Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Martes, 10 de maio de 2022 Páx. 27826

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 6 de marzo de 2019, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), asinou un acordo coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, as que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as mulleres vítimas de violencia de xénero. Tendo en conta as súas especificidades, tanto no relativo ao seu financiamento como á duración anual da subvención e ao volume previsto de solicitudes, considerouse oportuno crear, dentro do Programa do bono de alugueiro social, unha liña específica destinada ás axudas ao alugamento de vivendas para as persoas vítimas de violencia de xénero con recursos económicos limitados, dando cumprimento ao previsto no citado Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O importe máximo desta axuda non excede, con carácter xeral, o 50 % da renda máxima correspondente á zona territorial onde estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento.

Segundo. A situación económica das persoas beneficiarias deste programa de axudas resultou especialmente afectada como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Para facer fronte a este escenario, a presidenta do IGVS ditou a Resolución do 19 de maio de 2020, de concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, a cal foi publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) do 22 de maio de 2020. Mediante o seu outorgamento conseguiuse subvencionar a totalidade da renda mensual do contrato de alugamento que as persoas beneficiarias tiñan que pagar desde o mes de xuño ata o mes de decembro do ano 2020.

Terceiro. Coa finalidade de manter esta axuda durante o ano 2021, o 15 de febreiro de 2021 asinouse entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS, e a Consellería de Emprego e Igualdade, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un acordo para financiar unha nova convocatoria deste programa no ano 2021, así como para atender as prórrogas ás axudas concedidas inicialmente nos anos 2019 e 2020 e, ademais, para conceder a axuda directa para complementar a subvención do citado programa, ata o 100 % do importe da renda que tiñan que aboar as mulleres beneficiarias durante a anualidade 2021.

Cuarto. A previsible evolución da economía a raíz desta pandemia e a vulnerabilidade destas unidades de convivencia aconsellan manter esta medida excepcional ao longo do ano 2022. Para estes fins, mediante a presente resolución concederase directamente unha axuda ás persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Presidencia do IGVS, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

Segundo. A concesión destas axudas realizarase de forma directa, de conformidade co establecido nos artigos 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en relación co artigo 40 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ao concorreren razóns de interese público, social, económico e humanitario. Estas circunstancias quedan acreditadas polo informe dos servizos sociais dos concellos que necesariamente debe incorporase ao procedemento de concesión das axudas do Programa do bono alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e onde se valoran as circunstancias persoais, sociais e económicas que aconsellan a concesión desta axuda por tratarse dun colectivo vulnerable.

De conformidade con todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a este colectivo especialmente vulnerable.

Segunda. Normativa de aplicación

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Terceiro. Crédito orzamentario

Estas axudas complementarias faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3, proxecto 2019 00009, polo importe de 539.102,48 euros.

Cuarto. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data de publicación desta resolución no DOG teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. Para ser persoa beneficiaria destas axudas será requisito necesario que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda.

3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas ás cales lles fose notificada unha declaración de perda do dereito ou a revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou aquelas en que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Quinto. Contía da axuda e duración

1. A contía mensual da axuda complementaria para o ano 2022 será a mesma que viñan percibindo no ano 2021. Non obstante, en ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coa axuda do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 5 da Orde do 11 de abril de 2019.

2. A axuda terá unha duración máxima de doce meses, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2022.

Sexto. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.

2. A tramitación deste procedemento será realizada pola Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar ningunha solicitude.

3. Os datos necesarios para a tramitación do procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria ditaraa a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Sétimo. Xustificación da subvención

A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable dirixida á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, en que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Oitavo. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta resolución e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

a) Presentar, dentro do prazo sinalado no ordinal sétimo, as declaracións responsables de que continúan residindo na vivenda alugada.

b) Facilitar toda a información que requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Permitirlle ao IGVS realizar as inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

d) Comunicar á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda alugada calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Décimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A perda e reintegro da subvención do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes desde o seu pagamento, aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo primeiro. Incompatibilidade

Esta subvención é incompatible con outras axudas establecidas para a mesma finalidade que se poidan conter en programas estatais ou autonómicos en materia de vivenda, salvo coas propias axudas do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero.

Décimo segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo