ser o caso, datos da persoa ou entidade que sexa titular dos certificados de xestión forestal sustentable, podendo ser esta persoa coincidente coa persoa representante.

d) Datos das unidades de xestión forestal (UXF), número, concello ou concellos onde se sitúan e superficie total das UXF obxecto de solicitude.

e) Número de persoas que se vaian recoñecer como silvicultoras activas que, de ser o caso, figuren no anexo IV.

Artigo 5. Presentación de documentación complementaria

1. As persoas interesadas deben achegar a solicitude cos datos que para cada procedemento se especifica no artigos 6 e 7 desta orde.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación das solicitudes de recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta (MR608B)

As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude de recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta, a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, de ser o caso.

b) Listaxe para identificar a superficie da iniciativa de actuación de xestión ou comercialización conxunta, mediante o conxunto das referencias catastrais, desagregando aquelas das persoas socias daquelas que non son pero das cales se dispón a delegación do seu uso co seu prazo de cesión, e para cada unha delas, coa relación da persoa ou persoas titulares (NIF e nome) xuntamente coa súa porcentaxe e dereito sobre a parcela catastral (PR: propiedade, NP: nuda propiedade, US: usufruto, CA: concesión administrativa, DS: dereito de superficie ou DF: desfrutador).

c) Listaxe onde, para cada persoa socia, de ser o caso, se indique o tipo de participación (de superficie, de capital, mixta), clase de participación (forestal, xeral), número de participacións, e prazo de delegación ou cesión en anos.

d) De ser o caso, a solicitude da declaración de utilidade pública e interese social para a actuación de xestión conxunta.

e) Xustificación do cumprimento dos requisitos establecidos na Lei 7/2012, de montes de Galicia, e, en particular, se for o caso, a constitución da entidade correspondente que vai levar a cabo a actuación de xestión conxunta, achegando os seus estatutos.

f) Documentación que acredite a disposición dos dereitos de uso da superficie das terras de natureza forestal incluídas no ámbito da iniciativa de xestión ou comercialización conxunta. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 % da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa.

Respecto da xustificación dos dereitos de uso, para os efectos recollidos na Lei 7/2012, de montes de Galicia, e salvo proba en contrario, a Administración considerará a persoa que con tal carácter conste en rexistros públicos que produzan presunción que só poida ser destruída xudicialmente ou, na súa falta, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais, ou finalmente a quen o sexa pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título escrito.

g) Cartografía poligonal coa superficie da actuación de xestión conxunta en formato shapefile e datum ETRS89-UTM29N. Non será de aplicación cando se estea no caso das agrupacións enunciadas na alínea a), epígrafe 4 do artigo 122 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, entendendo neste caso que a relación de referencias catastrais é suficiente.

h) Anexo III, de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, cos DNI/NIF das persoas integrantes da agrupación.

i) Outra documentación que desexen achegar.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación das solicitudes de recoñecemento como persoa silvicultora activa (MR608C)

As persoas físicas ou xurídicas interesadas deberán achegar coa súa solicitude de recoñecemento como persoa silvicultora activa a seguinte documentación:

a) Listaxe das unidades de xestión forestal (UXF) que se rexistrarán cos códigos de licenza do sistema de certificación recoñecido internacionalmente. Estas UXF deberán ser identificadas ben polas referencias catastrais que correspondan, ben polo código de aprobación do seu instrumento de ordenación ou de xestión forestal (IOXF), ou a través do código de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos outorgados polo órgano forestal, toda vez que ditos instrumentos están desagregados nas súas referencias catastrais.

b) Anexo IV: pluralidade de persoas solicitantes, de ser o caso, coa listaxe completa de persoas ou entidades interesadas en seren recoñecidas como persoas silvicultoras activas.

c) Listaxe de persoas que se vaian recoñecer como silvicultoras activas desagregadas por IOXF. Para cada unha das referencias catastrais dos ditos instrumentos, relacionaranse a persoa ou persoas titulares (NIF e nome) xuntamente coa súa porcentaxe e dereito sobre a parcela catastral (PR: propiedade, NP: nuda propiedade, US: usufruto, CA: concesión administrativa, DS: dereito de superficie ou DF: desfrutador). No caso de que estas persoas sexan coincidentes cos datos das persoas titulares establecidos nos correspondentes IOXF, non será necesario achegar a dita información, entendendo o órgano forestal que son aquelas como propietarios (PR) das cales se desexa o seu recoñecemento como persoas silvicultoras activas.

d) Documentación que acredite a disposición dos dereitos de uso da superficie das unidades de xestión forestal. Para estes efectos, a xustificación dos dereitos de uso poderá facerse mediante a documentación acreditativa que conste nos rexistros públicos que produzan presunción de titularidade que só poida ser destruída xudicialmente ou, na súa falta, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais ou, finalmente, a quen os teña pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título. Non será necesario achegar a dita información, cando xa fora remitida na tramitación do IOXF.

e) No caso de que a inscrición sexa realizada por representación, deberá presentar documento acreditativo da representación.

f) Anexo III, de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

g) Outra documentación: calquera outra información que as persoas solicitantes desexen achegar.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e das persoas socias, de ser o caso.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Cando se trate dunha pluralidade de persoas, utilizarase o anexo III da presente orde.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF das entidades titulares.

2. Consultaranse ademais os datos recollidos ao abeiro do Decreto 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación tal circunstancia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Resolución e efectos

1. O Servizo Provincial de Montes valorará a solicitude de recoñecemento como agrupación forestal de xestión conxunta presentada e a documentación acompañante e verificará se se cumpren os requisitos exixidos consonte o artigo 122 quater da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Á vista da documentación achegada e, de ser o caso, das súas emendas elevará unha proposta de resolución ao titular do órgano forestal que resolverá o recoñecemento da agrupación de xestión conxunta. O órgano forestal notificará a resolución de recoñecemento da agrupación de xestión conxunta e da viabilidade da superficie de actuación dentro do prazo de seis meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. No caso de que non se dite e notifique no indicado prazo a resolución, as persoas interesadas poderán considerar desestimada a súa solicitude para os efectos da interposición dos recursos procedentes.

2. Unha vez recoñecida a agrupación, esta inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais regulado no artigo 126 desta lei. A dita resolución e inscrición serán comunicadas á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa inscrición na sección forestal do Rexistro Público de Agrupacións Agroforestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As asociacións sen ánimo de lucro poderán ser declaradas de utilidade pública de acordo cos requisitos establecidos na lexislación de asociacións. En particular, a Administración autonómica entenderá que promoven o interese xeral, para os efectos do previsto na lexislación de asociacións, aquelas inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta cuxa actividade se refira a terreos compostos, polo menos, nun 85 % por formacións arbóreas das especies do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou de piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.).

4. O Servizo Provincial de Montes valorará a solicitude de recoñecemento como persoa silvicultora activa presentada e a documentación acompañante e verificará que se cumpren os requisitos exixidos consonte o artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Á vista da documentación achegada e, de ser o caso, das súas emendas elevará unha proposta de resolución ao titular do órgano forestal que resolverá o recoñecemento como silvicultor/a activo/a. O órgano forestal notificará a resolución de recoñecemento dentro do prazo de tres meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. No caso de que non se dite e notifique no indicado prazo a resolución, as persoas ou entidades interesadas poderanas considerar estimadas para os efectos da interposición dos recursos procedentes.

Unha vez recoñecido como silvicultor/a activo/a, procederá a inscribirse de oficio no Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as.

5. O Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as expedirá certificacións do seu contido, que poderán ser obtidas, por medios telemáticos, por calquera suxeito que acredite un interese lexítimo na súa obtención e utilizando un certificado de sinatura electrónica recoñecido. Así mesmo, de forma agregada, a información sobre o número e superficie rexistrada será publicada e difundida periodicamente mediante os informes de estatística forestal, ao abeiro do artigo 103 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

6. Calquera alteración dos datos inscritos ou baixas deberá ser comunicada ao órgano forestal nun prazo máximo de tres meses desde que se producise. No caso de que unha unidade de xestión pase a estar incluída noutro certificado de xestión forestal sustentable, o silvicultor/a activo/a, ben directamente ou ben a través do seu representante, deberá igualmente comunicar ao Rexistro a dita circunstancia.

7. O órgano forestal poderá, en colaboración coas persoas titulares de certificados de xestión forestal sustentable e cos sistemas de certificación forestal, realizar controis administrativos co fin de asegurar a veracidade da información rexistrada. A detección de discrepancias significativas de información poderá producir a baixa de oficio da inscrición do silvicultor/a no Rexistro.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación destes procedementos deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de planificación e ordenación forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file