Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2022 Páx. 27532

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT221C).

BDNS (Identif.): 624700.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT221C).

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concurrencia competitiva, das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT221C).

Cuarto. Importe

A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €). As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 90.000,00 € e, con cargo aos orzamentos de 2023, a cantidade de 110.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación e Universidade